Un FKM consolidado e máis ambicioso homenaxeará a Amando de Ossorio

Presentación do Festival de Cinema Fantástico da Coruña © Concello da Coruña

O Festival de Cine Fantástico da Coruña inicia o luns a súa sétima edición, consolidado, máis ambicioso e contando por vez primeira con apoio do Concello. O Freakemacine (FKM) estará dedicado nesta ocasión a homenaxear a Amando de Ossorio, un dos referentes do cinema de terror, con dúas ducias de títulos na súa filmografía, algúns deles auténticas pezas de culto. Dende o luns 26 até o domingo 1 de novembro o festival ofrece unha completa programación, na que non faltarán as xa tradicionais Marcha Zombie e Video-Regueifa.

Ademais dedicará sesións ao cinema francés de terror, ao anime xaponés e ás producións galegas, ofrecerá o habitual certame de curtametraxes e, na medianoite do sábado 31, unha proxección (interactiva, por suposto) de The Rocky Horror Picture Show, que celebra o seu 40 aniversario. Finalmente, O Fórum Metropolitano acollerá as sesións “máis reflexivas” do festival a través de mesas cadradas (en homenaxe aos Monty Python) sobre a industria audiovisual. Alí, diversos encontros servirán para "debater o estado da industria e das posibilidades culturais do mundo vinculado ao cine fantástico e de terror”.

O festival foi presentado este venres en rolda de prensa. O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, destacou a traxectoria do Festival, “un evento que naceu desde a autoxestión” e “grazas a unha sa ambición”, resaltou Sande, converteuse nun “certame estable” e que “funciona na cidade”.

A sétima edición do Festival desenvolverase en numerosos espazos da cidade, como a Fundación Luis Seoane, o Museo de Arte Contemporáneo, o Centro Galego de Artes da Imaxe, Cantones Cines e o propio Fórum. A Fundación Luis Seoane acollerá “o lado máis canalla do Festival”, segundo afirmou o seu director, David Barro, “coas actividades nocturnas”, e a exposición do ilustrador David Rubín, que poderá visitarse até o domingo.

O FKM contará coa presenza de distintas personalidades do xénero na cidade. Entre elas, unha das actrices emblemáticas do xénero, a danesa Lone Fleming, scream queen coa que Amando de Ossorio traballou en distintas ocasións. Tamén participará o artista Jean Christophe Sapaccini, autor de efectos especiais de películas de Luc Besson. Sapaccini impartirá un obradoiro no MAC, no que aínda quedan prazas dispoñibles, na última fin de semana de outubro. 

Na web do festival pode consultarse a programación completa, que se pechará o domingo 1 de novembro no MAC (Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural – Fenosa), coa cerimonia de clausura, na que se entregarán os premios do IV Concurso Internacional de Curtametraxes e do I Concurso Internacional de Longametraxes, Ópera Prima.

O FKM homenaxeará a Amando de Ossorio Dominio Público Praza Pública
Web do festival Dominio Público FKM

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.