Os murais de Lugrís fican na rúa Olmos, onde serán protexidos e poderán ser visitados

Mural de Lugrís na rúa Olmos © In Nave Civitas

O Concello da Coruña e a Xunta acordaron que as pinturas permanecerán no seu actual emprazamento, ante o alto custo e risco que suporía un traslado destas doce pinturas a outras dependencias

No baixo dos números 25 e 27 da rúa Olmos da Coruña Urbano Lugrís pintou no ano 1951 varios dos seus murais de temática mariña, como fixo noutros locais próximos da rúa Real, da rúa da Estrela ou da compostelá rúa do Franco. Entre eles hai pinturas de gran tamaño, que ocupan unha parede e parte do teito dun espazo que nas últimas décadas acolleu distintos locais de hostalaría, pero que permanece baleiro dende 2020, incrementando o risco de degradación dos murais.

Este martes o Concello da Coruña e a Xunta acordaron que as pinturas permanecerán no seu actual emprazamento, ante o alto custo e risco que suporía un traslado destas doce pinturas a outras dependencias. Alí serán protexidas e existe a intención de abrir no futuro un espazo que poña en valor a obra do artista. Os murais foron declarados no ano 2024 como Ben de Interese Cultural logo dos informes municipais e autonómicos que así o requirían e co obxectivo de outorgarlle a máxima protección para a súa conservación e posta en valor.

Estado dun dos murais de Urbano Lugrís do vello restaurante Fornos, nunha imaxe de arquivo ©

Os murais foron declarados no ano 2024 como Ben de Interese Cultural. As pinturas son, na actualidade, propiedade da Xunta, mentres que os baixos nos que se atopan pertencen a un particular

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, reuníronse para analizar o informe técnico de avaliación das pinturas e afondar nas diferentes alternativas para a súa conservación. Estas pinturas son, na actualidade, propiedade da Xunta de Galicia, mentres que os baixos nos que se atopan pertencen a un particular.

Castro amosou á Xunta a predisposición do Concello para xestionar este espazo e crear unha nova dependencia cultural aberta á cidadanía para poñer en valor o legado de Urbano Lugrís. "Temos claro que os murais de Lugrís son un ben cultural de primeira orde para a cidade e, polo tanto, avogamos por un acordo entre as distintas administracións para a súa preservación e apertura á cidadanía”, sinalou Gonzalo Castro. 

"Temos claro que os murais de Lugrís son un ben cultural de primeira orde para a cidade e, polo tanto, avogamos por un acordo entre as distintas administracións para a súa preservación e apertura á cidadanía”, sinalou o concelleiro Gonzalo Castro. 

Esta reunión dá cumprimento ao acordo aprobado por unanimidade polo pleno do Concello da Coruña e do Parlamento de Galicia que instaba ás administracións implicadas a iniciar un diálogo para a recuperación dos murais. Tanto o Concello como a Xunta emprazáronse a unha nova reunión para estudar os seguintes pasos a dar para proceder á restauración das pinturas e a apertura deste local da rúa Olmos.

As asociacións O Mural e In Nave Civitas levan anos advertindo do risco de desaparición que sofren estas obras de Lugrís, nun edificio con graves problemas de humidade e filtracións de auga, unhas condicións moi prexudiciais para a pintura, tendo en conta o efecto negativo do fume do tabaco que presidiu durante décadas os locais de hostalaría que ocuparon este espazo. Así mesmo, lembran que Lugrís non empregaba materiais de calidade, o que fai a súa pintura máis susceptible a sufrir un deterioro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.