Redrum estrea en Ourense 'Un home con lentes de pasta', comedia surrealista sobre as relacións persoais e o narcisismo

Reparto da obra ‘Un home con lentes de pasta’ © Redrum

Un home con lentes de pasta é o título do novo espectáculo de Redrum Teatro, que a compañía estreará o vindeiro mes de maio. En concreto, a estrea terá lugar no Teatro Principal de Ourense os vindeiros días 7 e 8 de maio.

A estrea terá lugar no Teatro Principal de Ourense os vindeiros días 7 e 8 de maio

A produción, dirixida por Alex Sampayo, trae ao galego unha comedia surrealista escrita polo dramaturgo catalán Jordi Casanovas, autor de obras tan exitosas como Jauría (teatro documental que xorde do caso de ‘La Manada’) ou Ruz-Bárcenas. A obra pon o foco nas relacións persoais e no efecto que teñen sobre elas as aparencias, o narcisismo, a manipulación e a impostura. 

O reparto da peza está composto por Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña, Laura Míguez e Fernando González. Davide González ocúpase da composición do espazo sonoro, Carlos Álvarez-Ossorio do deseño de iluminación e María Illobre da caracterización de personaxes. 

Cartel da obra 'Un home con lentes de pasta’ © Redrum

Un home con lentes de pasta será, tras Idiota, o segundo texto que Redrum Teatro leve a escena de Jordi Casanovas, un dos dramaturgos con maior proxección no panorama estatal

En certa maneira a montaxe trae aos nosos días con grandes doses de humor o conto do emperador espido para radiografar unha conduta intrínseca á condición humana, pero exacerbada nestes tempos de inmediatez e redes sociais: o parecer antes que o ser. A obra conta co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de axudas á creación escénica da Agadic e coa colaboración do Concello de Rianxo a través dunha residencia artística.

Un home con lentes de pasta será, tras Idiota, o segundo texto que Redrum Teatro leve a escena de Jordi Casanovas, un dos dramaturgos con maior proxección no panorama estatal. Un home con lentes de pasta recibiu galardóns como o Serra D’or ao mellor texto teatral, o galardón de mellor espectáculo nos Premios Time Out , o premio Mi Butaquita de mellor obra no 2014 e que foi finalista ao texto catalán nos Max do 2011.

Redrum Teatro

A obra conta coa colaboración do Concello de Rianxo a través dunha residencia artística

A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada á produción e distribución de espectáculos e á edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores ou A nena que quería navegar) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota, O mozo da última fila ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019. Para a súa decimo terceira produción, Redrum escolle Un home con lentes de pasta, obra de Jordi Casanovas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.