O martes 19 de outubro o Consello de Ministros aprobou unha modificación da Lei de Estranxeiría. A reforma facilitará a obtención dos permisos de residencia e de traballo a máis de 15.000 mozos e mozas migrantes. Ata este momento, o marco lexislativo ten sido un dos principais obstáculos no proceso de transición á vida adulta. Ao chegar aos 18 anos, a adolescencia tutelada pola administración, sen nacionalidade de ningún dos estados do espazo Schengen, pasa dunha situación de menor en protección a converterse en cidadanía sen autorización de traballo. A mocidade migrante está a dar un salto ao baleiro cando cumpre a maioría de idade. A pregunta é se se está a garantir o principio que debe rexer a acción institucional, o supremo interese da persoa menor. A resposta é non.
A mocidade migrante ten que facer fronte a varios muros: o valado que se atopan na fronteira; a barreira burocrática e o discurso social contra a súa presenza en territorio español
Son milleiros os mozos e mozas que, residindo en centros de protección á infancia, se atopan cunha auténtica barreira burocrática á hora de emanciparse e levar adiante un proxecto de vida. O propio Estado, encargado de protexer a estes adolescentes vulnerables, esíxelles unha autorización de traballo que para poder iniciar a súa vida laboral. Os requisitos para a concesión deste permiso son varios: contar con un contrato de traballo dun ano de duración; a empresa contratante non pode ter débedas coa Seguridade Social; a empresa ten que abonar unha taxa mínima de 201,82€; o procedemento tarda en resolverse entre un e tres meses dende que se presenta a solicitude, período ao que hai que sumar o tempo que o Goberno tarda en dar cita para a presentación da documentación. Este trámite é unha estratexia do Estado para obstaculizar o acceso a un posto de traballo a adolescentes que entraron en protección pola súa situación de vulnerabilidade. A mocidade migrante ten que facer fronte a varios muros: o valado que se atopan na fronteira; a barreira burocrática e o discurso social contra a súa presenza en territorio español.
Xa é costume escoitar en sede parlamentaria argumentos políticos xenófobos que tratan de confundir e sementar o odio. A intencionalidade destes grupos racistas é a de converter un asunto de protección á infancia e de respecto aos dereitos dos nenos nunha cuestión de seguridade cidadá. Utilizan constantemente mentiras. As falacias, que repiten sistematicamente, non teñen nada que ver coa realidade persoal desta adolescencia. Resulta escandaloso ver como incluso hai sentenzas xudiciais que avalan a utilización destes embustes, favorecendo a construción do discurso do odio cara un colectivo vulnerable. Recentemente a revista Comunicar, unha das publicacións científicas de maior impacto das ciencias sociais en España, vén de publicar un artigo no que se evidencia o papel de parte da prensa española en apoiar estes estigmas, relacionando a palabra MENA con aspectos negativos. O certo é que parte da sociedade comprou este discurso. Incluso no goberno actual, foron coñecidas as reticencias dalgún ministro en levar adiante a reforma da lei de estranxeiría.
Xa é costume escoitar en sede parlamentaria argumentos políticos xenófobos que tratan de confundir e sementar o odio. A intencionalidade destes grupos racistas é a de converter un asunto de protección á infancia nunha cuestión de seguridade cidadá
Transitar á vida adulta na actualidade é verdadeiramente extenuante para toda a adolescencia galega. Non hai mais que ver como está o mercado laboral ou cales son as posibilidades de acceso á vivenda. Non sempre son posibles os itinerarios de emancipación de carácter lineal, que eran os que se daban nas derradeiras décadas do século XX. O habitual era empezar a traballar e posteriormente independizarse. Na actualidade son frecuentes as traxectorias de ida e volta. Son moitos os casos nos que as condicións socioeconómicas fan que os itinerarios de transición á vida adulta sexan reversibles. Todos e todas coñecemos experiencias de emancipación frustradas nas que se produciu unha volta á casa familiar.
Mais a mocidade migrante non conta con ese apoio social. Para un mozo ou moza en protección non hai opción de volta ao recurso do que saíu. Non hai segundas oportunidades unha vez que pechan o expediente administrativo: estamos falando de que esta mocidade ten que facer fronte a metas moito máis complexas. Poderíamos volver a recordar as diferentes barreiras sociais, económicas e legais.
A adolescencia migrante conta co apoio das figuras profesionais que día a día acompañan a este colectivo no seu camiño cara a superación da situación de exclusión social. Dende a educación social levamos décadas facilitando oportunidades a esta mocidade que o único que quere é ter un futuro. Frecuentemente teñen sido utilizados e abusados durante o seu itinerario migratorio. En moitos casos a única persoa adulta na que confían, tras vivir experiencias de vida moi duras, é unha educadora ou educador social. Establecer esa dinámica de confianza non é doado. Só hai que imaxinarse como se relaciona unha persoa á que previamente lle teñen feito moito dano. A acción profesional favorece a configuración dun espazo de seguridade persoal dende o que asumir os difíciles retos da vida. Trátase dun acompañamento intensivo no que se van facilitando experiencias de aprendizaxe coas que facer fronte aos diferentes obstáculos que van aparecendo no camiño da emancipación.
A reforma da lei de estranxeiría suprime unha barreira que dificultaba os proxectos de vida da mocidade migrante. Dende a educación social celebramos esta modificación.
A reforma da lei de estranxeiría suprime unha barreira que dificultaba os proxectos de vida da mocidade migrante. Dende a educación social celebramos esta modificación. Non é comprensible que este obstáculo administrativo estivera presente durante décadas. Non ten xustificación técnica. A norma previa só se pode explicar dende unha perspectiva ideolóxica, coa clara intencionalidade de dificultar a vida da mocidade migrante. O novo marco legal supón a oportunidade dun futuro mellor para milleiros de persoas. Quen se pode opor a iso? A quen lle molestan os dereitos fundamentais desta adolescencia? Nunha sociedade democrática ten que haber tolerancia cero para quen sementa o odio. É imprescindible que centremos o debate nos dereitos da infancia. Non podemos caer na trampa. Durante anos conseguiron acaparar con mentiras o discurso social. A adolescencia migrante nunca supuxo un problema para a seguridade cidadá. A educación social seguirá onde sempre estivo, acompañando ás persoas vulnerables.