O 9 de agosto de 1944 Francisco Franco visitou Ribeira acompañado por unha enorme comitiva. Naquela altura era alcalde da vila Miguel Rodríguez Bautista, quen aínda levaría o bastón de mando durante quince anos máis, combinando durante unha década -dende 1949- o posto de rexedor co de procurador nas Cortes franquistas. O ditador acudiu a aquela visita ataviado co uniforme de Falange e, tras o xugo e as frechas, presidiu xunto ao alcalde un desfile falanxista que recolleron con profusión os xornais e tamén o NO-DO, toda vez que a visita se producía durante as vacacións de Franco no Pazo de Meirás. As crónicas da época recollen que os actos, de apenas dúas horas de duración, custaron unhas 62.000 pesetas, o 10% do orzamento municipal. A actual oposición municipal ve motivos dabondo en actos coma este para que Rodríguez Bautista deixe de ter unha rúa dedicada na vila barbanzá, retirada á que se opón o PP, que goberna en minoría, motivo polo cal a proposta, de ser votada, previsiblemente sairá adiante.
Os grupos municipais do BNG (4 edís), PSdeG (3 edís) e Ciudadanos (3 edís) veñen de rexistrar unha proposta conxunta no Concello ribeirense para que o goberno do PP (8 edís, tras o paso dunha concelleira ao grupo non adscrito) retire, en aplicación da Lei de Memoria Histórica, a rúa que homenaxea o alcalde franquista, así como a dedicada a Diego Delicado, presidente da Deputación da Coruña nos anos 40 e 50 do século pasado, e as declaracións de "fillo adoptivo" que ostentan Fernando Suárez Tangil e José María Rivero de Aguilar, tamén cargos da ditadura. A petición bateu cunha irada resposta do alcalde, Manuel Ruiz Rivas, que chega a considerala unha "ignominia".
Rodríguez Bautista foi alcalde de Ribeira entre 1944 e 1959, xefe de Falange e procurador nas Cortes da ditadura
Os autores da iniciativa enmárcana na necesidade de "reparación moral" das vítimas do franquismo, a cal pasa, din, pola fin da "exaltación" pública dos persoeiros do réxime. Bloque, socialistas e Ciudadanos -cuxo líder, Albert Rivera, se opuxo a iniciativas coma esta noutros municipios do Estado-, resaltan que Rodríguez Bautista exerceu o seu posto durante "os anos máis duros e represivos da ditadura, período no que ademais "asumiu, na súa integridade, a función de xefe do partido único fascista, responsable de miles de paseados entre os nosos compatriotas". Foi, din, "unha persoa que non só desempeñou de bo grao o posto de máxima autoridade franquista en Ribeira", senón que ademais "buscou o ascenso social a través do partido fascista".
BNG, PSdeG e C's propoñen substituír o nome do rexedor franquista polo de Neira Vilas
Por todo isto os grupos propoñen que a rúa que homenaxea a Rodríguez Bautista pase a ser a rúa de Xosé Neira Vilas e que a rúa de Diego Delicado sexa trocada por Praza de Vigo. A retirada destas honras, indican, culminaría a aplicación da Lei de Memoria Histórica en Ribeira, cuxo pleno municipal votou o pasado xaneiro -naquela ocasión, tamén co apoio do PP- a retirada da rúa 9 de agosto, que lembraba a devandita visita de Franco, pasando a estar dedicada a José Fernández, alcalde republicano represaliado polos franquistas.
O alcalde e a Asociación de Amas de Casa
Ruiz Rivas (PP) argumenta que o alcalde franquista "construía vivendas sociais onde algúns dos beneficiarios eran familias" de represaliados
A retirada, tamén reclamada dende a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza recibiu unha dura resposta do alcalde, pero tamén da Asociación de Amas de Casa de Ribeira. Nunha carta aberta publicada na prensa local Ruiz Rivas argumenta que "a diferenza doutros moitos lugares", en Ribeira "os tristes casos de represaliados foron a excepción", ademais de enxalzar a figura de Rodríguez Bautista. "Don Miguel", di o actual alcalde, "construía vivendas sociais onde algún dos beneficiarios eran familias que poucos anos antes sufriran a perda dalgún dos seus membros pola terrible lacra que supuxo a represión, ou construía o grupo escolar onde estudaban eses fillos ou netos".
O actual alcalde négase a "manchar o nome" de Rodríguez Bautista
Na misiva Ruiz Rivas evoca os anos da transición e mesmo subliña que a rúa dedicada a Franco desapareceu de Ribeira cun goberno do PP. Pero, lamenta, "cando criamos superado ese terrible pasado de hai máis de oitenta anos apareceu unha 'asociación' e memoria histórica e por primeira vez facíanme perder a compostura" porque "un rapaz de pouco máis de vinte anos me cualificaba de fascista". A mesma asociación, censura, acudiu á xustiza para solicitar formalmente a retirada da simboloxía franquista "e non lle chegou que o xuíz dixese que non existía ningún indicio de incumprimento" coas rúas cuxa retirada agora se reclama. "Tampouco lles bastou aos grupos políticos que agora piden a retirada deses honores" a desaparición da rúa 9 de agosto, engade.
"Se le achaca que fue falangista. ¿Qué otra cosa se podía ser en esa época siendo alcalde?", di a Asociación de Amas de Casa
Ruiz Rivas asegura sentir "de corazón que a familia de don Miguel teña que pasar por este trago 55 anos despois do seu pasamento" e por iso, advirte, el non vai colaborar para "manchar o seu nome". Unha defensa aínda máis acendida do personaxe chega dende a devandita Asociación de Amas de Casa, que nun escrito consensuado o pasado 10 de marzo lle esixe á corporación o mantemento do nome da rúa porque "don Miguel fue uno de los mejores alcaldes que se recuerda en Riveira", un "gran defensor del pueblo, llegando en su gobierno a llamarse Ciudad Blanca por lo que él se preocupaba de que luciese limpia y pintada". "Se le achaca que fue falangista. ¿Qué otra cosa se podía ser en esa época siendo alcalde?", pregúntanse, ao tempo que cuestionan ao Concello se "no tienen otra cosa que hacer que preocuparse por unos cambios que a nadie benefician".
Dende o BNG local, un dos tres impulsores da iniciativa, laméntase nun comunicado que "o alcalde lle filtrase a proposta á directiva da asociación", cuxa presidenta, Magdalena Rivas, "emprega o seu cargo para exercer presión sobre os cargos políticos", reprocha, tanto como con este comunicado como "facendo chamadas para evitar dar cumprimento á lei". "A honra de levar o nome dunha rúa correspóndelle a persoas que salienten polo seu labor de concordia e exemplaridade" e non para "cargos da ditadura franquista", conclúen, ao tempo que ven "indecente" a postura do alcalde.