As claves: A desmobilización de En Marea e a activación do voto do PP en Ourense

Evolución da participación, concello a concello Dominio Público Praza Pública

Non podemos coñecer con certeza os movementos de voto -transvases entre partidos e orixe das novas abstencións- que explican os resultados do domingo (o estudo postelectoral do CIS daranos algunha pista máis). Pero os datos que temos permiten aventurar e cotexar algunhas hipóteses. Por exemplo no que se refire a ese descenso da participación que non foi uniforme en todo o territorio.

Contando unicamente o censo de votantes residentes, o 26X acudiu ás urnas en Galicia o 69,63% da poboación, mentres que o 20D o fixera o 73%. A diferenza é dunhas 80 mil persoas. No conxunto de España o descenso é semellante (69,84% fronte a 73,20%). Analizando estes datos por provincias atopamos as primeiras variacións significativas: as caídas son maiores na A Coruña (69,08% fronte a 72,47%), Lugo (68,27% fronte a 71,81%) e Pontevedra (70,73% fronte a 74,34%), que rexistran descensos de tres puntos e medio, que en Ourense (69,82% fronte a 72,26%), onde a caída é un punto menor.

Pero se imos máis ao detalle e observamos no mapa os datos concello a concello, vemos que aínda que aínda que na maior parte das localidades (270 das 314) a abstención se incrementou, hai algunhas zonas, sobre todo na zona rural de Ourense, onde a participación creceu. Estes 44 concellos nos que si votou máis xente pertencen maioritariamente á provincia ourensá, e algúns á de Lugo, e están encabezados por Avión, Folgoso do Courel, Beariz, Xermade, Entrimo ou Muíños, onde a participación creceu máis de cinco puntos. 

Pola contra, a participación descende de forma xeneralizada nas zonas costeiras, encabezadas por Bergantiños e Costa da Morte, O Baixo Miño, O Salnés e A Mariña, con caídas que roldan e mesmo superan os cinco puntos porcentuais.

As localidades nas que se produciu unha maior desmobilización son aquelas nas que a media de idade é menor. E, á inversa, os concellos nos que a participación creceu son aqueles con maior media de idade

Podemos aventurar algunhas hipóteses a partir destes datos. A quen prexudicou este descenso xeral da participación? A quen beneficiou esta maior mobilización nas zonas rurais de Ourense e Lugo? Cruzando os rexistros sobre a variación da participación entre o 20D e o 26X coa información sobre as características demográficas de cada concello atopamos, por exemplo, que de forma moi clara as localidades nas que se produciu unha maior desmobilización son aquelas nas que a media de idade é menor. E, á inversa, os concellos nos que a participación creceu (ou nos que descendeu menos) son aqueles con maior media de idade. Podemos pensar, logo, que a abstención creceu entre a xente nova e que, en cambio, se activou o voto das xeracións maiores. 

Cruzando os datos de participación cos datos de voto a cada candidatura, concello a concello, podemos chegar tamén a algunha conclusión interesante. Vemos que PP e PSOE melloraron algo as súas porcentaxes de votación naqueles concellos nos que as caídas de participación foron maiores, aínda que as tendencias non están moi marcadas. E, á inversa, En Marea e BNG rexistraron maiores caídas nas localidades nas que a desmobilización do electorado foi maior en comparación coas eleccións de decembro.

En Marea e BNG rexistraron maiores caídas nas localidades nas que a desmobilización do electorado foi maior

Podemos aventurar que unha parte moi importante dos novos e novas abstencionistas foran votantes de En Marea e Nós o 20D. Pola contra, o PP asentou o seu crecemento nunha activación do voto nalgúns sectores e zonas que, xunto cos transvases recibidos, explica o incremento de 33 mil votos obtido polos populares. Os socialistas, finalmente, aproveitaron a desmobilización do voto de En Marea (que caeu 65 mil votos) e BNG (uns 25 mil) para crecer algo en porcentaxe (case un punto) a pesar de perder uns cinco mil votos. 

Correlación entre a evolución da participación en cada concello e a idade media de cada localidade Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.