"En parte, a culpa estribou en plantacións de árbores esóxenas -como o eucalipto- que se incendian con rapidez e que propician que os incendios se fagan incontrolables", di o Goberno galego nun preito sobre unha plantación ilegal
Os cargos políticos da Xunta levan anos intentando evitar calquera tipo de vinculación entre a cada vez maior presenza de eucalipto en Galicia e os incendios forestais. Pero os seus técnicos, sexan forestais ou legais, non sempre esquivan esas relacións. Así o vén de facer unha letrada da Xunta que nun preito sobre unha plantación presuntamente ilegal de eucaliptos empregou, entre outros argumentos, que "en parte, a culpa" dos incendios do pasado verán estivo en plantacións de eucalipto que arden rápido e "propician que os incendios se fagan incontrolables", segundo recolle unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O preito en cuestión ten como orixe unha suposta plantación ilegal de eucaliptos que a Xunta quere que o seu propietario retire. Á espera de que un xulgado de Santiago resolva sobre o fondo da cuestión, o propietario pediu que se suspendese cautelarmente a corta decretada das árbores co argumento de que se despois obtivese unha sentenza favorable aos seus intereses, os eucaliptos xa estarían tallados.
A Xunta, á que o TSXG dá a razón sobre esta cuestión, defendeu que se poida executar xa a corta das árbores porque se finalmente o propietario tivese razón sempre se lle podería indemnizar economicamente. Pero tamén empregou outro argumento, o do interese xeral superior da corta dos eucaliptos sobre a súa permanencia.
A letrada da Xunta, segundo o TSXG, defendeu a corta cautelar dunha suposta plantación ilegal para que prevaleza "o interese xeral" e o "carácter exemplificante e disuasorio"
Segundo a sentenza do TSXG, a letrada da Xunta defendeu no proceso que "debe prevalecer o interese xeral na conservación do medio rural, os montes e os recursos naturais así como na ordenación dos usos do territorio que determinan a necesidade de restauración do terreo mediante o arranque dos eucaliptos plantados en contravención da normativa e, finalmente, no carácter exemplificante e disuasorio do acto administrativo que de non ser adoptado permitiría ao infractor continuar en posición de obter un rendemento da súa plantación ilegal".
Isto é, se quen plantou os eucaliptos o fixo de xeito ilegal, permitirlle mantelos mentres non chega a sentenza definitiva proporcionaríalle un maior beneficio indebido ao medrar máis as árbores. Pola contra, se finalmente obtén unha sentenza que avala a legalidade dos eucaliptos e estes xa foron cortados, a súa perda sempre pode ser indemnizada economicamente.
Pero a letrada da Xunta, sempre segundo o TSXG, introduciu un argumento máis na defensa da súa postura: "Non cremos que sexa preciso lembrar que este mesmo verán os incendios asolaron a nosa Comunidade Autónoma e, en parte, a culpa estribou en plantacións de árbores esóxenas -como o eucalipto- que se incendian con rapidez e que propician que os incendios se fagan incontrolables, de aí a necesidade de prevalencia do interese xeral".
O TSXG dá a razón á Xunta e autoriza a corta dos eucaliptos malia que non haxa aínda sentenza sobre a súa ilegalidade para así defender o interese público medioambiental
O TSXG asumiu finalmente a postura da Xunta e considera que "a privación mediante o arrancado de determinadas árbores de determinadas especies exóticas como o eucalipto, que conforme a resolución recorrida foron plantadas en contravención da normativa, representa un prexuízo facilmente compensable economicamente, mentres que o mantemento de ditos exemplares comporta un quebranto irreparable para as razóns de interese público medioambiental que levaron ao lexislador a establecer limitacións e un tratamento restritivo" desa especie.