O adianto das eleccións xerais ao 28 de abril anunciado por Pedro Sánchez este venres obriga as principais forzas políticas galegas a recompoñeren cadanseus calendarios electorais, xa en marcha dende hai meses coa vista posta nuns comicios ben diferentes, os municipais do 26 de maio e, en menor medida, tamén nos europeos da mesma xornada. Unha vez coñecido o anuncio do presidente do Goberno central e candidato do PSOE as principais formacións do país ofreceron os seus primeiros diagnósticos, que van da crítica á propia data á chamada á mobilización do electorado.
O PP galego apela a "botar aos socialistas, aos populistas e aos independentistas" pero evita valorar eventuais pactos coa extrema dereita porque agora "non ten sentido" facelo
Como no período que transcorreu entre as eleccións xerais de 2015 e as repetidas de 2016 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, evitou as valoracións ideolóxicas para centrarse no formal. Segundo o tamén líder do PPdeG a convocatoria do 28-A é tanto como provocar que "España colapse practicamente ata despois do verán", suposto "colapso" do que só é culpable o propio Sánchez, a quen acusa de "obrigar a repetir as eleccións" en 2016 por non investir a Mariano Rajoy e "no 18, obrigou a facer unha moción de censura".
Entre acusacións de "parálise" e laios por non facer cadrar as xerais coas municipais e europeas transcorre a valoración de Feijóo como presidente da Xunta, mentres que dende o seu partido o secretario xeral, Miguel Tellado, xa dá por feito que o seu xefe de filas, Pablo Casado, vai ser "o próximo presidente do Goberno", dixo. "Estamos convencidos de que imos contribuír a botar aos socialistas, aos populistas e aos independentistas do Goberno", proclamou Tellado, quen non obstante evita valorar posibles pactos con Ciudadanos ou coa extrema dereita de Vox porque actualmente "non ten sentido" facelo.
O PSdeG alerta das "tres papeletas" con Aznar como "referente"
Caballero advirte de que estarán en xogo dúas opcións: un "goberno progresista" ou o "bloque da ultradereita"
Dende o PSdeG, que en 2016 recuperou a posición de segunda forza política galega no Congreso tras caer á terceira posición en 2015, o seu secretario xeral asegura que pon en marcha xa unha precampaña e a campaña mesma sobre os eixos de "convencer" para tentar "vencer". "Xogámonos moito" e por iso "toda maquinaria" dos socialistas está xa activada. Centraranse, anuncia Caballero, en explicar as medidas "dun goberno que gobernou para a maioría, con crecemento económico compatible cunha axenda de impulso social".
O 28 de abril, segundo Caballero, estarán en xogo dúas opcións. Unha, a do "goberno progresista" que mira "polos traballadores, os pensionistas, as clases medias e o Estado do Benestar". Outra, a do "bloque da ultradereita", que con José María Aznar como principal "referente" contará con "tres papeletas, a do PP, Ciudadanos e Vox", pero "cun único proxecto, o do retroceso en materia de dereitos, liberdades e servizos públicos".
Dúas visións de En Marea
Pola banda de En Marea, tras volver abrollar as tensións internas na votación das emendas á totalidade contra os Orzamentos Xerais do Estado que precipitaron a convocatoria electoral, a propia valoración da data elixida por Pedro Sánchez e mais do escenario político inmediato chegou tamén por duplicado. Así, o voceiro da formación, Luís Villares, anunciaba dende Vigo que este mesmo sábado o Consello das Mareas, órgano de dirección do partido instrumental, abrirá o proceso de primarias para concorrer ao 28A baseándose en tres eixos: "a rexeneración democrática para acabar coa corrupción do PP; un eixo social baseado na recuperación de dereitos sociais e laborais" e mais a "igualdade".
Villares advirte de que En Marea concorrerá ao 28-A como "formación propia" mentres Díaz e Fernán-Vello subliñan o "traballo" da representación da formación no Congreso
Mentres Villares subliñaba dende Vigo que En Marea concorrerá "como formación propia" o 28 de abril e defendía o voto a prol das emendas que tombaron os Orzamentos de Sánchez, dende A Coruña os deputados Yolanda Díaz e Miguel Anxo Fernán Vello esgrimían o "traballo" desenvolvido polo grupo do que fan parte dende 2016 e anunciaban a súa intención de "saír a gañar" nos vindeiros comicios.
Preguntados polo voto de Alexandra Fernández contra as contas, na liña do sinalado pola dirección do partido instrumental, Díaz matiza. "En Marea -di- sempre confirmou que estaría disposta a aceptar o trámite que foi votado este mércores e que votaría en contra se non se cumpría coa negociación que estaba en marcha", baseada en 300 emendas sobre os investimentos para Galicia. Ambas comparecencias semellan avanzar o máis que probable escenario de dúas candidaturas diferentes.
O BNG ve unha "oportunidade" para volver ao Congreso
Pontón: "Vale máis un deputado do BNG coas mans libres que 23 subordinados a Iglesias, Sánchez ou Casado"
No seo do BNG o anuncio de Pedro Sánchez foi acollido con satisfacción. O 28A, di Ana Pontón, vai ser a "oportunidade para que Galiza volva recuperar voz propia no Congreso" tras unha lexislatura na que "se demostrou a inutilidade das forzas estatais, que non fixeron máis que afondar na discriminación e a irrelevancia política deste país".
"Primeiro, co PP de Rajoy" houbo "corrupción e discriminación" para Galicia, sinala a líder do Bloque. "Despois, co PSOE de Sánchez e co apoio de En Marea e Podemos, Galiza estivo igualmente ausente". Neste sentido, o eixo da inminente campaña electoral da formación soberanista será tentar facer ver que "valía máis un deputado do Bloque coas mans libres para negociar a prol dos galegos e galegas que 23 subordinados aos intereses de Iglesias, Sánchez ou Casado".