Volve o Freakemacine, Festival de Cinema Fantástico da Coruña, e semella que non só non sofre a crise, senón que mesmo crece: en sedes, actividades e ambición. Serán sete días de proxección de filmes, exposicións, talleres e o habitual concurso de curtametraxes e a zombi walk polas rúas da cidade. Entre as novidades, a homenaxe a Toñito Blanco aproveitando o 20 aniversario de A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, e unha video-regueifa entre Javi Camino e El Hematocrítico, que abrirá o festival este mesmo luns.
"Buscamos revitalizar a vida da cidade, levar as actividades á rúa, ese é o sentido da zombie walk, que o sábado percorrerá as rúas entre a Praza de Lugo e a Praza de Azcárraga"
O Freakemacine esténdese pola cidade, dende o CGAI á Fundación Seoane, pasando polo Macuf e os cines Filmax. Pero tamén as mesmas rúas, e un bo número de locais de ocio (Gabba Gabba, Bristol, Dux, Puticlub, Mardi Gras, Diablita, Garufa ou La Gata) que apoian o festival e que acollerán festas temáticas todas as noites, de luns a sábado. "Buscamos revitalizar a vida da cidade, levar as actividades á rúa, ese é o sentido da zombie walk, que o sábado percorrerá as rúas entre a Praza de Lugo e a Praza de Azcárraga", destaca Tonecho Otero, un dos organizadores. Estes locais e outras moitas entidades e pequenas empresas constitúen o principal soporte dun festival que sempre se moveu en orzamentos moi axustados: "Nunca tivemos achegas económicas públicas, polo que agora non estamos notando os recortes. Sempre nos movemos con moito realismo, sen querer crear un gran bluff", destaca.
"Moitas veces encasíllannos nun certo xénero, coma se o festival fose unicamente de terror e gore, de vampiros e monstros. Por iso queremos saír dese certo encasillamento"
Killer Joe (2012), The Last Will and Testament of Rosalind Leigh (2012), Contra el tiempo (2012), La Máscara del demonio (1960), Emergo (2011), Safety no guaranteed (2012), A Ritmo de Jess (2012), Al Pereira Vs The Alligator Ladies (2012), Cockneys vs. Zombies (2012), God Bless America (2011) compoñen unha programación que Otero cualifica "de cinéfilos", que se "afasta dos baños de sangue e vísceras". "Moitas veces encasíllannos nun certo xénero, coma se o festival fose unicamente de terror e gore, de vampiros e monstros. Por iso queremos saír dese certo encasillamento", salienta. O finado Jess Franco terá un gran protagonismo, despois de que na pasada edición estivese a piques de ser o convidado estrela. Estrearase en Galicia o seu penúltimo filme (Al Pereira Vs The Alligator Ladies) e tamén A Ritmo de Jess, o video-diario da derradeira rodaxe de Jesús Franco.
"É moi gracioso ver agora como Toñito conseguiu facer a película, facendo uso do que agora chamamos crowdfunding, e que antes era sablear os teus amigos"
O Freakemacine homenaxeará o chorado Toñito Blanco, autor de A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos, primeira mostra do gore galego, e do que neste ano se celebra o seu vixésimo aniversario. Proxectarase na gala de clausura do festival, xusto despois de entregar os premios do concurso de curtametraxes, e antes dunha charla-coloquio conducida por Juanillo Esteban con amigos do realizador e artistas participantes na película, entre eles Julián Hernández, Teté Delgado ou César Strawberry. Tonecho Otero destaca que a homenaxe era "obrigada", pola importancia que Blanco tivo para o audiovisual galego, "e en concreto esta película". Otero comenta que "é moi gracioso ver agora como Toñito conseguiu facer a película, facendo uso do que agora chamamos crowdfunding, e que antes era sablear os teus amigos. Conseguiu reunir 350.000 pesetas no ano 93, que é algo incrible".
"Veremos despois do festival se A Coruña é unha cidade friki", di, "seguro que si, xa que todos nos sentimos un pouco zombis nestes tempos"
"É Coruña unha cidade friki?", preguntámoslle a Otero. “Os que facemos o festival si que somos un pouco frikis. A ver se a cidade é suficientemente friki e se apunta á marcha zombi". Comenta a este respecto que o vídeo promocional da zombie walk, que se poderá ver nos próximos días “explora os referentes dos monstros que presiden o festival: temos un concello que ten unha caveira no seu escudo, que ten a cabeza dun xigante soterrada na Torre de Hércules, temos un gaiteiro zombie no cartel, un percebe asasino xigante...”. "Veremos despois do festival se A Coruña é unha cidade friki", di, "seguro que si, xa que todos nos sentimos un pouco zombis nestes tempos".