Cinco concellos, cinco meses, cinco pezas teatrais e unha mesma idea: compartir o camiño

Unha das representacións do Proxecto de teatro 5x5 © Proxecto 5x5

O proxecto 5x5 é a primeira acción do estudo de produción artística Fósforo, dirixido polo produtor José Díaz, e explora a vertente social do teatro traballando coa veciñanza de Vedra, Silleda, Lalín, Mazaricos e Allariz 

Os concellos de Vedra, Silleda, Lalín, Mazaricos e Allariz participan no proxecto 5x5, a presentación de Fósforo Arte & Cultura, un estudo de produción artística que nace en Compostela “coa intención de dar cabida a proxectos culturais cun compoñente social ou educativo”. Dirixido polo creador e produtor artístico coruñés José Díaz, un dos fundadores da compañía Voadora, consiste en cinco obradoiros de teatro baixo a batuta de Iria Azevedo, Clara Gayo e Arantza Villar con veciñanza da zona que traballa coa idea do Camiño de Santiago, que atravesa estes municipios, para finalmente iniciar a I Mostra Itinerante de Teatro Amador, que durante cinco fins de semana está a percorrer os diferentes concellos coas representacións das cinco pezas teatrais de creación colectiva froito do proxecto.

“O camiño funciona de maneira simbólica, non había por que seguir a idea do Camiño de Santiago, senón que se trataba de abordar a palabra camiño en referencia á nosa vida: os camiños que escollemos ou os que nos tocan”, explica a directora escénica, dramaturga e actriz Iria Azevedo. “O máis interesante é que saíron cousas totalmente distinta en cada grupo, atopámonos con xente moi diversa e dependendo dos seus contextos están a levar a idea por diferentes camiños”, engade a ourensá sobre estes obradoiros que se desenvolveron durante cinco meses.

Representación en Mazaricos © Proxecto 5x5

"Aquí non importa que a obra saia mellor ou peor, o interesante é unirse todos para chegar a un destino común", destaca Iria Azevedo

Unha das principais diferencias do teatro amador fronte ao profesional é que no primeiro se goza do proceso e no segundo sempre do resultado. “Aquí non importa que a obra saia mellor ou peor, o interesante é unirse todos para chegar a un destino común. A xente está a ser moi xenerosa: o feito de ir ás aulas de teatro fixo que se abriran cos demais sen xulgar. Quen nunca actuou parte dun punto de vista moi vulnerable e esa inseguridade individual está moi apoiada polo resto do grupo, porque se vén todos na mesma situación; e se crea unha familia na que van sumando entre todos, tendo que chegar a entendementos e aceptando a maneira de facer de cada un”, debulla Iria Azevedo.

“En Bandeira (Silleda) Clara Gayo ten un grupo moi interesante no que hai persoas con diversidade funcional. En Lalín temos o grupo máis numeroso porque son vinte e dúas persoas en escena e a maioría delas son mulleres. No Concello de Mazaricos hai bastante xente maior e en Allariz creouse unha mestura moi interesante coa achega de Obelia Blanco”, destaca Azevedo, que tamén fai fincapé en que con esta experiencia se está a crear un novo público para o teatro.

"Isto faime ser parte de algo de novo", asegura Obelia Blanco, veterana actriz cubana que é parte do grupo de Allariz

Obelia Blanco leva cinco meses en Allariz, na súa Cuba natal mantivo unha carreira como actriz durante sesenta anos pola que recibiu numerosas distincións, entre as que destaca o Premio Nacional de Televisión en 2020. “Quero facer cousas, sentirme viva. Cando vin o do grupo de teatro no concello decidín probar a ver se me aceptaban. Estoulle moi agradecida a Iria [Azevedo, a profesora] porque está a ser unha experiencia moi agradable. Hai moito compañeirismo, sinto como que teño compañeiros de traballo. Isto faime ser parte de algo de novo”, conta.

A idea da obra do grupo de Allariz “é un pouco tola, pero moi divertida”, precisa Obelia. Ela actúa como unha especie de narradora da acción, pero tamén comparte escenas con outro compañeiro. “Creouse un espírito moi interesante ao traballar persoas novas coas máis veteranas”, explica. En Mazaricos crearon unha obra sobre os seráns a partir das anécdotas e historias que foron aportando as alumnas. “Nós facemos seráns normalmente entón foi súper natural o de facer a obra, xa case parecía que non estabamos interpretando”, explica Yasmina, de 24 anos, que está moi involucrada no eido da música tradicional.

Xuntanza antes de saír a escena © Proxecto 5x5

"Gustoume moito facer algo coa xente de aquí, fixemos un grupo desde xente da miña idade ata de 90 anos", di Yasmina

“Gustoume moito facer algo coa xente de aquí, fixemos un grupo desde xente da miña idade ata de 90 anos”, sinala Yasmina, que se anotou na actividade porque era preto da casa. “A obra empezou de forma moi libre, fómoslle levando contos a Arancha [Villar, a profesora do grupo de Mazaricos] e lendas. Historias da zona que máis ou menos sabemos todos, como a de Pepe de Barrientos, que se contaba que o levaran as bruxas polo monte pero todo o mundo dicía que máis ben fora a borracheira que levaba.

A Irea, de 16 anos, gústalle o teatro desde sempre. Está nun grupo teatral para pequenos en Vedra pero as clases do proxecto 5x5 supuxeron un gran cambio para ela: “Estou acostumada a ser a maior do grupo e aquí era das pequenas, pero gustoume moito, coñecía a todos os que están e aprendín moito”. Clara Gayo é quen dirixe a este grupo, que enfocou a obra “desde o punto de vista dos galegos que viven continuamente co Camiño, fronte á visión dos turistas”, explica a rapaza.

"Traballamos sobre a imaxe da Galicia rural e como se transmite cara a fóra", conta Irea

“Tamén traballamos sobre a imaxe da Galicia rural e como se transmite cara a fóra. O traballo de Clara é impresionante, aínda que tivemos pouco tempo montamos unha obra moi chula”, engade Irea. O grupo de Vedra estreará no Centro Sociocultural o 10 de marzo. Esa mesma fin de semana actuarán alí o grupo de Lalín e mais o de Mazaricos. Na Casa da Cultura de Allariz, entre os días 17 e 19, estarán os grupos de Allariz, Vedra e Mazaricos. E no Salón Teatro de Lalín, do 24 ao 26, os de Lalín, Vedra e Bandeira.

Para Irea esta actividade foi unha maneira de aprender a traballar con adultos, pero non unha descuberta do teatro, porque salienta que desde pequena facía teatro na aula na escola unitaria San Miguel de Sarandón co mestre Antonio Vázquez Turnes. “Quero seguir facendo teatro, pero como pasatempo e non como profesión porque vexo moi difícil poder dedicarme a isto a tempo completo”, argumenta a vedresa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.