Alex Sampayo está a piques de estrear a que considera unha das obras máis importantes da súa carreira. Unha obra dunha complexidade interna moi intensa, que sabe que non deixará ao público indiferente. Coa compañía Redrum Teatro adapta un segundo texto do dramaturgo Juan Mayorga: Hamelin. Unha obra pola que Mayorga recibiu o premio Max ao mellor autor teatral hai máis dunha década. Un retrato social que aborda os abusos que se exercen sobre a infancia. Protagonizada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado, Rubén Porto e Fran Lareu, Hamelin estréase o 23 de febreiro no Teatro Principal de Santiago e xa ten datas confirmadas para Cangas, Pontevedra, A Illa de Arousa, Lugo, Teo, Verín e Ourense.
Por que recupera agora este texto de Juan Mayorga?
Sempre estivo entre os textos que eu sempre quixen dirixir, o que pasa é que Redrum foi paulatinamente medrando e é agora –nestes últimos anos– que pola nosa traxectoria podemos emprender textos un pouco máis ambiciosos, sobre todo en canto ao número de actores e actrices. Para min había dous textos moi importantes, O mozo da última fila, tamén de Mayorga, que xa o montamos, e este. E a verdade é que coa boa experiencia que tivemos co primeiro, e co moito que lle gustou a el cando veu a Vigo para ver a montaxe, decidimos montalo o antes posible. Ademais ambos son espectáculos con textos que nunca pasan de moda: no primeiro fálase da creación e de por que nos namora que nos conten historias, en Hamelin abórdase o tema da pederastia, que por desgraza segue vixente.
"A violencia institucional paréceme o tema máis importante da obra e o que máis debate vai suscitar"
É unha obra que aborda os abusos a menores, pero que contén moitas elipses para que complete o espectador?
No espectáculo faise fincapé nos tipos de violencia que se exercen sobre a xente máis nova. Por un lado están os que se aproveitan sexualmente dos menores, pero tamén hai outras violencias que pode experimentar a rapazada no seu entorno familiar pola pobreza ou precariedade na que se ven obrigados a vivir. E ademais está a violencia institucional, que me parece o tema máis importante da obra e o que máis debate vai suscitar. No espectáculo queda moi claro que para protexer a un menor o que se lle fai realmente é desprotexelo. O espectáculo fala de como se saca a un menor do seu entorno para comezar a buscar culpables nel. É moi complexo porque na historia formúlanse moitas preguntas: É mellor deixar a un menor presuntamente abusado cuns pais que din non saber? Os pais saben pero calan? Hai motivos ocultos? É mellor sacalo do seu entorno familiar e metelo nun centro de menores?
Como de relevante é a linguaxe na obra?
Mayorga di que esta é unha obra sobre a linguaxe, sobre como enferma e como evoluciona. Como para referirnos a un rapaz que está sendo abusado falamos de ‘paciente’, como en seguida se establecen determinadas nomenclaturas para tamén despoxalo da vivencia real que está sufrindo. O debate permanente está en que se se están cometendo presuntamente abusos contra o rapaz, as institucións teñen que actuar, pero o protocolo a aplicar é o correcto? É un espectáculo moi rico en canto a segundas lecturas.
"Gústame traballar cunha interpretación moi naturalista sempre, que saia do corazón"
Como será a posta en escena?
A posta en escena está moi condicionada polo que propón o propio Mayorga no texto. Temos a figura dun anotador, que é como un narrador que vai pausando a escena e explicando determinadas cousas que os personaxes poden estar sentindo ou pensando. Actúa como un narrador omnisciente que vai condicionando o que pasa. Pero este anotador tamén le entre liñas e debulla para o espectador o que está pasando e non se di.
Entón, continuamente lle suxire cousas ao espectador para que imaxine. E, ao pouco de comezar a obra, o anotador di: Hamelin é un espectáculo sen escenografía e sen vestiario, un espectáculo onde a escenografía e o vestiario ponnos o espectador. Despois, dirá que o tempo é algo moi difícil de escenificar, o tempo só pasa, pero que no teatro o tempo pode crealo o espectador –se quere– coa súa imaxinación.
Realmente é un espectáculo con moito xogo teatral onde non temos elementos de atrezzo, todo son elementos negros que axudan aos actores a non ter que facer demasiada mímica, aínda que a mímica sexa moi importante.
Como está a ser o traballo co elenco de actores e actrices?
Gústame traballar cunha interpretación moi naturalista sempre, que saia do corazón. Pero neste caso é máis difícil porque teño que facerlle entender a Rivas, que é o acusado de pederastia, que o que fai, faino de corazón. Nós xa traballamos con actores que tiran sobre todo cara á verdade, pero neste caso hai que potenciar iso aínda máis. De feito, nesta montaxe mantemos o elenco co que xa fixemos a primeira obra de Mayorga, O mozo da última fila.
Como director gústame traballar de maneira moi fiel os textos, buscando os porqués e analizando de forma exhaustiva, e despois traballar que despois a información e o texto chegue ao espectador da mellor forma posible e con moito ritmo. Evidentemente, eu como autor tamén teño as miñas escollas e como a obra ten tantas dobres lecturas, decido darlle máis peso a unhas partes que a outras. En lugar de facer un pederasta que quede como o peor desde o minuto un, apostamos por un personaxe que poida empatizar. O máis sinxelo é que todo o patio de butacas o queira queimar, pero imos aí a ver se o 15% da platea pensa por un momento: pobre tipo, que ten que vivir con iso que leva dentro. A miña aposta pasa por buscar debate constantemente no espectáculo.
"Fernando Epelde creou un espazo sonoro moi potente, fixo unha música moi hipnótica"
Que lle aporta esta versión de Redrum ao espectáculo?
Desde que Animalario montou este espectáculo en 2006 ninguén o volveu montar, houbo algunha montaxe de compañías amadoras e o dunha compañía profesional que o montou só nas Canarias. Supoño que foi tal o éxito, tivo tanta repercusión daquela, que había medo a volver representalo.
Mayorga limita moito á hora de facer a montaxe, pero eu tómome unha lixeira licenza na parte da iluminación. Pero non facemos unha iluminación tradicional: os propios actores, con elementos de iluminación móbiles con cables que van a baterías, van xerar a iluminación do espazo ao moverse en escena. Isto hai dez anos non se podía facer e penso que aporta tamén certa artesanalidade. Non deixa de ser un espectáculo moi nu, onde os actores o fan todo, pero é a miña forma de aportar algo a nivel estético á obra.
Por outra banda, como teño varios actores que son músicos decidín facer música en directo. No espectáculo de Animalario todas as músicas eran enlatadas, pero aquí será todo en directo. Temos un órgano que toca Guillermo Carbajo, un fliscorno que toca Fran Lareu e un clarinete. Os dous instrumentos de vento véñennos moi ben para a historia de Hamelin. Fernando Epelde creou un espazo sonoro moi potente, fixo unha música moi hipnótica con eses tres instrumentos.
"Facer un N.E.V.E.R.M.O.R.E. é algo moi complicado, pero en Galicia temos a sorte de que cada moi pouco tempo fanse uns espectáculos tremendamente bos"
A obra estréase en Compostela xa coas primeiras datas da xira confirmadas, isto é doado nun contexto no que segundo os datos a xente non acaba de volver de todo ao teatro?
Nunca é doado, pero desde que volvemos da pandemia notamos as ganas que tiña a xente de volver ao teatro. Eu son espectador de teatro sempre que podo e pensei que ía notar moito máis a falta de público por ser un espazo pechado, pero non foi tanto; noteino principalmente nas salas de cinema. O principal problema das compañías de teatro agora é de número de representacións, pero non porque o público non encha os espazos, senón polos orzamentos de cultura. Houbo un primeiro momento con cartos do Xacobeo e de plans de reactivación pola pandemia, pero agora isto rematou e está custando moitísimo máis vender bolos. O cal aínda nos complica máis que nos contraten cun espectáculo como Hamelin, que é un pouco máis caro da media porque son sete intérpretes en escena. Pero nós seguiremos facendo espectáculos que nos encanten, creo que aí está a clave. Facer un bo espectáculo, que chegue á xente e sexa unha bomba, é dificilísimo, pasa moi poucas veces. Ti sempre queres chegar ao público e facer algo que encante... pero facer un N.E.V.E.R.M.O.R.E. é algo moi complicado. Pero en Galicia temos a sorte de que cada moi pouco tempo fanse uns espectáculos tremendamente bos, aínda que non cheguen sempre ao espectador porque os circuítos son reducidos.