O avó de Celia García Pillado fundou "un pequeno sindicato" en Ribeira en 1932. Nos primeiros anos do franquismo "estivo preso" pola súa militancia política, aínda que "despois o soltaron". A súa avoa tamén foi represaliada: "viñérona buscar á casa e déronlle unha especie de paseo exemplarizante" pola vila, espíndoa e humillándoa en plena rúa. Todo isto, relata Celia, sucedeu mentres era xefe local da Falange Miguel Rodríguez Bautista, alcalde ribeirense entre 1941 e 1959, quen segue a ter unha rúa dedicada na localidade despois de que o pleno municipal rexeitase, por 11 votos a 10, a iniciativa na que BNG, PSdeG e Ciudadanos reclamaban retirarlla ao abeiro da Lei de Memoria Histórica. Durante o pleno "ardeume o sangue" e non puido evitar intervir para retrucar as verbas do alcalde, Manuel Ruiz Rivas (PP), que como nunha carta aberta publicada na prensa local en días previos, defendeu a continuidade da rúa baseándose na xestión de Rodríguez Bautista na alcaldía e, ademais, alegando que "non hai nin unha soa evidencia de que en Ribeira se represaliase" por mandato "deste señor".
Como viviu vostede tanto o debate plenario como a controversia dos días previos?
Vivino mal. A miña familia durante ese tempo sufriu moito e agora só esperaba que o Concello de Ribeira cumprise a lei. Pero non quere cumprila e é doloroso.
O actual alcalde dixo que non lle constaba ningún acto represivo na etapa de Rodríguez Bautista. Pero na súa familia si consta…
"O alcalde non se comporta como un demócrata"
Eu non sei se hai datos disto, no ano 77 a maioría dos documentos da Falange foron destruídos. Pero el non pode dicir iso. Ser xefe provincial e local do Movimiento leva consigo represión. Isto é unha vila moi pequena e nos anos duros do franquismo el [Rodríguez Bautista] era quen daba as ordes. Cal ía ser a súa función, senón? Eu non daba crédito ao que estaba oíndo no pleno, aínda que o que máis me ofendeu foi a carta que enviou á cidadanía para posicionarse. Xa sei que o seu grupo nunca vai votar a favor da memoria histórica, porque eles incumpren a lei e se algo a cumpriron foi porque a asociación da memoria histórica o levou ao xulgado. E á miña familia, quen a defende? Non se está comportando como un alcalde demócrata.
Como valora que dende o Concello se apele á xestión de Rodríguez Bautista para manter a súa rúa, indicando que no seu mandato se construíron casas e outros equipamentos que empregaban fillos de represaliados?
"Polo seu cargo, foi un represor; tampouco vimos a Franco disparar cunha pistola, pero todos sabemos que era quen mandaba"
O alcalde distorsiona a realidade. As casas fixéronse en toda España, non son de don Miguel Rodríguez Bautista. Foi unha política franquista na que se facían esas casas, non só en Ribeira. Este señor levou case 20 anos no poder. Que fixo cousas? Claro que as fixo, porque ademais foi procurador en Cortes, chegou ao máis alto. A oposición e a Comisión da Memoria Histórica nin sequera se meteron en que se lle quitase o título de fillo predilecto, porque disque fora nomeado polas obras que fixeran. Só se pedía que non continuase tendo unha rúa un señor que, polo seu cargo, foi un represor. Os falanxistas eran quen facían a represión neste país. El, seguramente, non fixo nada materialmente, pero mandou facer e, polo tanto, era cómplice do delito. Isto era unha aldea, como non se ía saber o que pasaba? Non se daba un paso sen que se soubese. Tampouco vimos a Franco disparar cunha pistola pero todos sabemos que era quen mandaba.
Dende o goberno municipal tamén se di que a familia de Rodríguez Bautista non non ten que pasar por algo así…
Vivimos unha vila pequena e convivimos coas familias. Eu non teño nada contra a familia de Rodríguez Bautista, eles non teñen culpa. Pero teñen que entender que teñen un pasado, igual que eu teño o meu. Eu non o mesturo; os seus antepasados foron quen fixeron iso, eles non son responsables. Pero cadaquén ten que asumir a súa historia, e a min dóeme que queiran cambiala: Á miña avoa sacárona arrastrando da casa, rapáronlle a cabeza, vexárona, insultárona e quen sabe que máis cousas. Eu teño un testemuño directo e, ademais, todo o mundo sabe o que lle pasou á miña familia, que fomos represaliados igual que foi máis xente, por desgraza. Igual que non é certo que en Ribeira só houbese un fusilado. Que estea acreditado, hai cinco.
Por que cre que estes debates cheguan a 2016, máis de 40 anos despois da morte do ditador?
"É moi doado dicir que ollemos cara a adiante; aquí o loito non se pasou porque nolo prohibiron"
Porque non houbo vontade política por ningunha parte. Non só nos gobernos do PP, tamén no PSOE. Zapatero fixo a lei da memoria histórica, pero ninguén tivo vontade, ninguén quere dar ese paso. Eu son partidaria de que a historia se conte, e que as novas xeracións saiban o que pasou. Non é por odio nin por vinganza, pero temos que contar a historia. Que a estas alturas esteamos con este debate sería impensable noutros sitios como Alemaña, onde a ninguén se lle ocorrería semellante exaltación do fascismo. A nós dísenos que odiamos e que miremos cara a adiante. É moi doado ollar cara a adiante sen sufrir; aquí o loito non se pasou porque nolo prohibiron.