A UE considera “tradición” a Rapa das Bestas e elude valorar o benestar dos cabalos como pediu un eurodeputado portugués

Imaxe da Rapa das Bestas de Sabucedo e resposta da Comisión Europea ao eurodeputado portugués © Bruno Pardo / Praza Pública

O partido Pessoas-Animais-Natureza (PAN), integrado no Grupo dos Verdes/ALE, pedía á Comisión Europea unha valoración do “espetáculo” no que “cavalos semisselvagens” son “montados, agarrados e imobilizados de forma violenta”

Para a Comisión Europea a Rapa das Bestas “é considerada uma tradição cultural e um património regional em Espanha” e polo tanto non lle é aplicable a directiva europea sobre protección dos animais en explotacións gandeiras. Así o vén de responder o comisario europeo de Saúde e Seguridade Alimentaria, Vytenis Andriukaitis, ao eurodeputado portugués Francisco Guerreiro que hai dous meses preguntou á Comisión que opinión lle merece o que definiu como “uma atividade ganadeira” convertida en “espetáculo” na que “cavalos semisselvagens” son “montados, agarrados e imobilizados de forma violenta”.

O pasado 26 de xullo Guerreiro, único representante en Bruxelas do partido portugués Pessoas-Animais-Natureza (PAN), integrada no Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea, preguntou por escrito á Comisión Europea a súa opinión sobre “o tratamento que recebem os cavalos” na Rapa das Bestas, que definiu como “uma atividade ganadeira em que se reúne um importante número de cavalos semisselvagens que são montados, agarrados e imobilizados de forma violenta para lhes cortar o cabelo da cabeça e da cauda, administrando um medicamento veterinário para desparasitar sem nenhum tipo de controlo profissional sobre a morfologia, peso ou estado dos equídeos”. Segundo a pregunta do eurodeputado, “alguns destes medicamentos são perigosos para o meio ambiente e não se tomam medidas de prevenção”. Guerreiro sinalaba na súa pregunta que “esta atividade converteu-se num espetáculo, pago nalguns municípios galegos, e não se adequa com o tratamento que deveriam receber os animais, já que parte deles são vendidos a matadouros pela sua carne e se obtém lucro da venda de entradas e produtos relacionados com os cavalos”.

Pregunta sobre a Rapa das Bestas formulada polo eurodeputado do partido portugués PAN CC-BY-SA Praza Pública

O eurodeputado preguntou á Comisión non só pola súa opinión sobre o tratamento aos cabalos senón tamén se concedeu “alguma ajuda económica para as associações que promovem estas atividades na Galiza” e se considera que “esta atividade cumpre as diretivas europeias sobre bem-estar dos equídeos”. Na súa pregunta o eurodeputado parece referirse á Rapa das Bestas de Sabucedo ao mencionar que “nalgúns municipios” é un “espectáculo” de pago, algo que non ocorre noutros lugares onde tamén se realiza a recollida e saneamento anual de cabalos do monte e nos que o trato aos animais é menos vistoso, como nos varios curros que se celebran na serra da Groba, entre o Val Miñor e o Baixo Miño, ou no norte da provincia de Lugo.

A Comisión Europea sinala tamén que non ten constancia de axudas comunitarias á Rapa das Bestas

A pasada semana a Comisión Europea, a través do comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria, respondía ao eurodeputado portugués sinalando que “a Rapa das Bestas na Galiza é considerada uma tradição cultural e um património regional em Espanha” e engadindo que “em conformidade com o artigo 13.° do Tratado sobre o Funcionamento da UE, a União e os seus Estados-Membros, na definição e aplicação das políticas da União [...] terão plenamente em conta as exigências em matéria de bem-estar dos animais, respeitando simultaneamente as disposições legislativas e administrativas e os costumes dos Estados-Membros, nomeadamente em matéria de ritos religiosos, tradições culturais e património regional”. A resposta do comisario sinala que “a Diretiva 98/58/CE do Conselho relativa à proteção dos animais nas explorações pecuárias não é aplicável aos animais destinados a manifestações culturais. Por conseguinte, a atividade referida pelo Senhor Deputado não é abrangida pelo âmbito de aplicação da diretiva”.

A resposta do comisario tamén sinala que a UE non financiou ningunha actividade relacionada coa Rapa das Bestas no ámbito do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional porque non serían elixibles mentres que remite ao Estado español no que tivese que ver cos pagamentos relacionados coa política agrícola común, eido do que di que “a Comissão não dispõe de informações sobre o apoio a projetos ou beneficiários específicos”.

Resposta da Comisión Europea sobre a Rapa das Bestas á pregunta formulada polo portugués PAN CC-BY-SA Praza Pública

O autor da pregunta á Comisión, Francisco Guerreiro, eurodeputado desde as eleccións europeas do pasado 26 de maio, é o único representante en Bruxelas do partido portugués Pessoas-Animais-Natureza (PAN), formación animalista que tamén tiña ata agora un único deputado na Assembleia da República, na que tras as eleccións lexislativas deste domingo aspira a ampliar representación e ser decisivo dentro dos acordos da esquerda para formar goberno. Na eurocámara o PAN está encadrado no Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea, do que formou parte o BNG na pasada lexislatura. Nesta, á espera da toma de posesión do escano no seu momento por parte de Ana Miranda, que se repartirá o tempo da lexislatura con ERC e EH Bildu, os socios cataláns forman parte dese mesmo grupo mentres que os vascos están encadrados no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.