Un xulgado abre dilixencias por prevaricación ao alcalde de Ribeira por contratar un asesor urbanístico malia informes en contra

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, no centro da imaxe, nun mitin con Rueda este pasado domingo CC-BY-SA PPdeG

O xuíz investiga unha querela de Suma Ribeira contra o popular Manuel Ruíz Rivas por pagar desde 2020 a un arquitecto técnico 1.500 euros ao mes 

O xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ribeira vén de acordar, nun auto con data do 16 de maio, incoar dilixencias previas por presunta prevaricación administrativa contra o alcalde da vila aspirante á reelección, Manuel Ruíz Rivas, que foi portavoz parlamentario do PPdeG de 2007 a 2011, e un arquitecto técnico contratado polo Concello como asesor urbanístico. A causa é froito dunha querela presentada por Suma Ribeira, que denunciou ante a xustiza que a contratación realizouse a dedo a finais de 2020 malia contar o alcalde con informes en contra da Secretaría e a Invervención do Concello e que os servizos seguen manténdose sen contrato a razón de 1.500 euros ao mes.

Manuel Ruíz Rivas, alcalde de Ribeira CC-BY-NC-SA Praza Pública

Segundo a querela de Suma Ribeira que investiga o xulgado o alcalde contratou a finais de 2020 ao arquitecto técnico como asesor municipal en materia de urbanismo por un ano a través dun contrato menor de 14.999 euros, un euro menos do límite que obriga a convocar un concurso público. A Secretaría e a Intervención do Concello emitiron informes con reparos pola insuficiente xustificación tanto da necesidade de contratar esa asesoría como por facelo a dedo través dun contrato menor en lugar de cun concurso. 

A querela relata como o arquitecto técnico contratado foi facturando ao Concello 1.500 euros mensuais, facturas que continuaron pagándose superado o ano de duración do contrato e “até a actualidade”, o que supuxo novos informes desfavorables de Intervención.

Procedementos de contratación a dedo de servizos similares con informes en contra e mesmo a continuidade no tempo deste tipo de asesorías unha vez superados os prazos contractuais, con pagamentos a través da figura do recoñecemento extraxudicial de crédito, veñen sendo criticados polo Consello de Contas en numerosos concellos. Porén, Suma Ribeira considera que este caso vai máis alá dunha irregularidade administrativa e pasaría a ser un delito de prevaricación. 

Ese tipo de delito require probar que a conduta foi realizada con consciencia de que é ilegal, para o que a formación opositora argumenta non só os informes técnicos en contra senón as súas propias intervencións en plenos municipais advertindo da situación.

Un pleno municipal en Ribeira en 2021 © Concello de Ribeira

O xuíz reclamou xa ao Concello diversa documentación e tras examinala será cando decida "sobre a declaración dos querelados"

Agora, ante a querela e os datos nela contidos, o xuíz considera que “fan presumir a posible existencia de delito/s de prevaricación administrativa”, polo que decide instruír dilixencias previas e practicar diversas probas. Así, reclamou ao Concello o expediente completo da contratación do arquitecto técnico, as facturas desde finais de 2020 ata a actualidade, os decretos de Alcaldía que autorizasen o pagamento desas facturas e os informes ao respecto de Intervención e Secretaria. Tamén avanza que será tras examinar esa documentación cando decida “sobre a declaración dos querelados”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.