En Gondomar, no Val Miñor, funciona dende hai unha máis dunha década unha desas iniciativas locais, construídas dende abaixo, que contribúen de verdade a transformar a sociedade e as vidas das persoas da contorna. Espazo Lectura é un proxecto de fomento da lectura, sobre todo entre os nenos e nenas (pero non só) cuxo bo facer traspasou os límites da súa comarca e que funciona como modelo para iniciativas semellantes noutros lugares.
Dende hai once anos ten unha programación estable de sesións de contacontos e varios clubs de lectura nos que con frecuencia participan os propios autores e autoras das obras e ás que asisten un número moi elevado de persoas de todas as idades. Xestiona, así mesmo, unha pequena biblioteca rural (a Casa da Lectura), ademais doutras moitas actividades, obradoiros e accións, realizados ás veces en colaboración con centros de ensino, editoriais e outras entidades. E puxo en marcha campañas como Lendo para Medrar, coa que buscaba "converter a vila de Gondomar nun referente da lectura" en toda Galicia. Obtivo numerosos recoñecementos, coma o 2º premio de dinamización sociocultural Everest 2009, o Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia 2009, o Premio Francisco Fernández del Riego 2010 da Asociación Galega de Editores ou o Premio á Mellor Iniciativa Cultural ou de Fomento da Lectura 2016 na 1ª Gala Galega do Libro Galego.
Espazo Lectura foi noticia nas últimas semanas, tras anunciar que -despois de máis dunha década- decidía suspender todas as actividades infantís que de forma estable organiza na Biblioteca Pública de Gondomar, denunciando o abandono que este centro sofre por parte do Goberno local. Unha biblioteca que non ten persoal especializado, que carece dun orzamento anual dedicado á compra de libros e que recentemente realizou unha serie de obras que invalidan a zona infantil e que dificulta a realización das actividades que habitualmente acollía. A situación xerada foi debatida este xoves no pleno municipal, que aprobou unha moción de apoio á entidade, coa abstención do PSdeG-PSOE, na Alcaldía. Falamos con Beatriz Núñez, Presidenta de Espazo Lectura.
"Se nos puxéramos a agardar a que as institucións resolveran esta situación, os nosos fillos xa terían medrado e nós teríamos perdido esa estimulación temperá"
Como nace Espazo Lectura? Percibiades que había unhas necesidades que non estaban sendo cubertas?
Espazo Lectura xurdiu hai 11 anos a través dun grupo de nais e pais, dunha ANPA de Gondomar, que queriamos ofrecerlles contacontos e animación á lectura aos nosos fillos e fillas, que daquela estaban en Infantil. E viámonos abocados a ir a Vigo, ás actividades que podían ofrecer Libros para soñar e outras entidades. Decidimos falar co Concello e comezar a reunirnos esas nais e pais para nós mesmas contar os contos. E así xurdiu o Contomar, que é a nosa actividade-insignia, que é a que por desgraza acabamos de cancelar na Biblioteca Municipal de Gondomar. Queriamos facer fincapé na nosa propia responsabilidade como familia. Se nos puxéramos a agardar a que as institucións resolveran esta situación, os nosos fillos xa terían medrado e nós teríamos perdido esa posibilidade de estimulación temperá.
Facedes moito fincapé na participación das familias, dos pais e nais, nesta promoción da lectura. Non se debe deixar toda a responsabilidade aos centros de ensino e outras entidades?
Todas as nosas actividades son de lectura en familia. Ti non podes simplemente deixar o teu fillo ou filla e deixalo alí, tes que acompañalo ou acompañala. Tanto ten que sexa o pai ou a nai, ou mesmo algún dos avós. Pero consideramos que esa é a verdadeira animación á lectura. O que move Espazo Lectura é o voluntariado e a vontade das propias familias de dar resposta a esa necesidade. É certo que na asociación hai moitos mestres e mestras, pero a maior parte da xente non ten relación co mundo do ensino ou da literatura
Despois o proxecto foi crecendo, fostes incorporando máis e máis actividades...
Os nenos e nenas ían medrando, ían aprendendo a ler, e facíanse lectores e lectoras autónomas. E por iso creamos para eles e elas o club de lectura Lendo Contigo, un club orientado a nenos e nenas de primaria e pensado para ler en familia. Faise un sábado ao mes e sempre tentamos traer o autor ou autora do libro que propoñemos. Cando os primeiros nenos foron chegando á adolescencia, montamos un club de lectura para adolescentes. E, finalmente, en 2012 iniciamos cos bebés (que era un campo que nos daba un pouco de respecto) unha serie de actividades. Son pre-pre-lectores, pero con eles e elas facemos actividades ao redor do libro, da estimulación sensorial e da tradición oral, pero sempre con presenza do libro. Finalmente, ao abeiro destas actividades xurdiron as actividades para adultos: temos un club de lectura de narrativa e outro de lecturas debuxadas, de cómic. E outras moitas actividades puntuais.
"Todas as nosas actividades son de lectura en familia. Ti non podes simplemente deixar o teu fillo ou filla e deixalo alí, tes que acompañalo ou acompañala"
Facedes fincapé na promoción da lectura entre os nenos e nenas, unha actividade moi concreta, pero que é a base de moitas cousas: de que vaian ser adultos e adultas lectoras, da relación que establezan cos libros, de que desenvolvan unha serie de valores...
Si, hai nenos e nenas que estiveron hai anos participando na actividades de lectura, e hoxe son xa universitarios e universitarias. E seguen sendo grandes lectores e lectoras, e son xente solidaria e cívica. É algo que nos fai sentir moito orgullo.
"Hai nenos e nenas que estiveron hai anos participando nas actividades de lectura, e hoxe son xa universitarios e universitarias. E seguen sendo grandes lectores e lectoras, e son xente solidaria e cívica. É algo que nos fai sentir moito orgullo"
Contades mesmo cun espazo propio, esa Casa da Lectura...
A Casa da Lectura é unha antiga escola de infantil en Donas que o colexio nos cedeu, que remodelamos e á que mediante unha subvención incorporamos mobiliario de biblioteca. E agora temos unha pequena biblioteca rural, cunha boa dotación e inserida na rede de bibliotecas de Galicia. Alí tamén facemos actividades, un día á semana.
Cal é a base dos problemas na Biblioteca Pública de Gondomar?
A biblioteca de Gondomar é un desastre en todos os sentidos. Non hai bibliotecario, non hai orzamento estable, o fondo é moi antigo e, de feito, non hai investimento en novos libros dende o ano 2015. Ademais, agora, as obras que recentemente se levaron a cabo dificultan moito que realicemos as actividades. Nós facemos alí cinco clubs de lectura ao mes, dous para adultos e tres para nenos e nenas en distintos tramos de idade. A biblioteca agora non conta con espazos diferenciados; o concepto que teñen é que a biblioteca ten que ser un sitio para a xente que queira ir estudar ou ler a prensa e esixen silencio. Pero os nenos e nenas son nenos e nenas. Nós sentiamos que na bibliotecas molestabamos. Non nós, os pais e nais, senón os nenos e nenas. E iso non se pode consentir.
"A biblioteca de Gondomar é un desastre en todos os sentidos. Non hai bibliotecario, non hai orzamento estable, o fondo é moi antigo e, de feito, non hai investimento en novos libros dende o ano 2015"
Como se pode solucionar?
O único apoio público que necesitamos é unha biblioteca de calidade, só pedimos iso. Sabemos que isto non se consegue en dous meses nin nun ano, pero pedimos un plan director, unha folla de ruta para conseguilo. A maior parte das editoriais galegas son socias protectoras de Espazo Lectura e mándanos as súas novidades; grazas a iso nós temos unha biblioteca moi actualizada. Pero necesitamos unha biblioteca pública en condicións. A capacidade que teñen as institucións para dar soporte a un proxecto coma o noso nalgunhas cuestión nós non a podemos xerar.
"Hai bibliotecas que non teñen os servizos axeitados. En primeiro lugar teñen que ter un bibliotecario ou bibliotecaria, iso é fundamental"
As bibliotecas municipais son esenciais, sobre todo nos concellos pequenos, como espazo de promoción da cultura, da lectura e do coñecemento. Credes que na actualidade contan co apoio que merecen por parte das administracións?
Sabemos, porque a nós pásanos na nosa, que hai bibliotecas que non teñen os servizos axeitados. Por servizos axeitados entendemos en primeiro lugar ter un bibliotecario ou bibliotecaria, iso é fundamental. Igual que hai un técnico de deportes, ten que haber un técnico na biblioteca, que saiba xestionala, organizala, que saiba facer un expurgo profesionalizado, que teña capacidade para observar que tipo de usuarios ten para poder completar as coleccións... Ten que haber ademais espazos diferenciados, para diferentes tipos de usuarios
Isto non sempre se produce. E é porque non hai vontade política. Noutros países, a situación é moi distinta. E eu ás veces teño a sensación de que somos un país terceiromundista, aínda que non me gusta esta expresión. A pouco que viaxes, en calquera vila pequena de Francia, máis pequena que Gondomar, ves que teñen unha biblioteca digna, ben atendida, con moitos fondos.
"As bibliotecas deberían ser centros de dinamización cultural. Pero a sociedade moitas veces non coñece cal é a función dunha biblioteca no século XXI"
As bibliotecas deberían ser centros de dinamización cultural. Pero a sociedade moitas veces non coñece cal é a función dunha biblioteca no século XXI; algunha xente ten unha concepción das bibliotecas como un espazo de silencio, onde hai unha morea de libros que non serven para nada e que agora ten wifi, e pouco máis. Nalgúns lugares esquécense esas outras funcións: educativa, formativa, cultural, de dinamización de proxectos, de igualación, de compensación de desigualdades... Ás veces parece que a cultura, que é a base dunha sociedade máis xusta, máis libre e máis democrática, non é tida en conta polos poderes públicos.