“Somos a primeira compañía profesional en adaptar ao galego a Mayorga”

'O mozo da última fila’, de Juan Mayorga por Redrum Teatro © Álex Sampayo

Redrum Teatro vén de retomar no auditorio do Concello de Rianxo os ensaios do seu novo espectáculo, ‘O mozo da última fila’, que estreará o 7 de xullo

Redrum Teatro vén de retomar no auditorio do Concello de Rianxo os ensaios do seu novo espectáculo, ‘O mozo da última fila’, de Juan Mayorga, que estreará os días 7 e 8 de xullo en Santiago antes de xirar por Narón, Viveiro ou Ribeira. Guillermo Carbajo e Roberto Leal interpretan a un profesor de literatura e o seu alumno que, a través da escrita por parte do segundo dunha historia a partir da observación da vida da familia dun compañeiro de clase, se meten nun xogo non exento de perigos que formula preguntas sobre os límites da literatura, o sentido da cultura, a alienación da clase media-alta ou o sistema educativo. Falamos co director desta montaxe, Alex Sampayo.

Como foi volver aos ensaios despois do parón provocado polo covid?

“Temos a sorte de ter un reparto moi entregado que fixo os deberes durante o confinamento”

O primeiro día foi un pouco caótico pero despois xa nos fomos afacendo. Os actores están ensaiando con máscara e pantalla e o problema é sobre todo o son e a expresión porque, claro, pérdese moito. Pero tamén temos a sorte de ter un reparto moi entregado que fixo os deberes durante o confinamento. Ademais temos un vídeo gravado de antes de parar cos ensaios, entón puideron traballar non só co texto. Foi un alivio.

Decidistes estrear en xullo, cousa que poucas compañías van facer.

Si, un pouco por necesidade polos prazos de Agadic, porque temos unha subvención á produción e tiñamos que estrear. O virus rompeunos a previsión: a nosa idea era estrear por abril para chegar á Feira de Teatro e despois ter percorrido no segundo semestre pero, claro, non puido ser. Así que estreamos agora. Ademais, temos que avanzar, pechar ciclos, porque tampouco sabemos o que vai pasar: eu son optimista pero non sabemos: igual en outubro volven pechar os teatros.

Por que escollestes este texto de Juan Mayorga?

“Hai moito tempo que me gusta este texto. Foi o primeiro deste autor co que quedei fascinado”

Hai moito tempo que me gusta este texto. Foi o primeiro deste autor co que quedei fascinado. Nunca me aburría de lelo. Descubrino moi pronto e non o montamos antes porque eramos unha compañía nova sen a traxectoria e os recursos que precisabamos para afrontar este texto. Mais chegou un momento en que pensei: pois ou agora ou nunca. Ademais, foi pasando o tempo e tampouco podiamos esperar moito porque entón Guille (Guillermo Carbajo) xa non podería facer o papel de alumno de instituto…

O personaxe de Guillermo, precisamente, é distinto dos demais. Os outros, a maioría -Rafa, o pai…-, son como caricaturas. E iso trasládase quizais ás interpretacións. 

Eu quixen diferenciar entre o principio, que vamos descubrindo os personaxes e son, si, como caricaturas, tópicos, e despois, cando os personaxes van evolucionando a medida que o escritor vai avanzando na narración. É algo que quixen marcar ben. Primeiro os personaxes falan a través do narrador e despois falan por si mesmos, por exemplo.

Hai aí un xogo de varias capas. Claudio (Guillermo) é o autor e tamén personaxe da súa propia historia. En realidade é quen manda, aínda que ao principio non o pareza. Todos son como personaxes seus: tamén o profesor. 

“O profesor ten unha idade e unha frustración porque nunca chegou a publicar unha novela. Axudar a Claudio a ser escritor é para el un xogo de esperanza”

Si, eu penso que o profesor tamén se ve reflectido no alumno. Pensa en como era el cando era novo ou en como guiar ese rapaz que podería ser el cando tiña a súa idade. Tamén a relación coa súa muller, Xoana, (Belén Constenla), é moi distanciada. Cadaquén ten a súa vida e mesmo teñen posicións contrarias: nin a Xoana lle gusta a literatura nin a el, profesor de literatura, lle gusta a arte contemporánea.

O punto que acaban atopando en común é a propia historia que está a crear Claudio, que os mantén enganchados aos dous. O profesor ten unha idade e unha frustración porque nunca chegou a publicar unha novela. Axudar a Claudio a ser escritor é para el un xogo de esperanza, algo ao que agarrarse para poder soñar. E o que len, e como o len, sobre todo a Xoana, failles formularse a idea de que quizais estean a tempo de cambiar a súa vida. Nese sentido, hai unha metáfora sobre a clase media que afecta de xeito diferente ás dúas mulleres. A outra pensa en renovar a casa, aínda que tamén é quen de sacrificar o seu desexo pola súa familia.

Montaxe de 'O mozo da última fila’, de Juan Mayorga por Redrum Teatro © Álex Sampayo

As dúas actrices están ben no seu papel. A personaxe de Mónica García, a nai de Rafa (o compañeiro cuxa familia Claudio observa para escribir a súa historia) ten un papel máis pasivo. Pola contra, Xoana (Belén Constenla) é quen advirte a Xermán de que vai acabar todo mal… 

Xoana é como a voz da conciencia de Xermán. El sabe que o que está a facer non está ben, pero é Xoana quen está para recordarllo. Ela representa como o lado pragmático de Xermán, aínda que no caso do seu traballo, a arte contemporánea, ela non é tan pragmática.

Xermán non ve arte no que ela considera arte. E ese é un tema que está no texto: que é arte. El considera arte o que dá luz e non escuridade… Pero en realidade está tan perdido coma ela, buscando desesperadamente un estudante ao que poida converter en escritor…

“Os personaxes están moi ben deseñados polo autor. O texto está cheo de frases memorables”

Os personaxes están moi ben deseñados polo autor. O texto está cheo de frases memorables. E, si, iso está de fondo: sae a idea da arte contemporánea como “arte para enfermos”. E iso ten que ver co que falabamos arredor da metáfora sobre a clase media. Penso que nun principio o autor pon o lector, o espectador, nunha posición de rir da clase media. Claudio fai como unha parodia da clase media, que nos presenta como unha xente sen problemas á que só lle preocupan cousas como decorar a casa. Pero o propio Claudio vai descubrindo, ao escribir a súa historia, que hai personaxes interesantes nesas persoas que el vai observando.

Acaba indo, seguramente, máis alá desa suposta clase media -máis ben alta- para falar de problemas que podería ter calquera familia. 

“Penso que chega un momento en que a crítica á clase media queda esquecida”

Si, penso que chega un momento en que a crítica á clase media queda esquecida e nos centramos no que lle pasa a unha familia. E tamén é, si, unha determinada clase media con aspiracións de clase alta. Seguramente o autor pensaba en certa clase media madrileña, con empregada do fogar latinoamericana e despois de Europa do Este, cunha determinada forma de tratar a empregada...

En realidade, toda a obra é un relato sobre como escribir unha historia, sobre como facer literatura e sobre os límites a traspasar. Vós tamén tivestes que tomar decisións sobre que contar e como contar a historia: introducistes vídeo…

O texto é moi aberto nese sentido. Non distingue as escenas. Eu o que tiña claro é que quería diferenciar dous mundos. Por un lado, a vida e a casa de Xermán e por outro o mundo da narración da vida da familia de Rafa, que son as redaccións que Claudio lle vai entregando a Xermán. E nesas redaccións hai un xogo entre realidade e ficción, unha parte de fantasía que contamos tamén a través das proxeccións, para que o espectador poida situarse, para darlle materialidade ao que Claudio está a contar. El en teoría está contando o que viu na casa de Rafa, pero ás veces queda a dúbida de se o que di ocurreu na realidade ou o inventou.

De Claudio, que ten un punto sinistro pola forma na que vai manipulando os demais -e aí tamén está o tema da lexitimidade do autor: ata que punto debe meterse na vida dos demais e contala- non sabemos, en realidade, case nada. 

“Claudio é o narrador. Hai outro personaxe de Mayorga, na obra Hamelín, do que Claudio é unha evolución”

Claudio é o narrador. Hai outro personaxe de Mayorga, na obra Hamelín, do que Claudio é unha evolución. Naquela obra é o Acoutador. Claudio pode ser un narrador omnisciente. É quen controla a historia, decide quen sae e quen non e como se conta, e ademais é, si, un manipulador, porque o seu verdadeiro obxectivo non é entrar na familia dos Artola, de Rafa. E eu penso que non saber case nada del fai o personaxe máis interesante.

De feito, estamos dubidando todo o tempo de cal é a súa intención. Ten varios achegamentos físicos a varios personaxes que non está moi claro como ler… Quizais só quere provocar o conflito para que a súa historia avance. Quizais hai como un namoramento respecto á nai de Rafa...

Eu penso que sente unha fascinación por ela como personaxe, que non é un namoramento. El mantense no seu rol de escritor, manipulando os personaxes. O texto, por certo, foi escollido como animación á lectura para Bacharelato. Ten moitas capas.

'O mozo da última fila’, de Juan Mayorga por Redrum Teatro © Álex Sampayo

Vós aínda tivestes sorte, como compañía, porque a axuda á produción que obtivestes é das máis altas -se non a máis alta- da última convocatoria. Mais o parón do covid foi un problema moi grande para todo o teatro. Como vedes vós o futuro inmediato?

Con incertidume, claro. Esta é unha montaxe grande, de seis actores, e os programadores seguramente escollerán máis ben cachés de 2-3 actores, coa situación que hai. Facer esta montaxe neste momento ten o seu risco e seguramente se soubese o que ía pasar co virus non me metería, pero tampouco me arrepinto. Penso que vai funcionar co público, tamén coa xente nova… Ademais, somos a primeira compañía profesional que adapta ao galego a Mayorga.

O pai de Rafa tamén é máis interesante do que pode parecer ao principio. De pai despreocupado e un pouco pallaso que trata o neno como se fose pequeniño, a un home frustrado e dalgunha maneira atrapado… 

Ao principio representa un pouco a esa clase media banal e superficial pero despois vemos, si, que é un home frustrado ao que non valoran no seu traballo. Un home moi influenciable que le libros de autoaxuda…

Como escolliches os actores? (Ademais de a Guillermo, que está moi ben no seu papel e que xa forma parte de Redrum).

“O que máis traballo deu atopar foi ao profesor”

O que máis traballo deu atopar foi ao profesor. Non podía ser nin moi arisco nin demasiado novo. Roberto Leal ten unha idade e un físico que eran axeitados para o papel. As leccións de escrita que lle dá a Claudio tampouco podían quedar como algo pesado, demasiado “plomizo”… Penso que atopamos o equilibrio.

É un personaxe ao que quizais nos vamos achegando máis ao ir avanzando a obra. Ao principio é o típico profesor desencantado que o despreza todo: todo o alumnado é igual de desastre, o traballo da muller non serve para nada… 

Eu penso que o actor axudou moito a definir ben ese personaxe. Ata pola súa propia fisionomía… Despois, o resto dos actores foron máis fáciles de atopar. Machi (Salgado) e Mónica (García) están nun rango de idade axeitado para os seus personaxes, igual ca Rubén Porto para o seu, e complementábase ben con Guille. Belén Constenla tamén pegaba moito co personaxe: é crible que sexa a muller do personaxe de Roberto, que traballe nunha galería de arte… Penso que quedou un reparto equilibrado.

A escenografía é moi sinxela: a pantalla, unha cadeira… 

A escenografía é de Coti (José M. Faro). O que queriamos marcar son eses dous mundos dos que falabamos antes: a realidade e a fantasía. As proxeccións actúan como unha pantalla de TV na que podemos ver o que Claudio escribiu nas súas redaccións. Queriamos unha escenografía moi sobria, en tons escuros, na que fose doado pasar dun ao outro mundo sen que rompese o ritmo do espectáculo. E esa axilidade conséguese cos cambios de luz… A música, que tamén é un recurso importante, é de Davide González.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.