No artigo, publicado en 1858 en El Album de El Miño, Rosalía -que tiña só 21 anos- reclama a súa liberdade como creadora e tamén como persoa, reivindicando a liberdade das mulleres ante a presión social que as culpabiliza
"Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino". En 1858 Rosalía de Castro publicou en El Album de El Miño -xornal vigués activo entre os anos 1857 e 1868- o artigo Lieders, un breve texto en castelán que ben pode considerarse o primeiro manifiesto feminista publicado en Galicia. Rosalía ten nese momento 21 anos, acaba de coñecer a Manuel Murguía (con quen casou en outubro dese ano) e vén de publicar o seu primeiro poemario, La Flor.
O texto supón unha declaración de liberdade como creadora (o artigo comeza dicindo "Oh, non quero cinguirme ás regras da arte!”) e tamén como persoa, reclamando a liberdade das mulleres ante a presión social que as culpabiliza, rebelándose fronte a unha sociedade dominada polos hombres e denunciando o uso do sexo como instrumento de degradación, como destaca Catherine Davies ("por que os homes derraman sobre ti a inmundicia dos seus excesos, desprezando e aborrecendo despois no teu moribundo cansazo o horrible das súas mesmas desordes e dos seus quenturentos delirios").
Agora, co gallo da celebración do Día de Rosalía, este domingo 23 de febreiro, a Fundación Galiza Sempre vén de anunciar a edición en formato facsímile da tradución ao galego do manifesto. A publicación, ademais do propio texto orixinal, conta cun limiar da doutora e investigadora María Pilar G. Negro, e da tradución profesional de Iria Taibo.
A Fundación Galiza Sempre publica o texto en formato facsímile, a súa tradución e un limiar de Pilar G. Negro nunha edición que repartirá de balde este domingo ás persoas asistentes á manifestación de Queremos Galego
A entidade subliña que "malia ao valor literario e político do manifesto, até o momento non existía unha publicación que recollese a tradución á nosa lingua" e destaca que, no entanto, si se publicou "unha tradución ao inglés realizada polo Consello da Cultura Galega, da man da catedrática e estudosa da figura de Rosalía de Castro, Kathleen N. March".
Kathleen March, unha das principais estudosas das letras galegas no ámbito anglosaxón, preguntouse xa en 1990 se Lieders constituía "o primeiro manifesto feminista na Galiza", do que posteriormente destacou que contiña unha "perspectiva feminista enormemente moderna". A investigadora sinalou tamén a importancia doutros dous textos de Rosalía, o limiar de La hija del mar (1859) e Las literatas (1965), como defensa reivindicativa do dereito da muller á vida intelectual e á creación literaria.
Kathleen March destacou que o texto contiña unha "perspectiva feminista enormemente moderna"
No final do texto Rosalía denuncia o sufrimento psicolóxico das mulleres provocado polos remorsos ("os remorsos son a herdanza das mulleres febles"). María Xesús Lama explica en Rosalía de Castro: cantos de independencia e liberdade que estes remorsos son provocados por comportamentos totalmente lexítimos, malia que a sociedade as condene para ter o control sobre as mulleres.
A Fundación Galiza Sempre destaca que se trata "dunha das obras máis trasgresoras do momento pola súa arenga á igualdade, á independencia e á liberdade das mulleres"
A Fundación Galiza Sempre destaca sobre Lieders que se trata "dunha das obras máis trasgresoras do momento pola súa arenga á igualdade, á independencia e á liberdade das mulleres". Ademais, sinala a conveniencia da publicación neste momento, ás portas da celebración do Día da Muller Traballadora, o vindeiro 8 de marzo, pois "é importante lembrar o pensamento e obra de Rosalía, o cal se identifíca claramente coas mulleres das clases populares, especialmente as labregas".
O artigo denuncia o uso do sexo como instrumento de degradación e critica o sufrimento psicolóxico das mulleres provocado polos remorsos
A Fundación Galiza Sempre aproveitará a manifestación convocada por Queremos Galego este domingo en Santiago para facer un reparto masivo da publicación entre as e os asistentes.
Ademais, a publicación será presentada en Ferrol o 6 de marzo (ás 19:30 horas no Antigo Hospicio) e na Coruña o 25 de marzo (ás 19 horas na A.C Alexandre Bóveda). Ámbolos dous actos contarán coa profesora García Negro, intervindo no caso de Ferrol a secretaria da FGS, Lucía Veciño, e na Coruña, a tradutora Iria Taibo.