Cecilia F. Santomé sorpréndenos con 'Boundaries Road' (Xerais, 2026), a novela coa que gañou o XLIV Premio Blanco-Amor, e coa que volve transitar as crises de identidade, a soidade e a gran tea de araña que conforman as nosas relacións persoais neste século
No ano 2019 unha novela sorprendeu ás lectoras no catálogo de Xerais, chamábase Quérote, eu tampouco e ía asinada por Cecilia F. Santomé. A materialización dunha nova voz para a literatura galega, que chegaba para quedar. Sete anos máis tarde temos que falar de Boundaries Road, que non só se trata da cuarta obra publicada por esta autora nada en Vilalba, senón que ademais é unha sorte de revisión (e moito máis) daquela primeira historia coa que a coñecemos na súa faceta como novelista.
Quen veña lendo a obra narrativa de Santomé, completada por Unha rapaza de provincias e As despedidas–recentemente traducida ao castelán e editada por Consonni–, sentirá que en Boundaries Road a autora vólvese un pouco máis esixente co xogo que nos propón, se cadra cunha ironía máis fonda, pero sobre todo cunha intención estética máis marcada. Con esta novela, gañadora do XLIV Premio Blanco-Amor, volve transitar a crises de identidade, a soidade e a gran tea de araña que conforman as nosas relacións persoais neste século.
Querías revisitar Quérote, eu tampouco (Xerais, 2019), pero dende outro enfoque. Unha maneira tamén de mirar cara á Cecilia que debutaba como novelista e comparala coa de agora?
Boundaries Road nace dese impulso, desa incomodidade, por chamala de algún xeito, coa miña novela de debut. Supoño que é unha impresión que compartirán a maior parte das autoras á medida que pasan os anos. Eses textos que levamos ás costas ás veces xa non responden nin aos nosos intereses artísticos, e moito menos á nosa fase vital. Sentímonos mellor lonxe deles, ou queremos marcar unha distancia. No meu caso, había unha certa perspectiva crítica e pensei en establecer un xogo, desafiarme a min mesma: tratar non de imaxinar como escribiría no presente esa novela, senón levalo a termo. Presentar unha revisión, unha especie de emenda á totalidade. O que pasa é que se me foi das mans, de aí esa certa complexidade formal e temática que hai nesta novela.
Que é o que había que emendar desa primeira novela? Parecíache que había unha ollada demasiado naíf?
Quizais si. Pero máis que unha emenda, do que se trataba era de actualizar tanto os focos de interese, como, sobre todo, a maneira de presentalos. Levar a Cecilia actual a esa outra que ao mellor era menos consciente de cuestións estéticas, por exemplo, que escribía dunha maneira máis intuitiva, se cadra máis fresca, en todo caso diferente.
Nótase a procura dunha estética propia no estilo de escritura que vas desenvolvendo, pero tamén vemos unhainquietude estética en xeral que nesta novela se presenta finalmente como protagonista.
Se botamos a vista atrás, as miñas tres primeiras novelas, sendo moi diversas entre elas, si que comparten máis ben unha certa prevalencia da emoción sobre cuestións formais; e aquí quixen darlle a volta e centrarme moito máis na exploración non tanto do que, senón do como, e facer un exercicio técnico moito máis arriscado na miña cabeza.
Debemos aclarar que quen colla esta novela sen coñecer os antecedentes, e sen ler Quérote, eu tampouco, vai comprendela perfectamente. Doutra maneira, só terá máis contexto para xulgar ambas obras. Porque en Boundaries Road o que se conforma é un tríptico, e só o primeiro ten na súa historia unha ligazón con aquela primeira novela, a partir de aí hai unha viaxe ao presente, se cadra tamén ao futuro, e de volta ao pasado.
É evidente que para quen coñeza as miñas outras novelas a lectura de Boundaries Road ofrecerá unha dimensión extra, porque está concibida precisamente como unha chiscadela. Dentro desta novela eu diría que hai non só dúas, senón outrastres. Iso é o que lle confire un aspecto diferencial e orixinal ata certo punto, e desa configuración despréndese unha primeira parte que funciona como unha novela independente, se queremos, que é a que está máis directamente conectada con ese magma primixenio.
"Aquí hai unha casa que funciona tanto como elemento protector nun primeiro momento, como nun lugar de crise, que para ben ou para mal resulta determinante"
A segunda parte, situada sete anos despois, está centrada na exploración da memoria, tendo como desencadeamento un elemento que podíamos atopar de maneira marxinal na parte anterior. Logo esa terceira parte, que é unha micro novela e que xurdiu sobre a marcha, porque non estaba no plan inicial, ten algo de ramo; é unha especie de exercicio narrativo de condensación extrema dunha historia. E volve recuncar na exploración da memoria e tamén da identidade, e dalgún xeito –involuntariamente– condensa a primeira e a segunda parte e crea unha conexión que a medida que íamos lendo non estaba tan á vista.
Con personaxes que, a miúdo, rachan por dentro cando están neses espazos que podemos considerar fogar, aínda que sexa temporalmente.
Si, de novo, abordo directa ou indirectamente temas que xa son fundacionais da miña literatura, como a construción do individuo, a identidade e, en boa medida, o papel que a intimidade e os espazos domésticos teñen en todo iso. Aquí hai unha casa que funciona tanto como elemento protector nun primeiro momento, como nun lugar de crise, que para ben ou para mal resulta determinante. É unha casa que ten algo de museo, dise nun certo momento que causa fascinación pola acumulación de pequenos detalles de obras de arte, e resulta abafante cando a mente da protagonista xa non é quen de asumir tal exceso. Hai tamén un punto de gabinete de curiosidades nesa acumulación. Unha contradición entre a beleza, o agradable e o terrorífico que pode resultar isto cando non está combinado con outros factores que lle dean estabilidade á persoa que habita o espazo.
Por que decides presentarte con esta historia ao Premio Blanco-Amor de Novela? Foi unha maneira de saber se o libro funcionaba antes de ir co manuscrito á editorial?
Supoño que para min esta novela é especial en moitos sentidos, principalmente porque cando presentei As despedidas xa estaba traballando nela, tíñaa relativamente avanzada, e daquela xa era capaz de dicir que a miña terceira novela constituía unha especie de peche de ciclo, e que a partir de aí se iniciaba outro camiño; que quería percorrer outras sendas e ver ata onde me levaba a miña curiosidade creativa.
Foi unha especie de laboratorio onde experimentei con moitas cuestións, onde se mesturan grandes influencias e que me valeu –diría eu– para atreverme a dar un salto de madurez na miña escritura. Entón, o impulso de presentar o manuscrito a un premio da categoría do Blanco-Amor supoño que no fondo tiña algo de busca de lexitimidade, de tentativa de confirmación da validez diso que quixera facer.
"Foi unha especie de laboratorio onde experimentei con moitas cuestións, onde se mesturan grandes influencias e que me valeu –diría eu– para atreverme a dar un salto de madurez na miña escritura"
O que proxectei de min nesta novela está moito máis alá de aspectos autobiográficos, está no meu propio gusto. Esta novela é o meu gabinete particular de curiosidades, e aí está o meu amor pola arte, sobre todo pola pintura, a través desa voz narrativa tan peculiar que se desenvolve en forma de cartelas, e que acaba de completar a historia da Cecilia de 2015. E aí están moitas micro-historias que vou inserindo, ou mencións a obras de arte e a algún libro que outro que tamén estánagochadas por aí.
Un dos aspectos que destaca o fallo do xurado é que a voz narrativa é por momentos irónica, introspectiva e neurótica.
Si, pois esa cualificación refírese a unha parte moi concreta da novela, que é ese acceso que temos á mente da protagonista da primeira parte nunha especie de torrente de liberación dos seus procesos mentais. Hai neurose porque estamos asistindo á súa crise persoal e vital en directo. Interesábame especialmente facer desa voz algo crible, identificable, non simplemente unha creación de ‘cartón-pedra’, senón tentar reproducir na medida do posible como funciona o interior dunha persoa nunha situación desa natureza.
Foi difícil dar por rematado este manuscrito?
Sempre dicía que era unha escritora máis intuitiva que planificadora. Non tiña costume de pechar un plan de escritura. Guiábame máis ben polo que o texto me ía pedindo, tendo sempre o meu pequeno mapa mental, pero non demasiado definido. Porén, en Boundaries Road podo confirmar que houbo unha planificación bastante máis rigorosa, máis que nada porque precisaba asegurarme de que as pezas encaixaban, de que ningún elemento resultaba discordante. Hai tantos ingredientes nesta mistura que se algo escapaba corría o risco de que o proxecto en si se derrubase. E hai moito traballo na construción desa engrenaxe, por iso precisamente era moi consciente dos obxectivos que pretendía acadar con cada unha das partes do libro.
"Hai tantos ingredientes nesta mistura que se algo escapaba corría o risco de que o proxecto en si se derrubase"
Ata que punto o título da novela xoga de maneira irónica co que queres transmitir con esta obra? Boundaries Road, a rúa dos límites. Límites que ás veces veñen de fóra e, outras veces, son autoimpostos...
A noción de límite, de lindeiro, ten moito peso nesta novela. Están os límites físicos e, logo, están os non-límites mentais. O que comentabamos antes, esa cabeza en crise que chega moi lonxe. Tamén están os límites das propias xeografías persoais, como nos configuramos en torno aos lugares que habitamos e como nos relacionamos con eles. O certo é que o nome da rúa parecíame moi suxestivo. Sempre e cando coñezamos o significado do inglés orixinal, podía ser unha maneira de aportar outra capa de significado.
"Precisaba recuperar determinadas sensacións, igual que ás veces se di de deportistas que saen dunha lesión; pois a miña lesión era doutra natureza, non física, pero necesitaba sentar a escribir e realmente divertirme"
Gustouche volver a Londres con esta historia? Tes morriña daquela etapa vital no Reino Unido?
Diría que non, Londres é unha etapa pechada. O que pasa é que, dalgunha maneira, acabou converténdose nun espazo narrativo para min. Londres significa todo potencia, hai moitos aspectos da vida, da idiosincrasia londinense que me danmoito xogo, que me seguen interpelando e me permiten ir cara a certos discursos nos que estou interesada, como o papel que xoga o estilo de vida contemporáneo na construción do individuo. En todo caso, é un retorno literario e gozoso, revisitar esa materia narrativa non deixa de resultar algo reconfortante, como cando abrimos o álbum familiar e vemos como eramos con 18 anos.
Na nota da autora que aparece ao final do libro comentas que con esta novela volveu a ti a gana de escribir, que boa fortuna, non si?
Hai unhas semanas falaba cunha libreira amiga sobre a novela, que ela viña de rematala, e comentoume que tiña a impresión de que estaba escribindo para min, máis que para quen potencialmente me lese. E atinou de peno, porque traballei nesta novela dunha maneira moi privada, foi un proceso de reencontro coa gana, como admito nese epílogo, levaba tempo sen dedicarme á escritura, con certas inseguridades, e supoño que precisaba recuperar determinadas sensacións, igual que ás veces se di de deportistas que saen dunha lesión; pois a miña lesión era doutra natureza, non física, pero necesitaba sentar a escribir e realmente divertirme. Esta novela foi un terreo de xogo incrible. Quería desmitificar esa presión que eu sentía sobre a propia escritura e, simplemente, liberarme de condicionamentos e experimentar, explorar... Sempre será unha novela moi especial, porque me permitiu chegar moi lonxe e me deu moita tranquilidade.