A mostra parte dunha investigación sobre a presenza das especies vexetais nos textos da poeta, que posteriormente López Sández e a profesora de Botánica Mª Isabel Fraga Vila converteron nun herbario doado á Casa-Museo e nunha exposición que xa se puido ver en numerosas localidades
"Nasín cando as prantas nasen/ no mes das froles nasín / nunha alborada mainiña/ nunha alborada de abril/ Por eso me chaman Rosa/ mais a do triste sorrir/ con espiñas para todos/ sin ningunha para ti". Nos textos de Rosalía, coma neste poema de Cantares Gallegos, a presenza da natureza e de plantas, flores e árbores concretas é continua e moi importante.
Hai anos un estudo dirixido por María López Sández, Fernando Cabo Aseguinolaza e Maria do Cebreiro Rábade detallou as especies vexetais que aparecían na súa obra e a relevancia que a poeta lles daba, como o demostran textos como “Din que non falan as plantas (...) pero non é certo, pois sempre cando eu paso, de min murmuran e exclaman...”, de En las orillas del Sar
"Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira"
As docentes Mª Isabel Fraga Vila -profesora de botánica e directora durante varios anos do Museo de Historia Natural da USC- e María López Sández foron máis alá e elaboraron un herbario físico con 150 das plantas mencionadas, conservadas en cadanseu prego, acompañadas dos versos nas que son mencionadas. Posteriormente, doaron o Herbario de Rosalía á propia Casa-Museo Rosalía de Castro.
"Trátase dunha ofrenda á autora á que tanto debemos, que nos ensinou a mirar a paisaxe galega doutra maneira, para que poida incorporarse ao discurso museístico e estea a disposición de todas aquelas persoas que se acheguen á Casa Museo”, sinalaron nese momento. Pode consultarse neste enlace a listaxe de especies vexetais citadas por Rosalía nas súas obras.
A exposición, coas fotografías de Miguel Fraga, chegou o 1 de abril á Universidade de Vigo, onde se poderá ver nos seus tres campus
Dende entón a Fundación Rosalía de Castro vén organizando unha mostra itinerante deste Herbario rosalián, que xa se puido ver en Ames, Pontevedra, O Rosal, Redondela, As Neves, Moaña, Ribadumia, Tomiño, Padrón, Caldas de Reis, Vilalba e no Xardín Botánico de Madrid.
A exposición, coas fotografías de Miguel Fraga, chegou o 1 de abril á Universidade de Vigo, onde se poderá ver nos seus tres campus. No edificio Politécnico do campus ourensán estará ata o 12 de abril; do 16 ao 26 de abril pasará pola Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra; e do 30 de abril ao 10 de maio estará no edificio Redeiras do campus de Vigo.
O Herbario contén un gran número de exemplo de rosas -aparecen ata en 118 ocasións nos textos-
A exposición consta de 40 imaxes agrupadas en cinco seccións: rosas, herbas do campo florido, herbiñas do camposanto, árbores e outras flores, plantas e especies comestibles. Ademais dun panel introdutorio da mostra, cada unha destas seccións, formada por oito fotos, vai acompañada dunha explicación na que se desenvolve a importancia desa serie na obra de Rosalía, así como, en xeral, o nexo entre literatura e natureza.
Tamén hai herbas do cemiterio ou do campo florido, "en consonancia coa valoración da flora humilde común aos autores do romanticismo"
O Herbario contén un gran número de exemplo de rosas -aparecen ata en 118 ocasións nos textos de Rosalía- pero tamén de herbas do cemiterio ou herbas do campo florido, "en consonancia coa valoración da flora humilde que foi común aos autores marcados polo romanticismo, desde William Wordsworth ata a propia Rosalía", destacaba hai un tempo López Sández.