Rajoy, primeiro presidente en pechar mandato sen transferir unha soa competencia a Galicia

Rajoy, no Parlamento de Fonseca, na súa etapa como director de Relacións Institucionais © Parlamento de Galicia

O ano 1982 foi o do inicio do desenvolvemento do Estatuto de Autonomía de Galicia. Na véspera do Día Nacional de Galicia, o 24 de xullo, o BOE publicaba os reais decretos que oficializaban a transferencia dunha quincena de competencias, algunhas delas tan relevantes como a educación, os servizos sociais ou o desenvolvemento agrario. Un dos altos cargos que tivo que afrontar aquela quincena de relevantísimos traspasos asinados polo goberno da UCD foi o secretario xeral de Relacións Institucionais da Xunta, Mariano Rajoy, quen trinta e tres anos despois se dispón a rematar a décima lexislatura estatal como primeiro presidente do Goberno de España que finaliza un mandato sen transferir unha soa competencia nova a Galicia.

Aquel exercicio de 1982 finalizou cunha vintena de transferencias a Galicia, as tres últimas xa asinadas polo Executivo do PSOE de Felipe González, elixido tras as eleccións de outubro. Aqueles primeiros anos de autonomía foron, obviamente, especialmente abondosos en traspasos -malia que a pretensión inicial de ucedistas e parte dos socialistas fose limitar as competencias da Xunta-. Así, en 1983 chegaron 18, en 1984, 17, e en 1985 fixérono 13.

Unha vez traspasado este primeiro gran paquete de competencias o ritmo foi descendendo, se ben houbo certos picos como as 8 competencias que o propio gabinete de González transferiu ao goberno tripartito da Xunta poucos días antes das eleccións galegas de 1989 ou as 7 e 9 competencias que chegaron en 1994 e 1995, cando comezou o proceso que ampliou o abano competencial das autonomías do 'café para todos'. Os catro anos seguintes, os primeiros de Aznar, foron tamén especialmente frutíferos, toda vez que a dependencia do Goberno do PP do apoio de CiU e PNV propiciou unha nova descentralización do Estado que freou ás bravas tras lograr a maioría absoluta no ano 2000.

Ata agora, a peor lexislatura estatal para o autogoberno galego fora a da maioría absoluta de Aznar

A segunda lexislatura de Aznar fora, ata agora, a peor para o autogoberno galego. A cruzada do exlíder do PP en clave recentralizadora, por unha banda, e as tensións xurdidas cos populares galegos e coa Xunta de Fraga tras o naufraxio do Prestige derivou en que neses anos só se traspasase a Galicia unha única competencia, en 2002 -o profesorado de relixión-, e chegarían tres máis dez días antes dos comicios que Aznar perdeu fronte ao PSOE de Rodríguez Zapatero.

Con Zapatero na Moncloa e o bipartito de PSdeG e BNG chegaron as, ata o momento, últimas competencias transferidas. Foron dúas en 2006 -a FP ocupacional e as ligadas ao Instituto Social da Mariña-, tres en 2007 -sobre colexios profesionais, un centro educativo e a ampliación da relativa ao ISM- e sete en 2008, no inicio da segunda lexislatura consecutiva do PSOE no Estado, entre elas unha especialmente simbólica, a do parque das Illas Atlánticas.

As competencias prometidas

A ausencia de novos traspasos deuse malia que, ao chegar á Xunta, Alberto Núñez Feijóo prometera reactivar o proceso de transferencias paralizado nos últimos compases do segundo mandato de Zapatero. Durante a lexislatura do bipartito os daquela tres grupos do Parlamento de Galicia consensuaran demandar un paquete de 70 competencias pendentes que, dicía o PP galego en 2009, non chegaran a concretarse pola "falta de sensibilidade para con Galicia do Goberno socialista". O bipartito, indicaban os de Feijóo "apenas" podía "exhibir 12 traspasos" malia existir "temas pendentes" que esixían un "esforzo negociador adicional".

Cando chegou á Xunta Feijóo achacaba a falta de traspasos á pouca capacidade do bipartito e á "falta de sensibilidade para con Galicia do Goberno socialista"

No entanto, a primeira lexislatura de Feijóo na Presidencia rematou co contador de transferencias en branco e a segunda vai camiño de rematar igual. Non en van, hai apenas un ano, en maio de 2014, o voceiro dos populares galegos no Parlamento, Pedro Puy, daba o proceso por esgotado. "Houbo un momento no que as comunidade impulsaban o autogoberno mediante traspasos", pero agora "o que cómpre para manter o autogoberno é manter a solvencia da comunidade autónoma", dixo, na liña do reiterado en numerosísimas ocasións por Feijóo.

No entanto, na lexislatura estatal que agora remata si houbo ata sete autonomías que sumaron competencias e todas, agás dúas, o fixeron mentres tiveron gobernos do PP. Asi, Castilla y León gañou catro competencias, Andalucía e Canarias sumaron cadansúas tres, Balears e Madrid engadiron dúas competencias cada unha e a Comunitat Valenciana e Castilla-La Mancha asinaron senllos traspasos.

Feijóo recibe a Rajoy no Obradoiro © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.