Un terzo da provincia de Ourense ardeu durante a última década

CC-BY-NC-SA Praza.gal

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) cifra en 118.763 hectáreas a superficie queimada o pasado ano en toda Galicia, o 94% en 18 grandes incendios forestais de máis de 500 hectáreas

118.763,65 hectáreas queimadas en todo o país e cando menos os dous maiores incendios forestais da historia, os iniciados en Larouco e Oímbra. A Xunta vén de facer oficiais eses dous grandes datos do pasado ano coa aprobación e publicación esta semana do Plan de prevención e defensa cotra os incendios forestais (Pladiga) para este 2026, que fai balance do ocorrido en 2025. 

Un documento que constata que un terzo da provincia de Ourense ardeu ao longo da última década e que nese mesmo período resultou queimado entre o 32% e o 41% da superficie protexida por distintas figuras da Rede Natura 2000 en todo o país. 

O cálculo oficial da Xunta de hectáreas queimadas (inferior ás 145.000 calculadas por satélite) sitúa o pasado ano como o terceiro peor da serie histórica, apenas por baixo das 119.633 hectáreas de 1978 e a distancia das 198.998 hectáreas de 1989. En 2025 foron unhas 80.000 hectáreas de superficie rasa e unhas 38.000 de superficie arborada. E o groso delas, o 94%, unhas 111.000, concentráronse en 18 grandes incendios forestais, que o plan define como os que superan as 500 hectáreas.

Os grandes incendios do pasado ano cebáronse especialmente coa provincia de Ourense e o sur da de Lugo. Así, o documento reflicte expresamente que "os incendios máis grandes da historia recente déronse en 2025, o de Larouco que tamén afectou notablemente á provincia de Lugo, e o de Oímbra"

Superficie queimada por incendios en Galicia entre 2016 e 2025 CC-BY-SA Pladiga - Xunta de Galicia

Desde 2016 en Ourense arderon 196.000 hectáreas, o 35% da provincia ou o 27% da súa superficie forestal

O documento fai repaso tamén ao sucedido nas últimas décadas e no caso da provincia de Ourense ofrece o dato de que entre 2016 e 2025 arderon 196.308 hectáreas, o que supón o 35% das 727.000 hectáreas de superficie total da provincia ou o 27% das 560.000 hectáreas de superficie forestal. 

Na última década ardeu en Rede Natura 2000 o 32% da superficie de zonas de especial conservación (ZEC) e o 40% de zonas de especial protección para as aves (ZEPA)

Tras os incendios do pasado ano Adega calculou que o lume afectara ao 11% da superficie protexida en toda Galicia baixo a Rede Natura 2000. O Pladiga non fai o cálculo para o pasado ano pero si para toda a última década e sinala que nese período resultaron afectadas 120.000 hectáreas de zonas de especial conservación (ZEC), o 32% do total, e 41.000 hectáreas de zonas de especial protección para as aves (ZEPA), o 40,7% do total. Parte da superficie afectada sería coincidente, porque existen zonas de Rede Natura protexidas polos dous tipos de figuras.

O Pladiga tamén fixa obxectivos para este 2026 e como en anos anteriores calcúlanse a partir das medias da última década. Isto fai que as cifras disparadas do pasado ano eleven esas medias, de xeito que algúns dos obxectivos para este ano son non superar as 21.000 hectáreas totais queimadas ou reducir os incendios de máis de media hectárea por baixo dos 282. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.