Agustín Fernández Paz, o rei dos clubes de lectura galegos

Agustín Fernández Paz © Francisco Vilabarros

Nos centros de ensino secundario de Galicia funcionan 222 clubes de lectura, unha estupenda maneira de fomentar a paixón pola literatura entre os e as adolescentes, que decote teñen a oportunidade de coñecer persoalmente a algúns dos e das autoras escollidas. O blog Ler en Mancomún, un espazo creado polas bibliotecas escolares galegas, vén de publicar a listaxe cos autores e obras máis lidas nestes cluber ao longo do curso 2012-2013.

A lista de autores e autoras está encabezada por Agustín Fernández Paz, escollido por 66 dos clubes, seguindo a bastante distancia por Jordi Serra i Fabra (33), Laura Gallego (26), Miguelanxo Prado (22), Fran Alonso (20), Xabier Docampo (20), Marcos Calveiro (18), César Mallorquí (18), Carlos Ruíz Zafón (17), John Boyne (17), Roald Dahl (16) e Paco Roca (16).

Os libros máis lidos, con todo, foron O curioso incidente do can á medianoite (Rinoceronte), de Mark Haddon, e Engurras (El Patito Editorial), de Paco Roca, elixidos por 16 dos centros. Detrás deles aparecen O neno co pixama a raias (Faktoría K), de John Boyne; O Principiño (Galaxia), de Antoine de Saint-Exupéry; e Persépole (Rinoceronre), de Marjane Satrapi. Escollido por bastantes clubes atopamos tamén das Cartas de Inverno de Fernández Paz, Palabras de auga de Marcos Calveiro, Cando petan na porta pola noite, de Xabier Docampo, ou Resistencia, de Rosa Aneiros.

No total de títulos e autores, o galego é a lingua máis frecuente nas obras escollidas polos clubes de lectura, cun total de 1.113 lecturas, por diante do castelán (700) e cunha certa presenza do inglés (46), francés (19), italiano (15), portugués (9) e alemán (3).

Agustín Fernández Paz © Francisco Vilabarros
O curioso incidente do can a medianoite © Rinoceronte

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.