Unha historia semellante á do filme Brokeback Mountain, mais situada na rapa das bestas de Sabucedo. Foi o punto de partida de Brokeback Sabucedo, a obra que a compañía Sal do Teatro vén de preestrear no centro sociocultural de Santa Marta, en Santiago. Mais o proxecto acabou sendo bastante máis. Unha reflexión sobre o peso do amor romántico e dos mandados do patriarcado en canto a relacións e roles masculinos. Unha reivindicación do dereito a vivir a sexualidade en liberdade fóra dos clixés e tamén dos binarismos, mesmo daqueles que tamén afectan ás persoas que poden crerse revisadas. Falamos con Borja Salgado, fundador da compañía e intérprete desta obra, con Rocío Romero, directora da peza e con Santiago Telmo, autor do texto e tamén intérprete de Brokebak Sabucedo.
Cal é a traxectoria anterior da compañía? Como encaixa esta obra nesa andaina?
Borja Salgado: É a segunda produción longa para adultos de Sal do Teatro, unha compañía fundada por min no 2016. Antes fixeramos Váter. Comedia claustrofóbica. Tamén un espectáculo infantil e moito teatro breve. De feito organizamos o Escenoia, a mostra de teatro breve de Noia. Brokeback Sabucedo é unha proposta diferente do que fixeramos ata agora.
Brokeback Sabucedo é un espectáculo de temática LGBTIQ+ ambientada no rural. Nos últimos anos xurdiron proxectos que visibilizan a diversidade sexual no rural, como o Agrocuir. Por que escollestes precisamente Sabucedo?
Brokeback Sabucedo acabou sendo unha reflexión sobre o peso do amor romántico e dos mandados do patriarcado en canto a relacións e roles masculinos
Borja Salgado: O texto é de Santi e a idea foi súa. A nós pareceunos guai xuntar a rapa das bestas con Brokeback Mountain. O texto escribiuno Santi, pero como era o seu primeiro texto longo, axudoulle moito Carlos Losada. Mais que sexa en Sabucedo ten moita forza: o tema das dúas bestas. Rafa ten todo moi claro, sabe o que quere, e afástase da imaxe de “homes homes” que se adoita asociar coa rapa.
Santiago Telmo: Eu son traballador social nun concello e son eu quen organiza, por exemplo, a programación do Día do Orgullo, con distintas actividades. Como non había moita oferta de teatro de temática LGBTIQ+ pensei en escribir algo. Lembrei a película Brokeback Mountain e pensei en facer algo así, pero galego. A rapa das bestas pareceume un contexto adecuado para tratar o este tema porque, claro, por prexuízos machistas, ninguén pensa que un aloitador poida ser homosexual, pois parece algo moi “de machos”. Eu ademais vivo en Pontevedra e son asiduo da rapa, polo que sabía como era a festa: durmir alí no monte, quedar toda a fin de semana…E co cabalo asóciase toda unha simboloxía: a bravura… No noso caso, o personaxe de Roi é o máis bravo…
Alén da experiencia de Santiago, fixestes algo de investigación para coñecer de primeira man o mundo dos aloitadores?
Santiago Telmo: Falamos con Paulo Vicente Monteagudo, o presidente da asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, para que nos contase e nos axudase cos detalles: a xiria, etc. Makelele, por exemplo, que sae na obra, foi un cabalo real. Falamos, así, con aloitadores e con outra xente da zona que coñece a rapa, como unha muller que ten un restaurante.
Rocío Romero: Estivemos en Sabucedo, si, Fomos ao curro para facer fotos e poder falar coa xente. Sorprendeume chegar alí e darme conta de que coñecía a moita xente. Foi a maneira de empaparnos na tradición da rapa. Brokeback Sabucedo reivindica a tradición galega e a diversidade sexual. A imaxe do aloitador é moi masculina e heterosexual. E o que nós dicimos na obra é, por que non vai haber diversidade sexual no rural, igual que nas cidades? Outro tema é o ecoloxismo: unha crítica á enerxía eólica.
Borja Salgado: Estamos en contra de que poñan eólicos onde viven os cabalos salvaxes de Sabucedo. O monte comunal de Sabucedo debe respectarse. Hai outras posibilidades. E agora xa falando como Borja, a miña opinión persoal é que aí búscase un rendemento económico e non unha solución respectuosa co medio natural.
Como se fixo o equipo? Como foi o traballo de creación de personaxes e os ensaios?
"A imaxe do aloitador é moi masculina e heterosexual. E o que nós dicimos na obra é, por que non vai haber diversidade sexual no rural, igual que nas cidades?"
Borja Salgado: Eu vou chamando xente distinta para cada proxecto de Sal do Teatro. A Rocío coñecíaa da ESAD, pero era máis amiga de Santi. Eu sabía que era moi boa, pero non sabía que tan, tan boa. Entendeu perfectamente o que queriamos contar. Conectamos enseguida. Foi un proceso bonito e intenso. A produción, que compartín con Santi, foi algo máis complicada. O meu personaxe, Roi, ten similitudes comigo. Eu descubrín hai pouco a miña bisexualidade. Aínda que o personaxe de Roi é o estereotipo do heterobásico normativo, e niso non se parece a min, claro.
Rocío Romero: Este era un proxecto de Santi e Borja e a min chamáronme para dirixir. Pareceume un reto e unha proposta interesante e divertida. Eu teño unha escola de teatro en Pontevedra e teño amizade con eles. Xa nos coñeciamos e tiñamos ganas de traballar xuntos. O proceso foi feito en moito tempo, con cariño, e foi moi bonito. Eles tiñan claras moitas cousas desde o principio: moitas escenas, como querían que fose a obra…
Eu dediqueime máis á parte máis estética, que é unha estética western que vestiu moi ben Álex Sobrino coa iluminación. Primeiro traballamos na creación dos personaxes: Roi vive en Madrid pero ten unha mentalidade máis pechada ca Rafa, que quedou no rural e axúdalle a Roi a ver a vida con máis naturalidade. Despois dos personaxes traballamos no espazo escénico. Eu tiña claro que quería que houbese terra. O cheiro da terra pode axudar ao público a meterse na historia. Foi unha das cousas que me sorprenderon do curro: o cheiro a terra. Despois, podería dicir que o proceso foi in crescendo. Fomos vendo como medraba o proxecto, e quedando co mellor. Fixemos a preestrea e agora temos a estrea en Cambados. E a medida que pase o tempo seguirá medrando, claro.
Eu a verdade é que aprendín moito neste proxecto sobre a comunidade gai. Non sabía o que eran os suspensores, por exemplo. Mais o que queriamos contar era unha relación entre dúas persoas, simplemente. Dúas persoas que se coñecen desde hai moitos anos, entre as que hai amizade e cariño. Un pouco desmistificando o amor romántico: hai moitas formas de querer, e non teñen que levar a casar e ter fillos.
Santiago Telmo: O meu personaxe, Rafa, ten algo de autobiográfico. Eu son gai e teño vivido situacións parecidas á que se conta na obra, polo que acontece está inspirado en cousas que me pasaron a min.
Pode parecer que, na altura na que estamos, non cómpre seguir falando de homosexualidade neses termos: Roi resístese e aceptar unha parte de si mesmo... Pero quizais non é tanto así, non está tan superado?
Santiago Telmo: Non o é porque segue habendo moitos problemas. Séguese vendo nos medios de comunicación, segue a haber bullying nas escolas. Polo que si segue sendo necesario falar de diversidade, e de feminismo. Aínda que esta obra non estea en principio pensada para un público adolescente, penso que podería vir ben nese aspecto
Borja Salgado: É que tampouco queda claro se Roi é homosexual ou bisexual. E nese aspecto tamén pode haber unha falta de revisión, mesmo dentro do propio movemento LGBTIQ+. Porque parece que tes que escoller: ou carne ou peixe. Do que estamos falando, en realidade, é de que a diversidade sexual humana é infinita, que para min é o máis profundo da peza.
"Parece que tes que escoller: ou carne ou peixe. Do que estamos falando, en realidade, é de que a diversidade sexual humana é infinita"
Rocío Romero: Damos por suposto que somos xente aberta cunha mentalidade aberta, pero non é así. Se Roi é homosexual, ou bisexual, ou heterosexual, é algo que queda aberto. Porque que teña un rollo con Rafa non significa que teña que seguir tendo relacións con homes. Pero segue habendo esa presión, esa violencia no día a día. Os prexuízos están instalados e reflíctense en comentarios que poden ser moi ferintes. A situación mellorou, pero non tanto. Non é algo en absoluto superado.
Rafa ten relacións non convencionais -un amigo con dereito a roce- que Roi non parece entender. Rocío citaba antes a crítica do amor romántico. A obra parece situarse no debate actual sobre o poliamor…
Rocío Romero: Rafa ten relacións diversas con persoas do seu mesmo sexo. A Rafa e a Roi quedáralles unha historia sen pechar e Rafa axúdalle a Roi a ver que poden manter relacións sexuais sen ter que ter unha relación sentimental. O que acontece é que o patriarcado establece o que podemos facer e o que non. O que reivindica o texto precisamente é a liberdade total ao respecto. Pódense ter relacións sexuais e seguir sendo amigos, non pasa nada. Eu non falaría estritamente de poliamor aí porque Rafa non ten varias relacións poliamorosas, senón que falaría de diversidade e de liberdade.
Santiago Telmo: O que di a obra é que non pasa nada, que se pode ter unha historia e seguir sendo amigos, que non temos que casar despois. Porque culturalmente estamos programados para ter parella e fillos. Roi ten dúbidas, ten curiosidade e ten un anhelo, pero non se atreve por medo, pola educación recibida. Rafa axúdalle a ver que non pasa nada. Non ten tampouco que converterse en homosexual. Que simplemente non hai problema por vivir con liberdade a súa sexualidade.
No fondo da obra está, sobre todo, unha crítica ao patriarcado desde a perspectiva dos homes. Está ben, porque esta crítica adoita facerse desde como lles afecta ás mulleres e non ou non tanto aos homes.
Rocío Romero: Para min foi un reto. Eu teño unha compañía feminista, a miña visión é feminista e vino claro. O personaxe de Borja, Roi, responde a un patrón de cultura patriarcal clásica. Chámalle a atención que Rafa sexa aloitador, por exemplo. Eu axudei a que o final da peza quedase máis claro, porque non quería que o personaxe de Roi quedase sen resolver. Non tiña que levar á idea de que Roi e Rafa tiñan que namorar e ter unha relación tradicional, segundo manda o tópico do amor romántico. Roi vén dunha familia tradicional que o que espera del é que case e teña fillos. Pero el rompe co esquema que se agarda del neses tres días de Sabucedo.
"Non tiña que levar á idea de que Roi e Rafa tiñan que namorar e ter unha relación tradicional, segundo manda o tópico do amor romántico"
Borja Salgado: Iso vese por exemplo no monólogo de Roi, no que conta que lle gustaba debuxar pero que iso ao pai parecíalle amaneirado, polo que acaba xogando ao fútbol para contentar o pai. Eu mesmo coñezo o mundo do fútbol porque xogaba, e non quería falar da miña orientación sexual nese contexto. Hai moito camiño por percorrer nese sentido. De todas maneiras, a obra trata todos estes temas de xeito, poderiamos dicir, livián. Fala de como se sente Roi e dos seus problemas, pero tampouco tratamos de facer pedagoxía nin unha proposta didáctica, senón de dicir que podemos ser libres. Penso que iso é o máis interesante do conflito.
Santiago Telmo: Rafa fala con Roi de que todos recibimos unha educación machista e de que, por moi revisado que esteas e moi feminista que penses que es, sempre queda algo. A cuestión é ser conscientes diso. A loita feminista é tamén a loita LGBTIQ+, pois o patriarcado afecta a mulleres e homes. Rafa ten clara a súa orientación sexual pero sufriu bullying no pasado. Roi non tivo eses problemas porque estivo máis escondido e porque realmente non necesitou sacar o tema ata que volve atoparse con Rafa e xorde algo entre eles.
Falaba Borja de dificultades coa produción. Buscouse financiamento por crowdfunding, conseguindo o obxectivo.
Rocío Romero: conseguiuse e superouse a cantidade que se propoñía como obxectivo. Ser actor é complicado se non se ten o diñeiro ou non se consegue unha subvención. A acollida do proxecto foi moi boa.
Borja Salgado: Foi difícil ocuparse de todo ao mesmo tempo. É complexo ter a cabeza para todo: os ensaios, a escenografía, a dotación lumínica…