Chichi Campos, figura incómoda que miraba "onde non se pode mirar", explicado para 'millennials'

Portada de 'Estampas do mundo elegante' ©

O 26 de febreiro de 1991 finaba en Compostela Xesús Campos Álvarez, máis coñecido como Chichi Campos. Humorista gráfico, xornalista e guionista de televisión, foi un dos pioneiros da banda deseñada en galego, sendo moi populares nos anos 80 os cadriños e textos que publicaba en A Nosa Terra e que no ano 1992 foron reunidos no volume Estampas do mundo elegante.

Humorista gráfico, xornalista e guionista de televisión, foi un dos pioneiros da banda deseñada en galego, sendo moi populares nos anos 80 os cadriños e textos que publicaba en A Nosa Terra

Porén, malia a importancia do seu traballo, Campos carece na actualidade do recoñecemento que merecería, algo que aspira a corrixir a publicación dunha actualización de Estampas do mundo elegante na que colaboran 37 autores e autoras, que homenaxean a súa "pluma afiada" nunha edición tributo coordinada polo seu fillo, Nico Campos e editada por Tórculo, que se pode adquirir neste enlace

Posuía un humor irreverente, acedo e heterodoxo, que define moi ben o espírito da Transición política, do desencanto e da década dos 80 en Galicia e que, ao mesmo tempo, dificultou o seu recoñecemento, converténdoo nunha figura difícil de clasificar e, polo tanto, incómoda.

Autorretrato de Chichi Campos © Chichi Campos

"Chichi Campos non facía prisioneiros e, seguramente por iso, a súa figura incómoda e satírica segue a ser unha das máis esquecidas da cultura galega dos primeiros anos da democracia"

"Chichi Campos non facía prisioneiros e, seguramente por iso, a súa figura incómoda e satírica segue a ser unha das máis esquecidas da cultura galega dos primeiros anos da democracia", destácase na presentación da obra, que conta con prólogo de Manuel Rivas, que escribe: “Chichi Campos pertence á estirpe dos que miran onde non se pode mirar e dos que moven a lingua doutro xeito”. Para Ledicia Costas, autora do epílogo, “soster este libro é coma ter nas mans un calidoscopio. Colocas o ollo no lugar exacto, fas esa viaxe no tempo, les as Estampas do mundo elegante e as reflexións de todas as persoas que poboan esta obra, e as formas xeométricas empezan a mesturarse unhas coas outras”.

O obxectivo desta edición tributo é, sobre todo, achegar a Chichi Campos á actualidade e ás novas xeracións, que non coincidiron con el no tempo e que en boa medida descoñecen o seu traballo. Por este motivo, unha parte das case corenta colaboracións pertencen a persoas novas: xornalistas, guionistas, escritores, músicos, cineastas ou twitstars que se encargan de comentar os artigos orixinais, darlles contexto ou, directamente, homenaxealos.

O obxectivo desta edición tributo é, sobre todo, achegar a Chichi Campos á actualidade e ás novas xeracións, que non coincidiron con el no tempo e que en boa medida descoñecen o seu traballo

A lista completa está formada por Aida Bao, Ana Ponte, Antonio Díaz Ageitos, Anxo Rabuñal, Belén Regueira, Camilo Franco, Carlos Ares, Carlos Gómez López (@ElHumanoide), Carlos Meixide, Carlos Santiago, Cristina Díaz Pardo, Daniel Salgado, David Lombao, Denís Estévez, Enrique Lojo, Fernando Fernández Rego, Gonzalo Cortizo, Gonzalo G. Velasco, Iria Taibo, Jose Manuel Sande, Julián Hernández, Lidia Fraga, Luís Pardo, Mabel Montes, Manuel Barreiro, Marcos Nine, María Yáñez, Marta Veiga Izaguirre, O’Leo, Patricia A. Janeiro, Pilar Gª Rego, Tamara Montero, Valeria Pereiras, Xan Codesido e Xosé Hermida

Chichi Campos © Chichi Campos

O libro preséntase este mércores na Coruña

A primeira presentación tivo lugar en Compostela o pasado 23 de febreiro e este mércores 2 de marzo celebrarase a segunda na Coruña (Fundación Luís Seoane, 19 horas). As seguintes serán en Lugo (10 de marzo na librería Trama), Vigo (17 de marzo no Café UF), Ourense (23 de marzo na Librería Eixo), Ferrol (30 de marzo no Centro Cívico de Canido) e Pontevedra (o 7 de abril na Librería Paz).

Todo o recadado coa venda do libro dedicarase a financiar un documental sobre Chichi dirixido polo seu fillo

En realidade, o libro e as homenaxes en que se converten as súas presentacións ían ter lugar o pasado ano 2021, coincidindo co 30 aniversario do seu pasamento, pero a pandemia obrigou a adialo un ano. “A idea era facer isto o ano pasado, pero xa sabemos que o primeiro ano de pandemia non conta a efectos de homenaxe, así que ao puro estilo Ángel Nieto, pasamos todo a este 2022”, explica Nico Campos. 

Todo o recadado coa venda do libro dedicarase a financiar un documental sobre Chichi dirixido polo seu fillo. O documental, no que Nico Campos leva traballando dez anos, conta co apoio da productora Ollovivo, que vén de realizar o documental Beiras: Vivir 2 veces.

Caricaturas realizadas por Chichi Campos © Chichi Campos

20 anos de actividade intensa e pioneira

Foi un dos pioneiros da banda deseñada en Galicia, participando con Xosé Díaz, Luís Caparrós, Xaquín Marín e Reimundo Patiño na exposición colectiva que deu inicio ao movemento

Xesús Campos naceu en La Laguna (Tenerife) en 1952. En 1972 fundou con Xosé Díaz e Luís Caparrós o grupo de banda deseñada do Castro e un ano despois expuxo con eles e con Xaquín Marín e Reimundo Patiño no Círculo Mercantil de Santiago, unha exposición colectiva que percorreu varias vilas de Galicia ademais de Madrid e Barcelona e que foi un dos puntos de partida da banda deseñada en Galicia. Ademais, participou na publicación de A cova das choias (1974), a primeira revista do cómic galego, editada en Xenebra (Suíza). Ademais, en 1973 fundou con José Ramón López a galería de arte Mestre Mateo na Coruña

Un dos cadriños de Chichi Campos © Chichi Campos

Foi "cerebro dalgunhas das maiores gamberradas dunha TVG primixenia", destaca o seu fillo Nico Campos

Foi un destacado militante do PCG, encargándose da constitución das Xuventudes Comunistas de Galicia e presentándose como número 2 na lista do partido nas eleccións municipais en Compostela. Porén, posteriormente abandonou o partido. Colaborou en Mundo Obrero, A Voz do Pobo e na revista de humor gráfico e literario Can sen dono, e sobre todo en A Nosa Terra, onde colaborou de forma estable entre decembro de 1983 e marzo de 1991.

Foi "cerebro dalgunhas das maiores gamberradas dunha TVG primixenia", destaca o seu fillo Nico Campos. E, en efecto, Chichi Campos escribiu guións para a Televisión de Galicia nos seu primeiros anos de emisión, case sempre protagonizados polos seus amigos Manuel Manquiña e Antonio Durán "Morris".

Boa parte dos guions de Chichi Campos para a TVG estaban protagonizados por Manuel Manquiña e Antonio Durán "Morris" © TVG
Portadas da revista 'Can sen dono' © Chichi Campos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.