Agustín Fernández Paz, con 64 títulos, Jordi Sierra i Fabra (45), Marcos Calveiro (27), Miguelanxo Prado (24), Domingo Villar (22) e Roald Dahl (22) foron os autores máis lidos nos clubs de lectura dos centros de secundaria galegos no curso 2013-14, segundo publica o blog Ler en Mancomún a partir dos datos das memorias dos 209 clubs de lectura que obtiveron axuda da Consellería de Cultura e Educación.
Na lista aparecen outros autores e autoras, entre os que destacan nos primeiros postos Rosa Aneiros (18), Pedro Feijoo (18), Fran Alonso (16), Ledicia Costas (16), Francisco Castro (15), Elena Gallego (15), Anxo Fariña (14), Carlos Negro (14), Manuel Núñez Singala (14), Xabier Docampo (13) ou María Reimóndez (13).
Por títulos, O curioso incidente do can a media noite, de Mark Haddon, é o libro mái lido. Ségueo O neno do pixama a raias (John Boyne), A praia dos afogados (Domingo Villar) e Cartas de inverno (Agustín Fernández Paz), O vixia no centeo (J. D. Salinger), A miña planta de laranxa (José M. de Vasconcelos), Futuro Imperfecto (Xulia Alonso), Todos Somos (Marcos Calveiro), Os fillos do mar (Pedro Feijoo) tamén foron lidos por once clubs ou máis.
Agustín Fernández Paz confírmase como "o rei" dos clubs de lectura nos centros de ensino de secundaria. Xa no curso 2012-2013 o autor de Cartas de Inverno era o máis lido nos 222 entidades rexistradas. Hai un ano o galego era a lingua máis frecuente nas obras escollidas polos clubes de lectura, cun total de 1.113 lecturas, por diante do castelán (700).