Acciona o rural: as artes como vínculo entre mulleres de diferentes xeracións que rachan cos estigmas

Unha das accións do obradoiro 'Acciona o rural' con mulleres xubiladas de Silleda, Mondariz e Moraña © Milena Vizoso

Trinta mulleres maiores de Silleda, Moraña e Mondariz participaron nos obradoiros de creación escénica do proxecto Acciona o rural e son as protagonistas da curta 'Aquí está Carme', resultado da experiencia vivida

As mulleres temos dereito a dedicarnos tempo a nós mesmas, non temos que estar sempre pendentes dos demais”. Arredor desta idea medrou o proxecto Acciona o rural, que se achegou a mulleres maiores de diversos concellos da provincia de Pontevedra coa escusa duns obradoiros de artes escénicas que remataron sendo máis ben espazos de ocio e convivencia nos que coñecer(se) e deixarse levar máis alá das tarefas diarias.

Acciona o rural é unha experiencia deseñada por Ana Fontenla, Celina Fernández Ponte e Andrea Dunia Díaz Casal, que dirixiron os talleres de teatro, pero sen atarse a un texto, máis ben como unha descuberta das emocións e de como transmitilas co corpo. Trinta mulleres de Silleda, Moraña e Mondariz participaron desta iniciativa que foi rexistrada nas fotografías de Milena Vizoso e na cámara de Anxos Fazáns, que creou a curtametraxe documental Aquí está Carme a partir dos obradoiros. Unha peza que se presentou este venres no salón de plenos da Deputación de Pontevedra, que apoia o proxecto, e que subiu de novo á escena as mulleres protagonistas.

Preestrea da curta 'Aquí está Carme' no salón de plenos da Deputación de Pontevedra este venres CC-BY-SA Rafa Estévez/Deputación de Pontevedra

"A primeira riqueza que atopamos foi en pór en común as nosas vivencias coas súas e entender que a diferencia non era tan grande", di Ana Fontenla

O momento no que a pandemia da COVID o parou ‘todo’ foi cando Andrea Dunia Díaz Casal, Ana Fontenla e Celina Fernández Ponte foron máis conscientes do sistema no que vivimos. Elas son traballadoras do mundo da cultura e de pronto ficaron na casa e sen posibilidades de saír traballar, como tanta xente, pero coa particularidade de que se viron facendo cousas na casa como as mulleres da súa familia. “Comezamos entender que a nivel sistémico había moitos erros que ían máis alá da pandemia, que estabamos nun momento moi parecido, de retroceso, ao das nosas nais e das nosas avoas. De dedicarnos os labores da casa e reconciliarnos con outro tipo de quefaceres e de forma de vida. E entendemos que moitas mulleres viven padecendo estas dinámicas, por así dicilo, pois a muller segue ligada aos coidados. Entón, xurdiunos a necesidade de traballar con muller xubiladas e de contornas rurais onde se poden acentuar as desigualdades e quizá hai menos conciencia do autocoidado e da importancia do tempo de lecer”, debulla Fontenla.

"Son mulleres que teñen gana de ter con quen falar, de compartir, de coñecer xente... Poden ter un sentimento de soidade moi parecido ao que podemos ter nós coa nosa idade", sinala Anxos Fazáns

Para a actriz e escritora Ana Fontenla era a primeira vez traballando con mulleres maiores, un proceso no que detectou moitos estigmas a través da idade. “Creo que é un proxecto que pode ter moita vida, a intención principal era facelo interxeracional e isto podemos potencialo abríndoo a todo tipo de idades. A primeira riqueza que atopamos foi en pór en común as nosas vivencias coas súas e entender que a diferencia non era tan grande, que as diferencias xeracionais non son tan grandes de cara a poñernos man a man a facer cousas xuntas. Agora mesmo teño máis claro que a idade é unha construción social”, razoa.

Os obradoiros desenvolvéronse en Silleda, Moraña e Mondariz durante unha semana en cada concello. Custou que as mulleres se animaran a participar, de feito tamén atoparon algún estigma cara ao teatro, por iso mudaron a palabra e quedaron co título de ‘obradoiro de creación escénica’. Con todo, foi máis alá diso, pois non seguiron un texto para representalo, partiron das vivencias que cada unha foi compartindo a partir de actividades como a de pensar nun obxecto que fose importante para elas. “Traballamos dende a autoficción porque unha vez que expós a túa realidade podes escoller como a contas. Cada unha escolle a maneira de contar a súa historia, e nesa escolla é onde nós atopamos a riqueza da proposta de cada unha. Traballamos moito dende o corpo, o movemento expresivo, dende a poética e a abstracción. Convidámolas a un xogo no que se trata de sentir, pasabamos seis días de traballo e no último había unha representación para a xente da zona”, detalla Ana Fontenla.

Un dos obradoiros do proxecto 'Acciona o rural' © Milena Vizoso

Esta foi unha experiencia moi nova para Anxos Fazáns, que se está abrindo camiño no eido documental e que con estes obradoiros tivo a oportunidade de rexistrar uns acontecementos que non podía saber como ían decorrer. “Traballar a partir da realidade e do que vén, e mais o feito de estar eu soa a nivel de realización, foron unha novidade e un reto para min”, conta a cineasta, para a que participar neste proxecto supuxo ver que estas mulleres son “moito máis parecidas” a ela do que podía pensar nun inicio. “Son mulleres que teñen gana de ter con quen falar, de compartir, de coñecer xente... Poden ter un sentimento de soidade moi parecido ao que podemos ter nós coa nosa idade”, explica Fazáns.

"Son elas as que mellor poden contar a súa realidade e expresar as súas necesidades, que é do que se trata", destaca Fontenla

Case un mes de gravación que se foi modelando na edición ata chegar á curta documental Aquí está Carme. “Non quería caer no vídeo promocional nin facer algo descritivo dos talleres, quería que a curta tivese a súa propia alma e fose algo diferente. De feito, fixen entrevistas coas mulleres e charlei con elas sobre os obradoiros e sobre outras cousas relacionadas co corpo e coa súas experiencias. Con iso artellei a curta e logo quedei con moito do material máis sensorial, pois gravei cun teleobxectivo os corpos en escena. Centreime nesas partes de texturas, fragmentos, que obteñen a súa narrativa das voces delas”, destaca Anxos Fazáns.

É un proxecto cheo de primeiras veces que deixou pegada tanto nas mulleres organizadoras como nas mulleres participantes, como se demostrou na preestrea da curtametraxe en Pontevedra, onde todas volveron compartir escenario entre bailes e apertas ao ritmo das De Vacas. “Para min todo isto supuxo sacarme todos os estigmas que quizá podía ter falando do rural e das súas necesidades. Deseñamos o proxecto a partir de datos que son reais, pero unha vez que te pos traballar con elas dan igual as porcentaxes, non hai máis ca elas, son elas as que mellor poden contar a súa realidade e expresar as súas necesidades, que é do que se trata. Hai que darlles espazo e voz, son o noso presente vivo e temos que coidalas porque o merecen”, destaca Ana Fontenla.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.