'Último verán en Santa Cristina': os tempos de Franco en Meirás contados a través dos ollos dun rapaz de 12 anos

Un momento da representación de 'Último verán en Santa Cristina' © Teatro do Noroeste
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-teatro-noroeste-fed6291.jpeg

Último verán en Santa Cristina, de Teatro do Noroeste, represéntase este venres no Teatro Principal de Compostela

Ano 1960. A Coruña funciona durante as estadías de Franco no Pazo de Meirás como unha capital de verán que acolle a ministros, empresarios e o resto do séquito madrileño que segue ao ditador. E a praia de Santa Cristina (Oleiros), no camiño entre Meirás e a cidade herculina, ferve de veraneantes, visitantes e persoas que alugan casas para pasar o estío. Ese é o escenario no que se desenvolve Último verán en Santa Cristina, o máis recente espectáculo de Teatro do Noroeste, que este venres se representa no Teatro Principal de Compostela (20h30) despois de ter pasado nos últimos meses por Narón, Oleiros, Culleredo, Arteixo, A Rúa, A Coruña e Vimianzo.

O contexto histórico da obra, a represión exercida pola ditadura, as consecuencias da Guerra Civil ou a guerrilla antifranquista están contados a través da ollada infantil dun rapaz de 12 anos que nese verán (o derradeiro que pasaría en Santa Cristina) realiza o tránsito da adolescencia á madurez, descubrindo o amor e o sexo, a natureza da vida e da morte, e, sobre todo, un terrible segredo que oculta a súa familia de militares franquistas. 

O contexto histórico da obra, a represión exercida pola ditadura, as consecuencias da Guerra Civil ou a guerrilla antifranquista están contados a través da ollada infantil e das lembranzas dun rapaz de 12 anos

Unha revelación que se completaría anos máis tarde cando -xa adulto- recibe unhas cartas propiedade da súa nai (falecida), que desvelaban a relación da propia nai cun antigo amigo da xuventude, fuxido e enrolado na última partida de guerrilleiros antifranquistas que aínda ficaba activa en Galicia nese ano de 1960. A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso conta no seu reparto con Xavier Estévez, Luma Gómez, Miguel Pernas, Maxo Barjas e Manuela Varela, que poñen en escena unha historia na que as lembranzas infantís e as novas revelacións se mesturan para dar conta dos acontecementos da sociedade franquista da época e do triángulo amoroso existente na súa familia.

"A obra trata temas duros, pero a través dunha mirada infantil e ademais a partir dos seus recordos, o que fai que esa realidade queda aínda máis edulcorada, pois sando es adulto pensas nos teus veráns de neno coma se todos foran unha marabilla", explica Eduardo Alonso en conversa con Praza.gal, que destaca que, ademais, se amosa a través do protagonista "o momento do paso da nenez á adolescencia, o descubrimento do amor, do sexo, da vida, da morte".

"Para A Coruña, que era unha cidade pequena e tranquila, supuña toda unha revolución a chegada deste séquito que viña de Madrid acompañando a Franco nas tempadas que pasaba veraneando no Pazo de Meirás", di Eduardo Alonso 

Amósase, igualmente, un momento moi particular na historia de Galicia, aqueles veráns nos que -ao redor da presenza do ditador no Pazo de Meirás- A Coruña se convertía "na verdadeira capital de España e a chegada da metade do Madrid pesebreiro transformaba a cidade noutra cousa", di Eduardo Alonso. "Para A Coruña, que era unha cidade pequena e tranquila, supuña toda unha revolución a chegada deste séquito que viña de Madrid acompañando a Franco nas tempadas que pasaba veraneando no Pazo de Meirás", comenta, engadindo que "Santa Cristina, que quedaba de paso entre Meirás e A Coruña, foi o lugar onde moitos deles alugaban casas ou ían á praia

Un momento da representación de 'Último verán en Santa Cristina' © César Seijas / Teatro do Noroeste

Eduardo Alonso destaca que a obra está a ter unha "recepción espectacular" e que o público "sae entusiasmado". En cambio, di, "o regreso a normalidade dos programadores vai algo máis lenta"

"Na obra aparecen moitos detalles reais da Santa Cristina dese tempo, que eu coñezo ben", destaca Alonso. O ambiente deses veráns no areal de Santa Cristina está representado na obra a través da mención aos Echeverry, os Iparraguirre, os Adarraga..., familias que veraneaban alí, e a moitos outros personaxes. "Na función que ofrecemos en Oleiros, o alcalde veu falar con nós e comentounos que el coñecera persoalmente a un dos personaxes que aparecen na obra, o caseiro Pantaleón, a quen a súa familia ía levarlle a leña no inverno", salienta o autor.

A necesaria aposta pola dramaturxia galega

Eduardo Alonso destaca que a obra está a ter unha "recepción espectacular" e que o público "sae entusiasmado". En cambio, di, "o regreso a normalidade dos programadores vai algo máis lenta". "Prográmase pouco" e agora "é imposible manter o ritmo de representacións que había antes da pandemia cun só espectáculo; hai que ter varios en cartel, no noso caso temos catro", destaca.

O público está volvendo ao teatro "pero hai que ter en conta que se programa moito menos que antes", di

O público está volvendo ao teatro, destaca o director: "a volta non é masiva, pero a asistencia vai medrando progresivamente. Hai que ter en conta que o público do teatro é xente de mediana idade ou maior, e ao comezo os que primeiro regresaron foron os máis novos e o resto foi retornando con algo máis de medo". "Nós, por exemplo, con esta obra practicamente enchemos o Teatro Rosalía de Castro da Coruña e en Compostela a sesión prevista no Teatro Principal está tamén practicamente completa, quedan algunhas localidades nos palcos", engade. 

Un momento da representación de 'Último verán en Santa Cristina' © César Seijas / Teatro do Noroeste

"En xeral boto en falta un maior compromiso dos programadores a respecto do teatro e, sobre todo, do teatro galego. Isto é clave para poder termos unha dramaturxia galega, xa non digo unha dramaturxia nacional", di Eduardo Alonso

"Pero hai que ter en conta que se programa moito menos que antes", critica. "Ás veces parece que se fas a metade de funcións o público é o mesmo, porque enche os teatros ese día, pero iso non é certo, porque non sempre coinciden ben as datas e hai moitas persoas que quedan sen ver as obras", di.

"Durante a pandemia houbo programadores que tiveron unha actitude moi comprometida e seguiron programando, aínda que nese momento había moitas restricións. Pero non foron todos", sinala Eduardo Alonso, que conclúe que "en xeral boto en falta un maior compromiso dos programadores a respecto do teatro e, sobre todo, do teatro galego". "Isto é clave para poder termos unha dramaturxia galega, xa non digo unha dramaturxia nacional", remata.

A representación deste venres en Compostela será a primeira que Teatro do Noroeste realice no Teatro Principal dende antes da pandemia, en 2019

Por exemplo, a representación deste venres en Compostela será a primeira que Teatro do Noroeste realice no Teatro Principal dende antes da pandemia, en 2019. Ademais, a pesar de que Último verán en Santa Cristina se estreou en Narón hai máis dun ano, hai aínda varias cidades galegas (Lugo, Pontevedra, Vigo, Ourense...) nas que aínda non se puido ver, unha lista de ausencias da que esta semana desaparece Santiago. "Para nós, polo tanto é moi ilusionante", di Eduardo Alonso, que engade que "parece mentira, porque levamos toda a vida actuando en Compostela e a nosa compañía está moi vencellada ao Teatro Principal, pois fomos dos que máis pelexamos para que pasara a ser propiedade do Concello". 

Eduardo Alonso © LaDIapo

35 anos de traxectoria

Teatro do Noroeste, fundada en 1987, é unha das compañías teatrais cunha traxectoria máis imporante en Galicia

Teatro do Noroeste é unha das compañías teatrais cunha traxectoria máis imporante en Galicia. Fundada en 1987, nestes máis de 35 anos puxo en escena dende textos clásicos (como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais), ata textos máis contemporáneos (como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro) ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre moitas outras pezas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.