Espazo Lectura continúa activo, dende as casas e empregando as tecnoloxías da comunicación para seguir promovendo o libro galego
Espazo Lectura leva 14 anos traballando dende o Val Miñor no fomento e a animación á lectura en lingua galega. Habitualmente conta cunha variada programación, na que destacan as súas sesións de contacontos ou os seus clubs de lectura. Hai dous anos falabamos coa súa presidenta, que reclamaba unha biblioteca de calidade.
O coronavirus e o necesario confinamento obrigou a deixar en suspenso boa parte das súas actividades, pero o Espazo Lectura continúa activo, dende as casas e empregando as tecnoloxías da comunicación para seguir promovendo a lectura e a consideración do libro "como elemento socializador, indispensable para elevar o nivel educativo, a conciencia crítica, a capacidade analítica e, en definitiva, a calidade de vida e o ocio das persoas", como destan na súa presentación.
Espazo Lectura está a publicar vídeos de varios e varias Letubers, rapaces e rapazas da comarca que gravan pezas nas que recomendan libros, e que comparten coa etiqueta #quedonacasalendocontigo
Dende a pasada semana Espazo Lectura está a publicar vídeos de varios e varias Letubers, rapaces e rapazas da comarca que gravan pezas nas que recomendan libros, e que comparten coa etiqueta #quedonacasalendocontigo. Así, Inés recomendounos a divertida lectura de Tres princesas namoradas, de Ángeles Ferrer (Galaxia). Sanabela animou a ler A balada dos unicornios, de Ledicia Costas e ilustrado por Mónica Armiño (Xerais). E Vera fixo o mesmo coas aventuras en banda deseñada de Astro-Rato e Lampadiña, de Fermín Solís (El Patito Editorial).
A iniciativa comezou con Comba, que recomendou Animalia, de Xosé Tomás (Xerais). No Día da Poesía Maite recomendou Poemar o mar, de Antonio García Teijeiro e ilustrado por Xan López Domínguez (Xerais). André fixo o mesmo con Mil cousas poden pasar Libro I e Libro II, de Jacobo Fernández Serrano (Xerais).
Ademais, a asociación galega do libro infantil e xuvenil (Galix) convida a participar no concurso “Un poema na túa voz” para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil 2020. Nenos e nenas entre 6 e 14 anos poden enviar os seus audios, gravados co móbil ou no ordenador, nos que lean poemas en galego, tradicional ou de autor e autora. Así mesmo, Galix anima a publicar imaxes nas redes sociais coa etiqueta #euleolix "se estades a ler na casa LIX galega".