Un documental inmersivo coa veciñanza de Sabucedo mostra a loita contra o tempo da rapa das bestas

O director Alejandro Enríquez é un dos que participa na rapa e vai coas bestas todo o ano © Mondotropo

'Rapa. Xente ao monte' mostra unha tradición en serio perigo de extinción

Sabucedo, unha aldea onde residen menos de cincuenta persoas no inverno e na que se reúnen preto de 15.000 en tres días pola festa da rapa das bestas. Unha aldea que vive mirando o monte e na que a relación coas bestas se vai transmitindo de xeración en xeración. Son moitas as cámaras que teñen pasado por alí, pero a de Alejandro Enríquez logra captar o día a día desa conexión e entendemento cos cabalos porque a súa mirada é a dun máis que mira polo ben desas bestas. Unha tradición en serio perigo de extinción.

O director vigués afincado na Coruña estrea a longametraxe documental Rapa. Xente ao monte tras máis de cinco anos de traballo e co obxectivo cumprido de retratar unha comunidade: “Tiña que darme présa porque esta historia sen os maiores non ten a mesma forza, eles séntense parte dunha cadea. Ampliar ese retrato á vida da aldea parecíame importante e había que facelo porque algúns xa non puideron participar na rodaxe”.

Unha besta filmada no documental © Mondotropo

“Levo indo a Sabucedo moitos anos, son dos que vou no inverno a botar unha man. Dinme conta de que esa historia non a contaba ninguén, que só se centraban nos días da festa ou a semana anterior. Por iso me lancei a contalo, porque quería transmitir as sensacións que teño estando alí: ese triángulo entre as persoas, as bestas e o monte. O maior reto era transmitir esas sensacións”, explica o director, que desde o principio soubo que non quería empregar unha voz en off para narrar o que acontece no filme e que ía apostar polo poder das imaxes por enriba de todo.

"Quería transmitir as sensacións que teño estando alí: ese triángulo entre as persoas, as bestas e o monte", conta o director

O documental ensina o amor e a entrega que teñen estes homes polas bestas, queda plasmado que se trata dunha forma de vida. “Van contra o tempo en moitas cousas. Penso que na sociedade en xeral imos da identidade ao económico, e eles van ao revés, do económico ao identitario porque as crinas das bestas antes tiñan un retorno económico e agora non. Agora simplemente o que lles dá é unha identidade, o seu lugar no mundo. Entón, van constantemente á contra de todo”, salienta Alejandro Enríquez.

Esa enerxía da identificación plena cun sitio, aínda que todo vaia en contra, está presente ao longo de todo o filme, rodado principalmente durante o ano 2022 con dous equipos e dúas cámaras porque unha tiña que estar preparada por se había que saír correndo detrás dos cabalos. Conxúgase a intención estética de Enríquez coa urxencia das imaxes nas que o espectador acompaña a esas bestas salvaxes e libres.

Son varias as ameazas que aparecen ao longo do documental: as mafias organizadas que se están a levar bestas dos montes, a instalación de parques eólicos na zona e o lobo. “Este sempre foi un documental de personaxes e o que quixen foi que os conflitos fosen aparecendo porque os protagonistas teñen que enfrontarse a eles. Cada conflito sería unha película en si mesmo, pero eu quería quedarme coa xente en lugar de irme cos temas”, detalla o director.

“Mafias organizadas que rouban ata vinte bestas dunha atacada. Se non hai bestas abondo non ten sentido rapa nin festa: É unha pelexa contra o tempo, e niso estamos”, di un dos protagonistas da película.

"Se non hai bestas abondo non ten sentido rapa nin festa: É unha pelexa contra o tempo, e niso estamos”, di un dos protagonistas da película

A través de Rapa. Xente ao monte asístese a como un territorio practicamente baleiro ocúpase por milleiros de persoas. “Era unha preocupación para min que se notara esa diferencia”, sinala Enríquez, que confirma que a pesar de que a tradición sexa cada vez máis difícil de manter a veciñanza de Sabucedo é quen de gozar da rapa “porque vai no seu ADN”. “Dá moito traballo pero desfrútase porque é o que une a xente alí”, razoa.

Esta foi unha viaxe un tanto solitaria para Alejandro Enríquez ao ser o director e mais o produtor do documental. Pero tiña sempre presente unha máxima: ser honesto co que está a pasar en Sabucedo. Rapa é a súa primeira longametraxe como director, pero coa súa produtora Mondotropo ten moita experiencia na produción publicitaria. O feito de coincidir nun tempo coa película de Rodrigo Sorogoyen As Bestas e coa serie Rapa, de Portocabo, foi unha preocupación nun inicio, pero acabaron por ser unha axuda para que o tema do documental esperte un maior interese. Quédalle un percorrido por salas de cinema, no seu sitio web pódese contactar para proxectar o filme en asociacións ou colectivos diversos e esperan chegar tamén ás plataformas dixitais a demanda.

Cartel da longametraxe documental CC-BY-SA Mondotropo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.