O PP négase a retirar honras e recoñecementos a destacados persoeiros franquistas en Ribeira. A formación popular rexeitou no pleno municipal unha moción impulsada polo BNG na que se pedía o cumprimento da Lei de Memoria Histórica e a retirada das rúas ao ex-alcalde franquista da localidade, Miguel Rodríguez Bautista, así como a outro cargo da ditadura como Diego Delicado, e a fin das distincións a destacados falanxistas da zona como Fernando Suárez Tangil e a José María Rivero de Aguilar, colaboradores da ditadura. A iniciativa xa fora rexeitada hai cinco anos.
O PP rexeita unha moción do BNG para a retirada da rúa ao ex-alcalde franquista Rodríguez Bautista e as honras a outros persoeiros colaboradore da ditadura
Agora, a negativa dos populares á retirada destas homenaxes -á que se uniu a escisión do PP na vila, Partido Barbanza Independiente (PBBI)- chegou no mesmo día no que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciaba a través dunha nota que o seu departamento poría en marcha os mecanismos para a aplicación dos máis de 106.000 asignados polo Estado a Galicia "para a localización de fosas" de vítimas represaliadas polo franquismo, así como para "actividades de difusión e dignificación" da memoria democrática.
No mesmo día no que o conselleiro participaba na constitución da Conferencia Sectorial da Memoria Democrática impulsada polo Estado, o pleno municipal de Ribeira --a segunda maior localidade gobernada polos populares en Galicia-- rexeitaba unha proposta para retirar honras a destacados militantes fascistas.
O Bloque cualifica de "aldraxe á democracia" o rexeitamento da súa iniciativa, que si apoiaron PSdeG e Suma Ribeira
"Foi unha aldraxe á democracia", criticou o portavoz do BNG en Ribeira e impulsor da moción, Xosé Vázquez Cobas, que advertiu de que a súa formación seguirá traballando "para conquerir unha Ribeira libre de simboloxía franquista e que non honre os benefactores dunha ditadura que reprimiu, exiliou e asasinou milleiros de persoas", entre eles un cento de persoas neste concello, vinte delas asasinadas e algunhas delas lembradas polo voceiro nacionalista no pleno.
Vázquez Cobas criticou con dureza as intervencións do alcalde, Manuel Ruíz Rivas; da tenente alcalde, Maria Sampedro, así como as do voceiro do PBBI, Vicente Mariño, por "supoñer un branqueamento do fascismo e denotar complicidade cos actos atroces que esta ideoloxía cometeu: fusilamentos, paseos e represión".
Durante a súa intervención, Mariño dixo "atopar bos recordos polo traballo realizado" polo ex-alcalde franquista, Miguel Rodríguez Bautista, de quen destacou o "importante labor no plano urbanístico", así como "a apertura de rúas" ou que posiblitase a chegada de "beirarrúas, auga ou luz" a algunhas zonas da vila. Ademais, pediu "mirar ao futuro" e destacou que "as rúas non son do franquismo nin de ninguén, senón de Ribeira".
O PP e a súa escisión destacaron os "bos recordos" e o "importante labor" do rexedor franquista e non ven "motivo para o cambio"
Pola súa banda, María José Sampedro, do PP, dixo non ter atopada "unha mala palabra" entre a veciñanza do ex-alcalde, "nin motivo para o cambio". "Hai outras couas que xeran máis preocupación... Viviu a época que lle tocou vivir", engadiu. Para o rexedor ribeirense, Ruíz Rivas, a proposta do BNG non se axusta aos casos que esgrime a Lei de Memoria Histórica por non referirse a persoeiros "relacionados coa persecución ou a represión".
A moción do BNG chegou ao pleno cinco anos despois de que en 2016, o grupo nacionalista, PSdeG e Ciudadanos rubricaran conxuntamente unha iniciativa para retirar as honras municipais ao alcalde franquista Miguel Rodríguez Bautista. Reclamaban, concretamente, que unha rúa da vila barbanzá deixase de levar o nome de quen foi alcalde designado pola ditadura entre 1944 e 1959, ademais de xefe da Falange e procurador nas Cortes coas que o xeneral golpista simulaba un Parlamento.
A Asociación de Empresarios de Ribeira esgrimiu a pandemia para opoñerse a que unha rúa deixase de homenaxear o alcalde franquista
Aquela iniciativa fora rexeitada tamén, daquela por 10 votos fronte a 11, os que daquela sumaban o goberno en minoría do PP, un edil independente e outra non adscrita. Desta vez, PP e PBBI sumaron 16 edís contra a iniciativa. Alén da corporación, a ese rexeitamento xa se sumara antes publicamente a Asociación de Empresarios de Riveira. A patronal local esgrimira, entre outros motivos, o impacto da pandemia.
"Non é este o momento idóneo de realizar tal cambio", dicía a entidade. "Somos conscientes -asegura- dos transtornos e gastos que suporá" e "pedimos aos promotores", sinala sen citar ao BNG, que "a deixen para máis adiante, unha vez superada a difícil situación anímica e económica que os nosos empresarios, comerciantes e cidadáns en xeral están sufrindo".
Desde o BNG, o seu portavoz destacou este luns no pleno ribeirense que volverá presentar a iniciativa as veces que faga falta tras lembrar que "xa hai 45 anos do fin da ditadura". Ademais, lembrou que distincións análogas foron retiradas en moitos outros concellos, tamén gobernados polo PP, como Burgos, Córdoba, Palencia ou Alacant.
Así, afeou a "posición ultra" ao PP local e denunciou o que considera "unha falta de respecto ás máis dun cento de vítimas da represión franquista no municipio de Ribeira: 20 persoas fusiladas, paseadas ou asasinadas nos campos de exterminio nazis; 67 procesadas; 39 presas e 38 detidas".