O PP aférrase a Feijóo dez anos despois de encomendarlle o posfraguismo

Feijóo, proclamado como líder do PPdeG en xaneiro de 2006 CC-BY-SA PPdeG

En xaneiro de 2006 o PP dispúñase a iniciar unha campaña de recollida de sinaturas contra o Estatut de Catalunya e Alberto Núñez Feijóo animaba ao daquela líder do seu partido en Catalunya, Josep Piqué, a que puxese "un pouco de orde" na reforma estatutaria. Feijóo facíao dende o atril do congreso no que, baixo o lema Xuntos por Galicia, o congreso do PPdeG oficializara a súa designación como sucesor de Manuel Fraga na presidencia. Case dez anos despois daquel 15 de xaneiro no que o patrón da dereita española cedeu o temón do que daquela era único partido da oposición no Parlamento de Galicia, a reivindicación soberanista catalá que Feijóo animaba a controlar está en plena ebulición e o PPdeG aférrase ao actual presidente, de futuro político aínda incerto, para tentar reter o poder en Galicia.

Ao asumir o liderado Feijóo dixo que encabezaría un partido "galeguista e español" a cuxa fronte non se comportaría como "un Xudas" a respecto do legado de Fraga, e por iso ía contribuír a "profundizar no autogoberno de Galicia sen pleitear co Tribunal Constitucional". Menos dun ano despois daquelas palabras o veto do propio PP facía fracasar definitivamente a reforma do Estatuto de Autonomía e, case ao mesmo tempo, collía a bandeira dunha suposta "imposición" do galego, desmarcándose do consenso co resto de forzas e alentando coa súa participación activa as mobilizacións dunha descoñecida asociación denominada 'Galicia Bilingüe'. 

Na súa estrea como líder Feijóo cargou contra o Estatut catalán e prometeu "profundizar no autogoberno de Galicia"

O galego presuntamente "imposto" foi tamén un dos eixos da campaña, dirixida por Alfonso Rueda, converteu a Feijóo en titular da Xunta tres anos despois daquel Congreso. Xa dende a Presidencia Feijóo comandou o que xa é o período máis longo da historia da autonomía sen que Galicia sume ningunha competencia nova. Os "pleitos" no Tribunal Constitucional non tiveron, efectivamente, relación ningunha cunha aposta por alargar o autogoberno, senón que maioritariamente estiveron vinculados ao rexeitamento dos conservadores a medidas adoptadas polo Goberno central mentres estivo presidido por José Luis Rodríguez Zapatero.

As "primarias" que non foron tal

As ocasións en que Feijóo rememora publicamente aqueles días de xaneiro de 2006 evoca o congreso que o elevou ao liderado afirmando que foi a culminación dun proceso de primarias. "En el 2006 hubo primarias en el PPdeG", afirmou, por exemplo, nunha entrevista con La Voz de Galicia o pasado verán. No entanto, o plenario no que recibiu o 96% dos votos non estaba composto polo conxunto da militancia, senón por delegados e delegadas que non tiñan diante de si máis ca un candidato, o propio Feijóo, toda vez que os demais foran retirando as súas candidaturas nas semanas previas á cita congresual.

Feijóo teima en que foi elixido en primarias, pero designouno un congreso de compromisarios ao que chegou como único candidato

A cúpula estatal do PP, que con Mariano Rajoy á fronte aínda tentaba acomodarse á oposición no Congreso, desexaba unha sucesión controlada e con poucos participantes. No entanto, cando no outono de 2005 se abriu o proceso puxéronse sobre a mesa tres candidatos ademais de Feijóo: José Manuel Barreiro, Xosé Cuíña e Enrique López Veiga. Para optaren ao liderado tiñan que cumprir unha condición previa: ter o aval de, cando menos, 400 dos 2.000 compromisarios votados polas agrupacións locais para participar no congreso.

Persoas próximas a aquel proceso lembran que dende a madrileña rúa de Génova non se exerceu, nin de lonxe, a neutralidade. Figuras como a do poderoso José Manuel Romay Beccaría foron claves na persuasión aos compromisarios sobre a conveniencia de optar por Feijóo e non pola candidatura que se deu en identificar como a do PP "da boina", a de Cuiña, que defendía a necesidade de "refundar" o PPdeG "en clave galega, sen paliativos e radicalmente democrática". Tratábase, asegurou antes do congreso, de frear a "paulatina perda de autonomía" do partido en Galicia.

Persoas próximas a aquel proceso lembran como a dirección estatal do PP non foi, nin de lonxe, neutral na elección

Os movementos, especialmente entre alcaldes, surtiron o seu efecto e nos actos do Día da Constitución en Ourense o presidente do partido na provincia, José Luis Baltar, confirmaba que Cuiña o informara de que a maioría dos rexedores de Pontevedra estaban con Feijóo. Así as cousas, os avais do baltarismo pasaban de Cuiña ao actual presidente, López Veiga retirábase por falta de apoios e só restaba un obstáculo, Barreiro, que apenas dúas semanas despois se integraba na candidatura de Feijóo como vicepresidente, figura de nova creación no partido. Así as cousas, o que non foi un proceso de primarias tivo tantos candidatos como as primarias doutros partidos en anos posteriores: un só.

O 2016 da incerteza

Unha década despois daqueles acontecementos o PPdeG vólvese encomendar á figura de Feijóo, líder do partido nos seus meirandes triunfos dos últimos dez anos pero tamén presidente cando do PPdeG acadou as súas cotas máis baixas de apoio cidadán, caso das recentes eleccións municipais e xerais. Coa precampaña das eleccións galegas lanzada dende inmediatamente despois do 20-D nas últimas semanas multiplícanse as voces que animan a Feijóo a considerar a conveniencia de optar a un terceiro mandato, aínda que el mesmo indicase que consideraba axeitado permanecer na presidencia só dúas lexislaturas.

Diversos dirixentes admiten que sen Feijóo as posibilidades de recuncar na Xunta reduciríanse aínda máis

Ante a posibilidade real dun resultado electoral que favorecese un goberno da esquerda dirixentes como Alfonso Rueda ou Pedro Puy manifestaron a pasada fin de semana en senllas entrevista radiofónicas que Feijóo é o "mellor" candidato posible. Asemade, en contornas menos favorables ao presidente como a do PP ourensán admítese que, se o congreso do partido -previsto para este primeiro trimestre- elixe un cartel electoral diferente do de Feijóo as posibilidades de recuncar na Xunta reduciríanse aínda máis. Sexa como for, nun escenario no que non que aínda non é posible desbotar nin unha repetición das xerais nin un adianto das galegas, o argumentario conservador céntrase en que, alén de candidatos, só o PP pode garantir "estabilidade" para Galicia. Desta volta, semella, tampouco haberá primarias.

Feijóo e Rueda, nun acto durante a súa etapa na oposición CC-BY-SA PPdeG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.