Nico Campos destaca que "Antonio 'Toñito' Blanco foi un dos artistas máis breves e influentes da Galicia dos oitenta e noventa"
O 22 de novembro de 1994 morría "por culpa da droga" Toñito Blanco. Tiña 30 anos. Guionista nos primeiros anos da TVG, codirector xunto con Ricardo Llovo de A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos e mesmo actor ocasional (na serie Composteláns), Blanco foi tamén un dos creadores do Xabarín Club, cuxo éxito case non chegou a ver. No trinta aniversario do seu falecemento o Consello da Cultura Galega vén de incorporar ao seu Álbum de Galicia a reseña biográfica dedicada a Toñito Blanco, realizada por Nico Campos.
No texto, Nico Campos destaca que "Antonio 'Toñito' Blanco foi un dos artistas máis breves e influentes da Galicia dos oitenta e noventa" e vai debullando algúns dos proxectos nos que colaborou no final da década dos 80 e no comezo dos 90. Coa súa morte "quedamos sen un artista incomparable e inclasificable, que deixou unha marca indeleble en Galicia", destaca.
Despois de estudar Xornalismo, Toñito traballou no departamento de promocións da TVG e escribiu recensións e guións para televisión
Despois de estudar Xornalismo, Toñito traballou no departamento de promocións da TVG e escribiu recensións e guións para televisión. Colaborou ademais como experto en banda deseñada no magazine A tumba aberta neses primeiros anos da cadea pública galega.
Antes de estar na TVG fora colaborador do programa Canal 13, o que vostede se merece, presentado por Xosé Manuel Pereiro na desconexión de TVE en Galicia. Neste programa emitiuse en 1989 a serie Composteláns, na que Blanco foi guionista e actor, e das que se poden ver en Youtube os seus 39 capítulos.
Foi colaborador do programa Canal 13, o que vostede se merece, presentado por Xosé Manuel Pereiro en TVE-Galicia, onde participou como actor e guionista na serie Composteláns
A serie, que seguía o ronsel da icónica The Young Ones (emitida na TVG como Os Novos, con tradución de Lois Pereiro na súa primeira dobraxe), amosaba un piso de estudantes compostelán no que covivían un funcionario da Xunta (Serafín Cordeiro), o seu curmán Toñito (interpretado polo propio Toñito Blanco), "prototipo de estudante badanas", e Antón (interpretado por Antón Losada), "o típico estudante eterno e malencarado".
En 1993 Toñito Blanco codirixiu con Ricardo Llovo La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos, o filme gore de culto que lle deu sona en todo o Estado
En 1993 Toñito Blanco codirixiu con Ricardo Llovo La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos, o filme gore de culto que lle deu sona en todo o Estado. A película, autodefinida como “posiblemente a película máis noxenta, cutre e divertida de tódolos tempos”, foi protagonizada por Manuel Manquiña, Juanillo Esteban e Mamen Rivera e contou tamén coa participación de Teté Delgado, Julián Hernández, César Strawberry (líder de Def con Dos), Luisa Veira ou Silvia Superstar. Julián Hernández ou Xurxo Souto ocupáronse da banda sonora e Carlos Soliño da montaxe.
No filme, inspirado libremente en A matanza de Texas, unha parella de urbanitas teñen un accidente co coche, o que lles obriga a pedir axuda nunha casa de aldea na que vive unha familia de psicópatas, os Machado, que realizan embutidos de carne humana.
Orotagonizada por Manuel Manquiña, Juanillo Esteban e Mamen Rivera, contou tamén coa participación de Teté Delgado, Julián Hernández, César Strawberry, Luisa Veira ou Silvia Superstar
Nico Campos explica no seu texto que a película naceu como un proxecto de "musical", ideado por Toñito Blanco, Manuel Manquiña e Juanillo Esteban. Os tres fixeran un espectáculo chamado Sólos, perdidos y viciosos. E nun día que volvían dunha actuación, falaban da importancia de facer un Rocky Horror Picture Show en Galicia, "unha obra na que homenaxear todas as súas referencias e gustos". De aí xurdiu a idea para A matanza dos Seixas, que se acabaría por converter na película que coñecemos.
Toñito Blanco, Manuel Manquiña e Ricardo Llovo, compañeiro no departamento de promocións da TVG, formaron a produtora VideoVil para realizar a película e comezaron a recrutar a intérpretes e colaboradores. Para o financiamento do filme levaron a cabo un crowdfunding (daquela non se chamaba así) coa venda de bonos VodeVil cun custo de 1.500 pesetas, reunindo finalmente unhas 350.000. A rodaxe levouse a cabo na Semana Santa de 1993 (aproveitando as vacacións de varios deles na televisión) na casa dos tíos avós de Llovo en Sigüeiro.
O filme estreouse na IV Semana do Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián e despois pasou polo Festival de Sitges, acadando un gran recibimento
Finalmente, despois de superar moitos atrancos na montaxe e tamén para facer fronte ao custo das copias en VHS que prometeran a cambio das achegas económicas dos bonos VodeVil, o filme estreouse na IV Semana do Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián e despois pasou polo Festival de Sitges, acadando un gran recibimento.
O éxito da película amósase nunha anécdota coa que Nico Campos pecha o texto. Conta que en 1995, sendo Alfredo Rubalcaba portavoz do Goberno de Felipe González, foi preguntado en rolda de prensa "se era certo que o Goberno estaba pedindo que se emitiran películas de terror por televisión". Rubalcaba respondeu con sorna que "sobre todo estaban pedindo que se emitise La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos". A xornalista Ana Cermeño chamou a Rubalcaba para comentarlle que Toñito Blanco morrera só uns meses antes e envioulle unha copia da película. "Tempo despois coincidimos, lembreille a anécdota e díxome que a película era brillante, enxeñosa, e falou do ácido humor da cinta", conta Cermeño.
Participou na creación do Xabarín Club, no que ía presentar unha sección de cómics, cun personaxe creado para el, o Capitán Araña, que non puido chegar a facerse
No tempo en que estaba a colleitar o éxito pola estrea da película, comenzando a converterse nun autor de culto en todo o Estado, Toñito Blanco comezaba tamén a preparar un programa na TVG dirixido por Suso Iglesias: o Xabarín Club. Neste equipo había outros compañeiros como o propio Llovo ou Carlos Soliño como montador. Blanco ía presentar unha sección de cómics, cun personaxe creado para el, o Capitán Araña, que non puido chegar a facerse; finalmente Carlos Portela transformouno no Doutor TNT que coñecemos. O programa estreouse en abril de 1994. Seis meses despois morría Toñito Blanco dunha sobredose.
Nos últimos anos Blanco recibiu algunhas homenaxes, como a que hai unha década lle dedicou o Freakemacine, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, no vinte aniversario da estrea da película que lle deu máis sona. En 2013 Toni Campos dirixiu o documental: Toñito Blanco. Só, perdido e vicioso.
"Antonio era un cóctel explosivo, feito de cultura popular e clásica, cabeza quente en perpetua actividade, axitador cultura capaz de mover mesmo ós máis reticentes, home-slogan incansable, coñecedor dos medios que sabía da importancia de insistir neles coas mesmas teimas, ata a saciedade"
Antes, en 2001, publicouse o libro Textos de varios tipos / Antonio Blanco, prologado por Eduardo Galán, Suso Iglesias, Pepe Coira, que escribían: "Antonio, the only one, é unico pero tamén é moitos. Antonio, en realidade, somos todos, tódolos que formamos o corpus dunha xeración que non foi a do 68 pero que viviu contradictoriamente das súas herdanzas". "Antonio era-é un cóctel explosivo, feito de cultura popular e clásica, cabeza quente en perpetua actividade, axitador cultura capaz de mover mesmo ós máis reticentes, home-slogan incansable, un coñecedor dos medios que sabía da importancia de insistir neles, machaconamente, coas mesmas teimas, ata a saciedade", engadían.