Este pasado 26 de decembro Xesús Campos Álvarez, máis coñecido como Chichi Campos, tería celebrado o seu 70 cumpreanos. Porén, o humorista gráfico, xornalista e guionista de televisión, foi un dos pioneiros da banda deseñada en galego, finou novo, en 1991, deixándonos orfos do seu humor irreverente, acedo e heterodoxo e dunhas creacións -gráficas ou textuais- que representaban mellor que ninguén o espírito dos anos oitenta en Galicia.
O Álbum de Galicia inclúe un texto biográfico realizado polo seu fillo Nico, unha selección de fotografías e unha escolma de enlaces a textos realizados polo propio Chichi Campos ou estudos sobre a súa figura
Coincidindo con esta data, o Consello da Cultura Galega vén de incorporar a figura de Chichi Campos ao Álbum de Galicia nun espazo que inclúe un texto biográfico realizado polo seu fillo Nico Campos, unha selección de fotografías de Xesús Campos e dalgúns dos seus traballos e outros materiais. Así, o Álbum de Galicia inclúe entrevistas realizadas a Chichi Campos, textos escritos por el mesmo (como un dedicado a Lois Pereiro), enlaces a estudos sobre a súa obra e figura e ligazóns a textos xornalísticos realizados sobre el. Así mesmo, podemos atopar exemplos de cartas entre Chichi Campos e Luís Seoane e enlaces ao arquivo da revista A cova das choias (1974), a primeira publicación periódica do cómic galego, editada en Xenebra (Suíza).
No texto que introduce a entrada no Álbum de Galicia o seu fillo Nico Campos escribe que "a súa foi unha vida que resume o espírito dos anos oitenta en Galicia, unha época que retratou como ninguén"
No texto que introduce a entrada de Chichi Campos no Álbum de Galicia o seu fillo Nico Campos escribe que "a súa foi unha vida que resume o espírito dos anos oitenta en Galicia, unha época que retratou como ninguén", subliñando que "deixou unha inxente produción artística para alguén que morreu con trinta e nove anos acabados de cumprir". E conclúe: "atrás quedaron a incrible colección de artigos, guións e debuxos espallados por diferentes libretas, manteis e panos de mesa que regalaba a toda persoa que os quixese. Porque Chichi si quería facer un mundo máis interesante".
A iniciativa do CCG chega meses despois da publicación dunha actualización de Estampas do mundo elegante, unha edición tributo que conseguiu traer ao presente a figura e a obra de Campos
A iniciativa do Consello da Cultura Galega chega meses despois da publicación dunha actualización de Estampas do mundo elegante -libro que no ano 1992 recolleu unha escolma dos cadriños e textos que Chichi Campos publicaba en A Nosa Terra-. A comezos deste ano 37 autores e autoras participaron nunha nova edición desta obra, coordinada polo seu fillo Nico Campos e editada por Tórculo, que se pode adquirir neste enlace. Esta edición tributo conseguiu traer ao presente a figura e a obra de Xesús Campos, achegándoo dalgún xeito ás novas xeracións.
"Chichi quería facer un mundo máis interesante", conclúe o seu fillo Nico na súa biografía
"Chichi Campos non facía prisioneiros e, seguramente por iso, a súa figura incómoda e satírica segue a ser unha das máis esquecidas da cultura galega dos primeiros anos da democracia", destacábase na presentación desta obra, que conta con prólogo de Manuel Rivas, que escribiu: “Chichi Campos pertence á estirpe dos que miran onde non se pode mirar e dos que moven a lingua doutro xeito”.
20 anos de actividade intensa e pioneira
"Chichi Campos non facía prisioneiros e, seguramente por iso, a súa figura incómoda e satírica segue a ser unha das máis esquecidas da cultura galega dos primeiros anos da democracia", destacábase na presentación da edición tributo
Xesús Campos naceu en La Laguna (Tenerife) en 1952. En 1972 fundou con Xosé Díaz e Luís Caparrós o grupo de banda deseñada do Castro e un ano despois expuxo con eles e con Xaquín Marín e Reimundo Patiño no Círculo Mercantil de Santiago, unha exposición colectiva que percorreu varias vilas de Galicia ademais de Madrid e Barcelona e que foi un dos puntos de partida da banda deseñada en Galicia. Ademais, participou na publicación de A cova das choias (1974), a primeira revista do cómic galego, editada en Xenebra (Suíza). Ademais, en 1973 fundou con José Ramón López a galería de arte Mestre Mateo na Coruña
Foi un destacado militante do PCG, encargándose da constitución das Xuventudes Comunistas de Galicia e presentándose como número 2 na lista do partido nas eleccións municipais en Compostela. Porén, posteriormente abandonou o partido. Colaborou en Mundo Obrero, A Voz do Pobo e na revista de humor gráfico e literario Can sen dono, e sobre todo en A Nosa Terra, onde colaborou de forma estable entre decembro de 1983 e marzo de 1991.
Foi "cerebro dalgunhas das maiores gamberradas dunha TVG primixenia", destaca o seu fillo Nico Campos. E, en efecto, Chichi Campos escribiu guións para a Televisión de Galicia nos seu primeiros anos de emisión, case sempre protagonizados polos seus amigos Manuel Manquiña e Antonio Durán "Morris".