Máis dun terzo dos votantes de En Marea apoiara o PSOE en 2011

Mitin de En Marea en Vigo © En Marea

O estudo postelectoral publicado este martes polo CIS permite entender mellor os resultados das eleccións do 20 de decembro, o efecto da campaña electoral e as motivacións e características dos e das votantes de cada candidatura. O traballo, que incorporou datos de 6.200 enquisas, non ofrece información segmentada por comunidades autónomas, pero si en función á formación que os entrevistados e entrevistadas declararon votar. Podemos trazar, polo tanto, un perfil dos e das votantes de cada lista, por exemplo das persoas que apoiaron a En Marea. Cómpre ter en conta, iso si, que o estudo só recolleu 74 entrevistas con votantes da candidatura galega (o 1,4%), polo que a marxe de erro é alta (11%), obrigando a tomar os datos máis como un debuxo xeral que coma un indicador exacto.

Menos da metade (o 48,2%) tiña decidido o seu voto antes do inicio da campaña electoral. O efecto da campaña fora aínda máis determinante no caso dos e das votantes de AGE en 2012

 

Efecto da campaña

Un dos aspectos que máis chamou a atención con respecto aos votantes de En Marea foi que menos da metade (o 48,2%) tiña decidido o seu voto antes do inicio da campaña electoral. O 16,3% decidiuno na primeira semana da campaña, o 24,8% na segunda semana e o 10,8% no mesmo día dos comicios. O dato supera ao que presentan calquera das restantes candidaturas: o 75,9% dos votantes populares xa tiña decidido o seu voto, o mesmo que o 68,5% do PSOE, o 57,1% de Podemos no resto de España e o 45% de Ciudadanos. En todo caso, o efecto da campaña fora aínda máis determinante no caso dos e das votantes de AGE en 2012 (só o 41% tiña decidido apostar pola candidatura antes do seu inicio).

Neste senso, chama a atención que os e as votantes de En Marea foron quen con máis "interese" seguiron a campaña: 33% "moito interese", 39% "bastante interese", uns valores só comparables aos de En Comú-Podem, Compromís-Podemos e por riba dos de Podemos. Son tamén os primeiros e primeiras en lectura de xornais e en uso da rede para informarse da actualidade política, e tamén son os que en maior proporción publicaron algún tuit ou post sobre a campaña ou enviaron algún whatsapp ou mail tratando sobre as eleccións.

Segundo a enquisa, o 36% das persoas que dixeron votar a En Marea apoiaran ao PSOE en 2011, mentres que un 21% apostara polo BNG, o 18,7% por EU e o 3,6% polo PP

Dous de cada tres votos a En Marea (o 66%) fórono "con convicción", fronte a un 30% que o fixo "con dúbidas" e un 3% que votou "como mal menor". Estes datos son semellantes á media global, e a convicción supera á de PSOE (63%), Ciudadanos (51%) e o mesmo Podemos (65%). Non así á do PP (72%).

 

Definición ideolóxica

O estudo pregunta tamén polo voto dos entrevistados nas anteriores eleccións xerais. Vemos así como o 36% das persoas que dixeron votar a En Marea apoiaran ao PSOE en 2011, mentres que un 21% apostara polo BNG, o 18,7% por EU e o 3,6% polo PP.  

Só o 47% se sente próximo ou próxima a algún partido, principalmente Podemos, aínda que Alberto Garzón é o líder mellor valorado

Só o 47% se sente próximo ou próxima a algún partido, un valor que só supera ao que se rexistra entre os votantes de Ciudadanos. Entre este 47% que se sente próximo ou próxima a algunha forza concreta, o 52% nomea a Podemos, o 21% a En Marea e o 16% a EU. Alberto Garzón é o líder mellor valorado (7.24 sobre dez), por diante de Pablo Iglesias (6.89), Antón Gomez-Reino (5.42) e Carlos Callón (4.15), polos que tamén pregunta a enquisa. Pedro Sánchez ten unha valoración de 3.5 puntos, Albert Rivera de 2.8 e Mariano Rajoy de 1.49.

Os e as votantes de En Marea sitúanse bastante á esquerda (3.18) e colocan a candidatura máis escorada (2.65)

Considerado o eixo esquerda-dereita de 1 a 10, os e as votantes de En Marea sitúanse bastante á esquerda (unha autoubicación media de 3.18), aínda que tan só medio punto de distancia dos e das votantes do PSOE no conxunto de España. De feito, En Marea é a menos escorada de todas as confluencias, unhas centésimas máis centrada que a valenciana e o propio Podemos e case medio punto á dereita de En Comú-Podem. O votante de En Marea sitúa a candidatura máis á esquerda (2.65), pero menos do que o fan os e as votantes de PP (2.05) e PSOE (2.44). De igual xeito, ubica a PP (9.17), PSOE (5.14) e Ciudadanos (7.44) moi lonxe das súas preferencias e máis á dereita da percepción media. Como referencia, os e as votantes de AGE nas eleccións autonómicas de 2012 se situaban no 3.19 (apenas unha centésima de diferenza) e tamén colocaban a formación máis á esquerda (2.74).

 

Nacionalismo

En canto á autodefinición como nacionalista galego, os e as votantes de En Marea sitúanse no 4.87 sobre 10 e cren que a candidatura é algo máis nacionalista (5.80)

En canto á autodefinición como nacionalista galego, os e as votantes de En Marea sitúanse no 4.87 sobre 10 (1 mínimo nacionalismo, 10, máximo nacionalismo), un valor non excesivamente elevado, apenas unhas centésimas por riba do votante medio de Podemos en todo o Estado (4.75), aínda que superior ao sentimento nacionalista de En Comú (4.84) ou de Compromís-Podemos (4.18). Iso si, os e as votantes de En Marea cren que a candidatura é algo máis nacionalista (5.80), unha percepción máis acusada nos e nas votantes de PP (6.88) e PSOE (6.55). Como referencia, en 2012 os e as votantes de AGE situábanse no 5.21 nesta escala e colocaban a candidatura que apoiaran no 7.24 sobre dez. 

Un 12,8% defende o dereito de autodeterminación, un 25,6% reclama máis poder político para as autonomías, un 40% aposta polo mantemento do actual sistema e un 9,8% defende unha maior centralización

Relacionado con isto, os e as votantes de En Marea considéranse maioritariamente tan galegos coma españois (64,7%); hai un 24,6% que se sente máis galego que español e un 2,1% que se sente só galego; e un 6,4% que se define como só español ou máis español que galego. En canto á prefencia sobre a organización territorial do Estado, un 12,8% defende o dereito de autodeterminación, un 25,6% reclama máis poder político para as autonomías, un 40% aposta polo mantemento do actual sistema e un 9,8% defende unha maior centralización. As proporcións son semellantes ás preferencias dos votantes de Podemos no resto de España. Compromís-Podemos e sobre todo En Comú-Podem si fan unha aposta máis clara pola reclamación do dereito de autodeterminación e por unha maior descentralización.

 

O perfil de votante

O estudo permite trazar igualmente un perfil sobre as motivacións e preocupacións principais dos e das votantes de En Marea, que sitúan o desemprego e a corrupción como os dous grandes temas da campaña, pero que citan a sanidade e a educación con moita máis frecuencia que os doutros partidos.

Ademais do paro e a corrupción, citan como grandes temas a sanidade e a educación con moita máis frecuencia que os doutros partidos

Amósase insatisfeito co funcionamento da democracia, confía moi pouco nos partidos, nos medios de comunicación e nos bancos, con resultados moi semellantes aos que presentan os e as votantes de Podemos e as outras confluencias. Destacan tamén pola defensa da liberdade fronte á seguridade, polas visións positivas sobre a inmigración e a diversidade e pola defensa dos servizos públicos aínda que iso implique elevar os impostos. Tamén sobresaen polo seu activismo social, aparecendo nesta enquisa como os que con máis frecuencia están afiliados a asociacións veciñais, sindicatos ou colexios profesionais.

Presentan, finalmente, un certo equilibrio por xénero entre os seus votantes (no conxunto do Estado o voto de Podemos é algo máis masculino), aínda que nesta enquisa seguen sendo máis os homes. De igual xeito, En Marea atopa máis votos entre as xeracións máis novas, por debaixo de 55 anos.

Mitin de En Marea en Vigo © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.