"Sen rede non es igual de libre": 'Soños' leva ao teatro os estigmas da mocidade tutelada

O elenco da obra teatral 'Soños', impulsada pola ONG Igaxes, nun ensaio © Alejandro Nieves

A ONG Igaxes e as produtoras Culturactiva e Artefeito únense neste proxecto para "chegar á xente a través da emoción, empregando o teatro como ferramenta para mudar a realidade", como resume a actriz Victoria Pérez. 'Soños' está escrita por Fernando Epelde, dirixida por Tamara Canosa e conta ademais cos actores Anxo Outumuro e Sara Ferro

Cambiar a mirada do espectador sobre a mocidade tutelada, unha mirada cargada de ideas preconcibidas, de prexuízos, que se atopa coas emocións das historias vitais de rapazas e rapaces que viven en pisos tutelados. “Chegar á xente a través da emoción, empregando o teatro como ferramenta para mudar a realidade”, resume a actriz Victoria Pérez, que interpreta a unha educadora social na obra Soños, escrita por Fernando Epelde e dirixida por Tamara Canosa, que impulsan desde a ONG Igaxes e as produtoras Culturactiva e Artefeito. Estréase o 24 de febreiro no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

Soños é o resultado dun proceso de escoita de Epelde, que se entrevistou con mozas e mozos tutelados e mais cos educadores cos que conviven no programa Mentor de Igaxes, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta e polo FSPlus Galicia. Porén, a obra non xoga cun código documental e tira da ficción e da improvisación para gañar na relación co público. “Non pretendín facer un documental porque creo que para que empatice o público o máis interesante sempre é xogar coas ferramentas da ficción. Para que empaticen e os queiran precisamos das ferramentas da narración, dentro de que os materiais saian dunha investigación real”, explica Canosa.

Tamara Canosa (sentada á esquerda) coas actrices e o actor de 'Soños' e representantes de Igaxes © Alejandro Nieves

“Dentro de que é unha obra que fala da dureza dunha vida na que non hai constantes, non hai unha ‘nave nodriza’ á que volver, queriamos que falara de avanzar. Da condición que temos como mamíferos de seguir adiante. Pásanlles cousas, pero seguen. Esta rapazada ten moita forza interior por ter saído de cousas e seguir avanzando nas súas vidas. Buscan solucións. Teñen dezaoito anos pero xa teñen unhas biografías que non lles permiten ser de todo adolescentes. Maduran a golpes, aínda que iso tamén ten as súas cousas boas”, debulla Tamara Canosa.

Lonxe dos discursos baleiros de ‘se queres, podes’, a directora incide en que o espectador non vai atopar un “deleite da resiliencia”, senón máis ben a conciencia dela. “Se ti tes que solucionar problemas para seguir dando pasos na túa vida levas contigo unha aprendizaxe brutal que, co tempo, iso dá unha armadura”, apunta Canosa. Soños está contada desde a alegría, desde a celebración de resolver os problemas: “Si, levamos paus, pero seguimos. O reto era non caer na porno-miseria”.

"Non pretendín facer un documental porque creo que para que empatice o público o máis interesante sempre é xogar coas ferramentas da ficción", di Tamara Canosa

“Intentamos facernos cargo de que son rapaces con vidas duras que teñen que pór moito da súa parte para saír adiante, pero isto tamén fai que vaian mellor armados aínda que vaian ter moitas máis dificultades. Non van ter axudas de pais e nais, non lles van pagar unha carreira e non van ter unha casa á que volver mentres pensan que mestrado fan. Sen rede non es igual de libre porque hai cousas que non te podes permitir”, conta Canosa, para resaltar que “só o 1% da rapazada do sistema de protección de menores chega aos estudos superiores”.

“Esa falta de rede fai a vida moi dura, pero fai a estas persoas tamén moito máis capaces”, asegura Canosa. De feito, a personaxe da educadora é á vez unha muller que estivo nun piso tutelado. “Son o seu apoio porque son a educadora que os acompaña, pero á vez como fun unha nena tutelada son un exemplo de futuro. Fun quen de ter un traballo digno, entón son o apoio e tamén a referente”, explica Victoria Pérez, que sacou da súa experiencia persoal para colocarse nesta posición. “Ser actor, ao final, é ser un motor para transmitirlle ao público que se pode cambiar o mundo”, afirma.

Cartel da obra © Igaxes/Culturactiva

"Buscamos traballar a ollada do espectador a respecto do estigma", salienta a directora

Anxo Outumuro e Sara Ferro representan na obra á mocidade tutelada, pero Canosa non quixo que puideran traballar desde a imitación, senón que lles foi propoñendo improvisacións a partir do texto de Epelde nos ensaios: “Traballar con xente nova abre portas porque te saca de dinámicas aprendidas e ves que non hai unha soa maneira de facer as cousas”. Soños transcorre nun edificio con pisos tutelados e a acción céntrase na veciñanza e nas diferentes olladas sobre esta mocidade.

Buscamos traballar a ollada do espectador a respecto do estigma, non podemos facer algo no que digas ‘ai pobriños’ porque non vai diso, vai de ‘eu teño problemas e ti tamén, pero eu tiven que solucionar os meus’. Teñen unhas feridas e un desarraigo que non podemos esquecer, mais tamén teñen as súas cousas boas. Por iso é importante traballar desde a empatía”, asevera Tamara Canosa. 

Despois da súa estrea en Santiago, o espectáculo percorrerá todo o territorio galego cunha xira por teatros que pretende atraer a todo tipo de público, especialmente á rapazada da ESO e Bacharelato

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.