No ano 2016, os grupos municipais do BNG, PSdeG e Ciudadanos rubricaron conxuntamente unha iniciativa para retirar as honras municipais ao alcalde franquista Miguel Rodríguez Bautista. Reclamaban, concretamente, que unha rúa da vila barbanzá deixase de levar o nome de quen foi alcalde designado pola ditadura entre 1944 e 1959, ademais de xefe da Falange e procurador nas Cortes coas que o xeneral golpista simulaba un Parlamento.
A retirada das honras a Rodríguez Bautista xa foi rexeitada polo PP local en 2016, cando a pediran conxuntamente o BNG, PSdeG e C's
Aquela iniciativa fora rexeitada por 10 votos fronte a 11, os que daquela sumaban o goberno en minoría do PP, un edil independente e outra non adscrita. O rexeitamento enchera de contrariedade aos grupos propoñentes e tamén a descendentes de represaliados como Celia García Pillado, neta dun sindicalista represaliado en Ribeira cando Rodríguez Bautista encabezaba a Falange no municipio. "A miña familia foi represaliada polo franquismo, só pido que quen o mandou non teña unha rúa", resumía en declaracións a Praza.gal.
Cinco anos despois, o BNG de Ribeira volve levar a pleno a iniciativa. A formación agarda que o PP (9 edís) reitere a súa negativa -aínda que polo momento non se definiu publicamente ao respecto- e que ese "non" chegue tamén por parte do PBBI, unha escisión dos conservadores cuxos 7 concelleiros son clave para a estabilidade do goberno local. Alén da corporación, a ese rexeitamento vén de sumarse publicamente a Asociación de Empresarios de Riveira. A patronal local esgrime, entre outros motivos, o impacto da pandemia
A formación nacionalista reclaman a retirada do nome da avenida Miguel Rodríguez Bautista e a súa remuda por outro que suscite o consenso dos grupos que integran a corporación municipal". Entre as suxestións que formulan, citan denominacións como Heroínas de Sálvora ou Xosé Neira Vilas. Ademais, reclaman a retirar as restantes honras municipais que aínda quedan no concello dedicadas a persoeiros da ditadura para así dar "por cumprida a lei de memoria histórica" na vila.
O BNG suxire denominacións como Xosé Neira Vilas ou Heroínas de Sálvora para remudar o alcalde franquista no rueiro de Ribeira: "Nunha sociedade democrática non pode haber cabida para honras e distincións a quen tanta represión provocou"
En vésperas do debate no Concello, a Asociación de Empresarios fixo público un comunicado asinado polo seu presidente, Francisco Martínez, no que di "non entrar en valorar" os "motivos de tal petición", en referencia á solicitude de mudar o nome da rúa, para acto seguido opoñerse a ela. Martínez di evidenciar o "punto de vista" da súa asociación e "dos veciños" desa rúa para afirmar que "non é este o momento idóneo de realizar tal cambio".
"Somos conscientes -asegura- dos transtornos e gastos que suporá" e "pedimos aos promotores", sinala sen citar ao BNG, que "a deixen para máis adiante, unha vez superada a difícil situación anímica e económica que os nosos empresarios, comerciantes e cidadáns en xeral están sufrindo". Segundo esta organización, o BNG (ao que non citan) debera "reconsiderar a súa postura" e "retirar" a iniciativa" ata "un momento máis propicio". A asociación empresarial non achega dato ningún sobre os supostos gastos que implicaría o cambio.
O BNG, pola súa banda, subliña que, "tras máis de cinco anos sen ningún avance para eliminar os vestixios" da ditadura que "aínda quedan no municipio", é tempo de rematar con "esta completa anormalidade". "Nunha sociedade con principios democráticos non pode haber cabida para honras e distincións para quen apoiaron unha ditadura que tanta represión e asasinatos provocou". Rodríguez Bautista foi o encargado de recibir a Franco en Ribeira en 1944, unha visita de poucas horas inzada de simboloxía fascista na que o goberno local que dirixía gastou unhas 62.000 pesetas, o equivalente ao 10% do orzamento municipal.
Na mesma liña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza reitera o seu apoio á "retirada dese nome das rúas" para "situaranos como un concello que cumpre a lexislación vixente, en
lugar de seguir sendo un concello defensor do fascismo e que o honra". "Ter o nome dun franquista nas
nosas rúas identifícanos como franquistas", afirman.