As 'Mil Primaveras' para o galego están na música, no xogo, nas redes sociais e nos recursos para crianzas

Imaxe da edición 2021 dos Premios Mil Primaveras © CTNL

Os premios buscan recoñecer e difundir proxectos de posta en valor e fomento do galego, especialmente os que potencian a implicación das persoas destinatarias e asocian a lingua con valores positivos e atractivos

Dende o ano 2019 a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), coa colaboración da Deputación de Pontevedra, entrega os Premios Mil Primaveras, un certame que busca recoñecer e difundir proxectos de posta en valor e fomento do galego, especialmente os que potencian a implicación das persoas destinatarias e asocian a lingua con valores positivos e atractivos.

A CTNL vén de dar a coñecer os proxectos gañadores da terceira edición, correspondente ao ano 2021, que premian a Do berce á rúa (como proxecto estabilizado), CantáMOLA en galego (como proxecto novo), Twitter en galego e Instagram en galego (pola súa comunicación e impacto), Somos xogo (como programa máis innovador), Dicionario galego para boomers (como proxecto destinado áinfancia e mocidade) e Media laranxa (como proxecto dun ámbito sectorial).

Paneis da exposición CantáMOLA en galego, na praza de Ourense da cidade de Pontevedr © Belén Capicúa

Dende hai unha década o Concello de Narón impulsa a iniciativa 'Do berce á rúa', un dos primeiros espazos que se creou con recursos para a crianza en galego

Do berce á rúa

Como Premio ao mellor proxecto estabilizado o xurado recoñeceu Do berce á rúa, que desde 2010 desenvolve o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, converténdose nun dos primeiros espazos que se creou con recursos para a crianza en galego. Serviu de modelo para un programa referente coma o Apego, co que coopera. A resolución salienta "a interesante e variada" compilación de recursos audiovisuais para a infancia e outros recursos, "útiles tanto para as familias como para o persoal de educación". 

CantáMOLA en galego, do Concello de Pontevedra, aposta pola visibilización da música en galego 

CantáMOLA en galego

Na categoría de mellor proxecto novo o gañador foi CantáMOLA en galego, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, pola súa aposta pola visibilización da música en galego de todos os estilos e por estar especialmente dirixido á mocidade. Componse de exposicións de diferentes tamaños a listas de reprodución e vídeos, dialogando co ensino e facéndolle chegar recursos (entre eles, unha unidade didáctica) para que o alumnado descubra a riqueza musical en galego e asocien a lingua a un ámbito de gran valor para eles e elas. REPORTAXE | CantáMola en galego: unha exposición para un fervedoiro de músicas actuais

O xurado destacou que Twitter en galego e Instagram en galego son "proxectos efectivos, con alta repercusión social" 

Twitter en galego e Instagram en galego

O Premio á mellor comunicación e impacto foi para dous proxectos relacionados entre si: Twitter en galego e Instagram en galego, "proxectos efectivos, con alta repercusión social e nos cales se traballa de forma horizontal", destaca o xurado, que valorou tamén a súa capacidade de asentar o léxico das novas plataformas en galego. As dúas iniciativas contan con 33.000 seguidores en Twitter, 32.000 en Instagram e 15.000 en Facebook,

'Somos xogo', de Xandobela, asocia a lingua ao xogo, en colaboración constante cos centros de ensino

Somos xogo

O Premio ao proxecto máis innovador foi para Somos xogo, de Xandobela. Educación e Cultura, destacando o xurado que se trata dun "proxecto aglutinador, transversal, que achega a tradición á actualidade e que asocia a lingua a algo que valoramos positivamente, o xogo". Saliéntase tamén a colaboración co ámbito educativo e a promoción do galego no lecer e en espazos de socialización.

Algunha das últimas entradas do dicionario galego para boomers ©

O 'Dicionario galego para boomers' do IES Leiras Pulpeiro de Lugo é un proxecto escolar que leva o ensino da lingua máis alá da aula tradicional

Dicionario galego para boomers

O Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade foi para un proxecto escolar, o Dicionario galego para boomers, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo. A iniciativa outorga un papel activo á xente nova e vincula o galego "co novo, o moderno e o máis actual" levando o ensino da lingua alén da aula tradicional, destaca o xurado, que tamén valorou "a eficiencia comunicativa" a través das redes que manexa a mocidade e o "coidado deseño".

Media Laranxa "demostra que o galego pode funcionar en igualdade" en espazos como a cociña e a gastronomía"

Media laranxa

O Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial foi para Media laranxa, sinalando o xurado que a iniciativa "demostra que o galego pode funcionar en igualdade" en espazos como a cociña e a gastronomía, acadando unha gran repercusión nas redes sociais, onde busca o diálogo coas persoas usuarias, principalmente a través de xogos. O xurado tamén valorou que consiga a colaboración de empresas e que poña en valor a riqueza dialectal.

Os Premios Mil Primaveras, que non teñen dotación económica, serán entregados proximamente nun acto público

Os Premios Mil Primaveras, que non teñen dotación económica, serán entregados proximamente nun acto público. O xurado estivo formado por Soco García Conde, técnica de normalización lingüística do Concello de Santiago de Compostela, Nel Vidal Barral, docente no IES Rego da Trabe, de Culleredo, Inmaculada Seage Freire, técnica de normalización lingüística dos concellos de Rois e Dodro, Fátima Rodríguez Ruibal, docente no IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, e Iolanda Fernández Casal, xornalista e responsable de comunicación da Real Academia Galega.

Dende hai unha década o Concello de Narón impulsa a iniciativa 'Do berce á rúa' ©

Edicións anteriores

Na primeira edición, correspondente ao ano 2019, os proxectos premiados foron Modelo Burela (como proxecto estabilizado), Falemos de ti e min (como proxecto novo), Desafío 48 h  (pola súa comunicación e impacto), Youtubeir@s  (como programa máis innovador), Eu Presumo de Galego  (como proxecto destinado á mocidade) e GCiencia  (como proxecto dun ámbito sectorial).

Na segunda edición, do ano 2020, as iniciativas galardoadas foron os Proxectos Regueifesta e Enreguéifate (como proxecto estabilizado), Galeguiza-T (como proxecto novo), o DígochoEu da CRTVG  (pola súa comunicación e impacto), o  Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega (como programa máis innovador), Projeto Educativo Semente  (como proxecto destinado á mocidade) e  Galegoempresas  (como proxecto dun ámbito sectorial), cunha mención ademais para o proxecto  O galego, a miña lingua propia, da Deputación da Coruña

'Somos xogo', de Xandobela, asocia a lingua ao xogo, en colaboración constante cos centros de ensino © Xandobela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.