En moitos casos fíxose unha lectura do pensamento de Xohana Torres a través das opinións que as protagonistas presentan sobre a súa contorna. Porén, estas personaxes viven momentos de cambio social vertixinoso que supoñen distintos graos de emancipación. Maxa e a súa nai, de Adiós María, representan os últimos chanzos dunha longa cadea de mulleres que se enfrontan á soidade, a frustración e a vulnerabilidade. Até entón, na literatura galega, a saída da muller que permanecía en Galiza era a loucura ou a morte.
Mais Maxa resiste ambas, mentres a nai decide emigrar. A nai non é -non se resigna a ser- unha Penélope nin unha viúva de vivo. Sitúase entre Inés, a avoa que obedece a norma patriarcal, e Maxa, a filla que procura novos vieiros. De igual xeito que o pai de Maxa non é nin Kaiser nin Pericles. Pero os roles de xénero aínda non mudaron tanto. Son algunhas das conclusións que tira Ana Garrido no seu ensaio Xohana Torres: da viúva de vivo á muller navegante.
As protagonistas de Un hotel de primavera ou Adiós María son raras ou tolas, sofren soidade e frustración, mais a lectura do que lles acontece non pode facerse só, segundo esta autora, desde a visión subxectiva -cambiante, en construción- das mesmas. As contradicións nas que estas mulleres se moven, desde a súa posición de vulnerabilidade, constitúen segundo Garrido unha denuncia da situación da muller nas décadas dos 60 e 70 do século pasado. Mesmo no caso das que están integradas no discurso misóxino do nacionalcatolicismo, como a avoa Inés.
Así, fronte á representación tradicional da muller como viúva de vivo, existe unha liña que vai de Rosalía de Castro a Xohana Torres na que se vai cuestionando “o tópico da muller galega como abnegada matriarca de forza inesgotábel sempre ao servizo dos seus e, polo tanto, da nación”, explica Garrido. Neste sentido, a coñecida Penélope navegante de Tempo da Ría non xorde tan abruptamente, senón que ten o seu antecedente en Adiós María.
Existe unha liña que vai de Rosalía de Castro a Xohana Torres na que se vai cuestionando “o tópico da muller galega como abnegada matriarca de forza inesgotábel”, explica Garrido
Mais a interpretación da obra de Torres anterior a 1980 realizouse sen conectala coa súa produción da década dos 60 e 70. Como xa advertira Helena Miguélez-Carballeira en Galicia, A Sentimental Nation, os homes de Galaxia contemplaron a produción de Torres como resultado da súa propia benevolencia e perspicacia, analizando as súas obras desde un punto de vista de personaxes femininas “sentimentais” entregadas ao ámbito íntimo e familiar como correspondía ao estereotipo da ‘matriarca galega’ como piar da casa e da nación.
Desde esta perspectiva parte da crítica entende a emigración da nai de Maxa como un acto de submisión ao marido. Mais, indica Garrido, a nai pertence a unha época na que as mulleres cansaran de seren as que agardaban. Nos anos 60 as mulleres emigraban masivamente, deixando os fillos a cargo das avoas, tías ou fillas máis vellas. Así, se ben a nai de Maxa marcha sen mirar atrás nin despedirse da filla, pódese entender que está a comportarse non como unha “abandonadora” senón como unha nai responsable que renuncia aos fillos para asegurarlles o sustento, como ata entón fixeran os homes.
Desde a visión esencialista e patriarcal da identidade nacional construírase porén unha imaxe da matriarca galega, valedora da casa, forte e loitadora, que vive a emigración como suxeito pasivo, sufrindo pola ausencia do marido segundo un ideal de abnegación, fidelidade e renuncia, facendo do seu sentimento un elemento cohesionador do grupo desde unha narrativa da perda, tal como foi descrita por Sara Ahmed. Imaxe creada distorsionando o discurso de vindicación da muller e a reescritura do mito de Penélope a partir das “viúvas de vivos e viúvas de mortos”.
Mais, fronte a estas Penélopes que agardan abnegadas eríxese a metáfora “contracultural” -tampouco exenta de contradicións esencialistas- da Tola do Monte, nacente coas penélopes entolecidas e suicidas de Follas Novas ou coa identificación establecida pola propia Rosalía entre o eu poético e a tola e a estranxeira. Unha construción próxima á de Castelao, Dieste ou Seoane que, segundo Garrido, está máis apegada á vindicación social e histórica que ás esencias nacionais, como nas figuras marxinadas, de clase traballadora, de Seoane. A loucura é nestas personaxes un xeito de sobrevivencia, mais tamén un berro contra unha sociedade que exclúe as mulleres rebeldes, condenándoas á soidade e o ostracismo.
A viúva de vivo é desde esta óptica unha muller desamparada á que, pola súa dependencia económica respecto ao home, agarda unha vellez miserable. Unha muller á que unha sociedade que a colocou nunha situación de vulnerabilidade trata de tola ou bruxa, evitando confrontar as causas reais dos seus problemas. No fondo, explica Garrido, a loucura destas mulleres é unha manifestación, un berro de dor ante circunstancias sociais que oprimen e condenan as súas vidas. Elas, ao non aceptar as circunstancias que as rodean, desafían o rol tradicional e submiso da feminidade, polo que son consideradas bruxas-monstros-tolas.
A muller individual e histórica é, segundo esta autora, reivindicada nesta visión feminina creada desde a ideoloxía republicana. A representación da ausencia perde abstracción, xurdindo a muller concreta que hai detrás do monstro, da bruxa que dá medo. Sen que o corpo feminino deixe de ser lenzo sobre o que se escribe a batalla nacional e social, pois a viúva de vivo tola evoca o sufrimento nacional. A obra de Xohana Torres inscríbese, segundo Garrido, nesta mesma liña.
Como acontecía coas viúvas de vivos tolas, as súas protagonistas dos anos 60 e 70 amosan unha identidade desarraigada ante o contexto social ou familiar que as estigmatiza como raras ou tolas por non acatar un comportamento submiso. Mais a diferenza coas tolas do monte da tradición galeguista republicana é, segundo Garrido, que as protagonistas de Torres narran a súa propia historia, teñen a súa propia voz aínda estando marxinalizadas. Toman as súas propias decisións, comezando a romper a dependencia respecto do home que impuxeran os roles tradicionais.
As protagonistas de Torres narran a súa propia historia, teñen a súa propia voz aínda estando marxinalizadas
Así, na obra de Torres -apunta Garrido- a casa pasa a ser un lugar opresivo, polo que se cuestiona a súa centralidade e sacralidade, tal como fora definida polo discurso nacional tradicional. Torres abre a porta, segundo esta autora, a tratar o fenómeno da emigración portas a dentro, dando mostra do traballo escravo que representa a ‘casa’ no ámbito galego.
“Vista desde esta perspectiva” -escribe Garrido- “Adiós María é un ataque directo ás esencias da nación e Torres unha grandísima pioneira”. A Galiza rural presente na obra de Torres non é, así, “un cadro de costumes, nin unha visión absolutamente idealizada”. Porque, se ben conflúe con Rosalía de Castro nunha visión crítica da modernidade, non deixa de sinalar tampouco a opresión da muller na sociedade tradicional, polo que a imaxe da cidade ou da vila non é sempre negativa. A defensa dunha Galiza verde e rural non impide na súa obra “a subversión máis absoluta dunha das esencias nacionais, a casa”.
Adiós María céntrase na situación durísima que vive a muller que quedou soa a consecuencia da emigración pero non, segundo a análise de Garrido, para convertela en metáfora da nación subalterna, senón para mostrar que detrás destas penélopes hai corpos, mulleres concretas, como fixera Rosalía de Castro coas viúvas de vivos de Follas Novas. Neste sentido, Maxa é antecedente da Penélope navegante da propia Torres ou das que virán despois, coma as de Chus Pato ou Ana Romaní.
Maxa aínda non navega, pero si reivindica os que agardan como partícipes da travesía. A emigración dos pais e o comportamento da avoa frustran os seus plans de converterse en secretaria, pero Maxa segue soñando, quere viaxar transgredindo os límites do seu xénero e clase. E como non pode facelo recorre á ironía, o sarcasmo, a subversión dos discursos do anxo do fogar, da propaganda televisiva sobre a perfecta ama de casa…
“Vista desde esta perspectiva” -escribe Garrido- “Adiós María' é un ataque directo ás esencias da nación e Torres unha grandísima pioneira”
Maxa imaxínase como protagonista ou autora de novela rosa, un subxénero que o franquismo toleraba, malia presentar heroínas que tiñan relacións prematrimoniais, viaxaban e mudaban de parella ata casar ben, como unha ferramenta para evadir as mulleres pechadas nos estreitos límites impostos polo seu xénero e clase. A protagonista deixa, así, o seu propio relato biográfico para presentar a historia de Mariquiña Briz e ao mesmo tempo unha visión irónica da novela rosa que ridiculiza os tópicos de xénero.
Pois a Maxa escritora utiliza o discurso do poder para facer parodia do mesmo, da linguaxe usada polos mass media e pola sociedade de consumo, pola propaganda da muller como anxo do fogar. Xa que non é a feliz ama de casa que a avoa quere facer dela, senón unha muller progresivamente pechada e illada na casa, enferma de soidade, que é porén quen de rebelarse simbolicamente denunciando o padecemento da muller da época e as súas carencias: económicas, afectivas… no estreito mundo na que a sociedade as confina.