O Goberno galego leva meses adaptando as súas axendas e publicacións oficiais aos intereses locais dos populares
Os concellos de Viveiro e Carballo están gobernados actualmente por unha rexedora do PSdeG e un do BNG, respectivamente. Alí deu senllos mitins este martes e o pasado sábado o presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, e, segundo reflicte a prensa local, nos dous casos combinou os seus dous cargos para prometer impulsos a actuacións autonómicas se o gañador das municipais deste domingo é o candidato local do PP.
No caso de Viveiro, segundo conta La Voz de Galicia, Feijóo dixo que “se Óscar é alcalde”, en referencia ao candidato popular Óscar Rodríguez, este ano a Xunta comezará unha obra de mellora da estrada autonómica que comunica esa vila da mariña lucense co interior de Galicia. Similar condicionante empregou o líder popular con outra actuación autonómica, a variante de Carballo, no mitin que deu alí o pasado sábado en apoio do candidato popular local, Aurelio Núñez. “Se eres alcalde de Carballo, Aurelio, falaremos da variante”, dixo Feijóo segundo recolle igualmente La Voz de Galicia.
A pasada semana Feijóo realizou unha visita como presidente a unha industria en Melide acompañado pola alcaldesa do PP, á que as fotos oficiais deron protagonismo, e dúas horas máis tarde compartiron igualmente mitin na vila
Non é a primeira vez que o Goberno galego mistura as súas actuacións públicas cos intereses partidistas dos candidatos locais do PP. Nos últimos meses a Xunta veu empregando as súas comunicacións públicas e fotos oficiais para publicitar candidatos populares, ata o punto de eloxiar o nunha nota de prensa o “compromiso, traballo e esforzo” do ferrolán, José Manuel Rey Varela. Igualmente, a Xunta xa viña adaptando as axendas oficiais dos seus cargos públicos en función dos intereses locais do PP.
Durante esta campaña o pasado luns 13 de maio Feijóo tivo un acto como presidente da Xunta nunha industria gandeira en Melide, ás 11.30 horas, e pouco despois, ás 14.00 horas, deu un mitin nesa mesma localidade xa como presidente do PP galego en apoio da alcaldesa e aspirante á reelección, Dalia García. As imaxes oficiais que o Goberno divulgou da primeira cita presentan a García nun lugar protagonista do acto da Xunta, nalgún caso mesmo por diante do propio Feijóo.