O Concello de Ribeira teima en 'escribirse' con uve e o Valedor arquiva o caso

Imaxe corporativa oficial do Concello, co topónimo incorrecto © Concello de Ribeira

"Esta institución entende que por parte do Concello de Ribeira se acepta parcialmente o recordatorio de deberes legais que lle foi feito". É o razonamento formulado polo Valedor do Pobo en funcións, José Julio Fernández, para arquivar a queixa formulada por un cidadán que se dirixira á defensoría galega polo uso reiterado que o goberno ribeirense fai da forma incorrecta do topónimo da vila. En logotipos, edificios oficiais e todo tipo de documentación figura a forma Riveira e non a oficial, lembraba a relamación, polo que reclamaba que o Valedor instase o consistorio a cumprir a lei. E así aconteceu, aínda que dun xeito un tanto particular.

En efecto, tras recibir a queixa o titular da institución remitiulle ao goberno local que dirixe Manuel Ruiz Rivas (PP) o correspondente "recordatorio de deberes legais". Nese escrito, reclamáballe "que se dea cumprimento ao disposto ao artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística -o referido á toponimia-" e no decreto 189/2003, "no sentido de utilizar nese Concello a toponimia aprobada facendo uso do topónimo de Ribeira para o seu uso en todo tipo de documentación".

O Valedor dá por pechada a queixa ao sinalar o Concello que vai reclamar que a Xunta cambie a lei que está a incumprir

O recordatorio non tivo inicialmente resposta dende o Concello, se ben "tras sucesivas peticións", nas que o alto comisionado reclamaba coñecer "a aceptación ou non do citado recordatorio de deberes legais", "foi recibida contestación na que se achegaba un informe do arquiveiro municipal". Xunto a ese informe, figuraban copias "de documentos de diversa natureza, tanto privados como públicos, relativos ao obxecto desta queixa". "A resposta achegada non expresa a aceptación do recordatorio de deberes legais", admite o Valedor que, non obstante, si acepta "un informe da xefa do servizo de Normalización Lingüística do Concello, no que aconsellaba que se instase a revisión urxente por parte da Comisión de Toponimia da Xunta deste topónimo".

O Valedor "entende" que o informe da súa propia xefa de Normalización "foi asumido polo Concello", o que o leva a considerar que admitiu "parcialmente" a súa recomendación e a "proceder ao arquivo do expediente aberto". Así as cousas, o defensor galego dá por pechada a queixa por un incumprimento da lexislación lingüística ao sinalar o Concello que reclamará que a lei que incumpre sexa cambiada.

Imaxe corporativa oficial do Concello, co topónimo incorrecto © Concello de Ribeira

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.