A libraría Numax organiza en Santiago, de xuño a novembro, un ciclo de conversas arredor da inclusión de cuestións propias da oralidade, como a sonoridade, na narración escrita das autoras e autores contemporáneos
A relación entre a oralidade e a escrita estréitase. Cada vez son máis as escritoras e escritores que apostan por reflectir no texto cuestións como a sonoridade da fala. Un novo paradigma que se poderá explorar no ciclo de conversas É un falar, que organiza a libraría Numax de Santiago de Compostela entre xuño e novembro.
Unha proposta heteroxénea que crea un diálogo interxeracional e inclúe diferentes xéneros, desde a poesía escénica á narración oral, pasando pola narrativa, a crónica ou o ensaio, e mais outros textos inclasificables. É unha actividade aberta e para á que non é preciso inscribirse, na que que participarán as poetas Nuria Vil e Pablo X. Suárez, a escritora e bertsolari vasca Uxue Alberdi xunto á escritora arousá Susana Sánchez Aríns, o narrador oral Celso Fernández Sanmartín xunto ao poeta e tradutor Fruela Fernández e, por último, ás tamén poetas Ángela Segovia e Luz Pichel.
É un falar é unha actividade que xorde a raíz da lectura dunha reportaxe publicada na revista especializada Granta, na que se destacaba un novo paradigma entre as voces novas da narración en español cunha renuncia do chamado ′español neutro′, e a introdución de variacións lingüísticas e usos da sonoridade na escrita. Na listaxe de 25 narradores que sinala esta recoñecida publicación aparece en primeiro lugar a escritora e xornalista canaria Andrea Abreu, que reflicte na súa escrita da novela Panza de Burro (Barret) as variacións do castelán da zona de Tenerife na que sucede.
Participan creadoras como Luz Pichel, que ten empregado o castrapo na súa poesía; e Susana Sánchez Aríns, que introduce a rumoroloxía na narrativa
″Queriamos que estivera Luz Pichel porque, con respecto a textos que inclúan a variedade lingüística, léralle un poemario hai tempo –Cativa en su lughar/casa pechada (Progresele)– no que utiliza o castrapo e a fala da súa zona de Lalín. Tamén tiñamos claro que debía estar Susana Sánchez Aríns porque hai unha maneira diferente de empregar a oralidade na súa literatura. No seu caso non é tanto coa experimentación, senón coa introdución dos rumores nunha novela narrativa. En Seique (Através Editora) utilízao para reconstruír a figura dun tío avó seu que foi un represor franquista e sobre o que ninguén da súa familia falaba. Esta persoa era como un silencio que ela reconstrúe a partir desas historias que se contan″, explica desde a libraría Numax María Villamarín, que coordina a actividade É un falar xunto a Mariña de Toro.
Comeza este sábado, día 11, ás 12.30h, coas poetas Nuria Vil e Pablo X. Suárez
Esta actividade de Numax, que conta co apoio do Instituto da Lingua Galega e da Deputación da Coruña, comeza o sábado 11 de xuño, ás 12.30 horas, coa conversa entre a poeta viguesa Nuria Vil e o poeta asturiano Pablo X. Suárez. Desde a organización salientan que ″a rebeldía, a actitude punk e a volatilidade no escénico e no uso da palabra están moi presentes nos directos e nas propostas″ das protagonistas deste bloque inicial baixo o epígrafe Lingua aberta: poesía e oralidade no presente. Vil desenvolve a súa creación na oralidade e vén de publicar o seu primeiro libro, Simún (Chan da Pólvora); mentres que Suárez xa conta con varios poemarios editados como Asturiana Beat (Trabe) e Little Babilonia, que foi editado por Fetiche en versión bilingüe galego-asturianu.
"É unha vertente na literatura que non se tiña en conta, pero é moi actual"
Este ciclo de diálogos, que celebrará o resto dos encontros en xullo, setembro e novembro, permite achegarse a un fenómeno narrativo contemporáneo en auxe. ″É unha vertente na literatura que non se tiña en conta, pero é moi actual. Cada vez hai máis publicacións que empregan a sonoridade e os timbres aplicados á literatura. Como autor xa non tes que decantarte por escribir nunha lingua digamos ′neutra′. Xa hai unha reflexión na liña de ′eu non falo así, teño certas peculiaridades lingüísticas, por que non vou trasladalas ao texto?′. Xa non é só unha cuestión de estrutura das frases, isto é incorporar un trazo máis á túa escrita″, debulla María Villamarín.
Diálogos entre creadoras na actividade É un falar de Numax:
- Nuria Vil e Pablo X. Suárez
Sábado 11 de xuño ás 12.30h - Uxue Alberdi e Susana Sánchez Aríns
Mércores 6 de xullo ás 20.30h - Celso Fernández Sanmartín e Fruela Fernández
Mércores 21 de setembro ás 20.30h - Luz Pichel e Ángela Segovia
Venres 4 de novembro ás 20.30h