Aprendizaxe, activismo, comunidade e orgullo: catro proxectos de 'Mil Primaveras' para o galego

'O Dépor é da Coruña', 'Comando Le', 'As chaves da Lingua' e 'Revolta Galega', premios Mil Primaveras 2025 CC-BY-SA ATSF, Comando Le, As chaves da Lingua, Revolta Galega / Montaxe: Praza.gal

A sétima edición dos Premios MIl Primaveras, da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) recoñeceu catro novas iniciativas para promover o galego: o proxecto didáctico e divulgativo en liña As chaves da lingua; Comando Le, grupo de activismo cultural da Asociación Espazo Lectura; a campaña O Dépor é da Coruña, impulsada polo IES Rafael Dieste da Coruña e derivado do Aquí Tamén Se Fala, e Revolta Galega, un modelo integral de dinamización lingüística no CPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños.

O xurado destaca que nesta edición acordou recoñecer catro programas que "fan partícipe a mocidade, reforzan o orgullo pola lingua e buscan mellorar a aprendizaxe e a calidade lingüística", ademais de "fornecer de recursos útiles e accesibles, asociar o idioma con valores positivos e crear espazos de lecer en galego".

Actividade do programa de dinamización 'Revolta Galega', no CPI As Revoltas CC-BY-SA Revolta Galega

Concedéronse, nesta ocasión, catro premios, sen xerarquías, entre proxectos que tiveron vixencia en 2022, 2023, 2024 e 2025. Outros recoñecementos da CTNL no seu obxectivo, con estes galardóns, de "valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal valorizar e fomentar a lingua e procurar o incremento do seu uso e/ou prestixio". 

A CTNL premia un proxecto en liña 'As chaves da lingua', o grupo de activismo cultural 'Comando Le', a campaña 'O Dépor é da Coruña' e 'Revolta Galega', un programa de dinamización nun colexio de Cabana

"Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos", destacan. 

Os proxectos gañadores foron elixidos logo de avaliar un total de 24 presentados nesta edición. Un dos premiados foi As chaves da lingua, unha iniciativa didáctica e divulgativa de Noemí García Rodríguez que busca "mellorar as competencias lingüísticas e dar a coñecer a riqueza e utilidade do galego". O xurado valorou a súa "orixinalidade, imaxe, calidade comunicativa e bo uso das redes sociais", alén da variedade de persoas destinatarias e o seu enfoque práctico.

Outro dos proxectos recoñecidos foi Comando Le, un grupo de activismo cultural dirixido a adolescentes de máis de 12 anos e que foi concibido "como un espazo de lecer, encontro e creación en lingua galega". O xurado salientou que se trata dun proxecto que "consegue involucrar os adolescentes, público moi necesitado de ámbitos de uso da lingua, e faino nun contexto de lecer, creando comunidade e compartindo orgullo cos iguais". É ademais un programa replicable e adaptable a outros contextos, destacan. 

'As chaves da lingua' mellora as competencias do galego e fomenta a súa riqueza en liña; 'Comando Le' involucra os adolescentes na creación en o lecer co idioma

Ademais, a iniciativa O Dépor é da Coruña, programa derivado da campaña Aquí Tamén Se Fala, do IES Rafael Dieste da Coruña, sumou un novo recoñecemento na súa loita pola adaptación do nome do club ao topónimo oficial e en galego da cidade. "O xurado destacou a forza simbólica e a repercusión fóra do centro educativo, levando a reflexión sociolingüística á sociedade coruñesa no seu conxunto. Así mesmo, é unha iniciativa que chama á acción", di a CTNL. 

'Aquí tamén se fala' repartiu varias veces adhesivos co lema "O Dépor é dA Coruña" en Riazor CC-BY-SA ATSF

Por último, tamén levou premio Revolta Galega, un programa que traballa a dinamización lingüística no CPI As Revoltas, de Cabana de Bergantiños, "de forma planificada e sostida no tempo", buscando o mantemento e o reforzo da lingua e a mellora do seu prestixio. 

Coa campaña 'O Dépor é da Coruña', o IES Rafael Dieste da Coruña volve ser recoñecida; en Cabana de Bergantiños foi premiado o programa de dinamización do CPI As Revoltas

O xurado valorou que é un "modelo integral de dinamización" para todo centro e en diferentes ámbitos (expresión oral e escrita, creación de contidos, relación coas familias ou tradicións), que "axuda a afianzar a lingua e a reflexionar sobre a súa importancia social, patrimonial e cultural". "É tamén un modelo de traballo replicable e adaptable a outros centros educativos", destaca a CTNL, que o vindeiro mes de xuño organizará en Pontevedra un acto público de entrega de premios. 

O xurado dos Premios Mil Primaveras de 2025, que ten a colaboración da Deputación de Pontevedra, estivo formado por Ana González Liste, xornalista de Praza.gal; Beatriz Vilaverde Santamariña, técnica de normalización lingüística da Deputación da Coruña; Irimia Fernandez Álvarez, creadora de Brazolinda (premiado na anterior edición); Álvaro López García, responsable de Galego para Peques (premiado na anterior edición); e Marta Besada Otero, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.