Toñito Blanco, 20 anos despois da 'Matanza Caníbal'

Toñito Blanco © Bea Llovo

19 anos sen Toñito Blanco, e 20 dende que A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, primeira mostra do gore galego e aínda hoxe un referente no xénero, viu a luz. Unha ocasión que o Freakemacine, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, non podía desaproveitar para render homenaxe ao filme e ao autor, cunha proxección en pantalla grande e unha mesa de debate na que participarán algunhas das persoas que mellor o coñeceron. A charla-coloquio comezará pouco despois das 18.30 horas no Macuf, xusto despois da entrega de premios do festival, e estará conducida por Juanillo Esteban con amigos do realizador e artistas participantes na película, entre eles Julián Hernández, César Strawberry, Teté Delgado, Ricardo Llovo, Nico Campos, Alberto Casal, Pilar Comesaña, Xosé Zapata, Xaime Fandiño, Suso Montero, Suso Iglesias…

Freakemacine tamén presentará diverso material audiovisual inédito na súa maioría, pertencente aos amigos máis próximos cercanos a Toñito, así coma imaxes do making-off da película e aparicións de Toñito na TVG

Freakemacine tamén presentará diverso material audiovisual inédito na súa maioría, pertencente aos amigos máis próximos cercanos a Toñito, así coma imaxes do making-off da película e aparicións de Toñito na TVG, pertencentes ao documental Toñito Blanco: sólo, perdido y vicioso, producido por Xosé Zapata. E para rematar, nada mellor que unha festa con catering protagonizada por Los Ciclones, a banda capitaneada pola actriz e presentadora Teté Delgado.

Tonecho Otero, responsable do festival, destaca que a homenaxe era "obrigada", pola importancia que Blanco tivo para o audiovisual galego, "e en concreto esta película". Otero comenta que "é moi gracioso ver agora como Toñito conseguiu facer a película, facendo uso do que agora chamamos crowdfunding, e que antes era sablear os teus amigos. Conseguiu reunir 350.000 pesetas no ano 93, que é algo incrible".

"Antonio, the only one, é unico pero tamén é moitos. Antonio, en realidade, somos todos, tódolos que formamos o corpus dunha xeración que non foi a do 68 pero que viviu contradictoriamente das súas herdanzas"

"Antonio, the only one, é unico pero tamén é moitos. Antonio, en realidade, somos todos, tódolos que formamos o corpus dunha xeración que non foi a do 68 pero que viviu contradictoriamente das súas herdanzas", escribiron en 2001 Eduardo Galán, Suso Iglesias, Pepe Coira no limiar do libro Textos de varios tipos / Antonio Blanco. Neste texto analizaban as "chaves" do pensamento e da personalidade de Toñito Blanco, da súa obra e da súa vida: "a televisión de finais dos sesenta e dos setenta como única escola interesante; centos de horas da infancia perdidas diante do televisor. Tamén o cine como referencia alucinatoria da realidade imposible. E o rockanrol, como complemento-revulsivo da España da Eurovisión. Importantísimos os cómics, porque se namoraba dos heroes e heroínas de papel, que tiñan físicos que non existían na realidade da carne. E, last but not least, o humor, surreal, cínico, infantil…".

"Antonio era-é un cóctel explosivo, feito de cultura popular e clásica, cabeza quente en perpetua actividade, axitador cultura capaz de mover mesmo ós máis reticentes, home-slogan incansable, un coñecedor dos medios que sabía da importancia de insistir neles, machaconamente, coas mesmas teimas, ata a saciedade", engadían. Os tres amigos, que tan ben o coñeceron, concluíron: "Morreu moi novo, de sobredose, en 1994, nun accidente estúpido como todos. Non tiña máis ca trinta anos… e os seus amigos perdemos unha referencia insubstituible da creatividade sen medios… Con Toñito como enviado especial no país de Sempre Xamais, fixémonos moito máis vellos".

Guionista e actor en Composteláns, presentador da revista cultural A tumba aberta, guionista de varios dos primeiros programas daquela iniciática TVG de finais dos 80 e comezos do 90 (Gracias pola galega, Etcétera...), até formar parte do primeiro equipo que creou e deu forma o Xabarín Club. E por suposto, A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, pioneira do gore español e autodenominada “posiblemente a película más noxenta, cutre e divertida de todos os tempos”. Para lembralo, entán as súas obras: A Matanza Caníbal (este domingo, no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa da Coruña), ou por que non, podemos repasar a igualmente icónica serie Composteláns, dirixida en 1989 por Xosé Manuel Pereiro e protagonizada por Antón Losada, Toñito Blanco e Serafín Cordero, que se pode ver integramente en youtube.

Toñito Blanco © Bea Llovo
Imaxe do filme © Freakemacine

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.