Alén da derrota parlamentaria do Goberno do PSOE e Sumar, o rexeitamento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria ten impactos directos nas contas das autonomías
O Congreso dos Deputados rexeitou esta semana a "senda fiscal" na que o Goberno de España fixaba os seus obxectivos de estabilidade orzamentaria ata 2027. O "non" do PP, Vox e Junts per Catalunya fixo decaer o proxecto por unha marxe de seis votos nun pleno que supuxo unha clara derrota parlamentaria do Executivo do PSOE e Sumar con evidentes ramificacións nas negociacións que o PSC mantén con Esquerra Republicana cara a unha eventual investidura de Salvador Illa como novo presidente da Generalitat.
Pero, alén desas interpretacións e do escaso impacto social e mediático que adoitan lograr as cuestións relacionadas coas finanzas públicas, o certo é que o rexeitamento á senda fiscal do Estado terá consecuencias prácticas nos orzamentos das comunidades autónomas e, daquela, na vida diaria da poboación. Custará cartos a todas as autonomías. No caso de Galicia, uns 80 millóns de euros neste 2024 e arredor de 170 no vindeiro 2025.
A nova senda fiscal 25-27 que formulaba o Ministerio de Facenda implicaba que o conxunto das Administracións públicas, dende o Estado aos concellos, puidesen ter un déficit dun máximo do 2,5% (a senda anterior fixábao no 2,7%). É dicir, que puidesen gastar máis do que ingresasen cun límite do equivalente ao 2,5% do produto interior bruto. O Goberno de España asumía o groso da redución (pasar dun -2,8% a un 2,2%) e deixaba a marxe restante para as comunidades autónomas.
A proposta rexeitada no Congreso formulaba que as autonomías pasasen de ter que rematar 2025 e 2026 con superávit do 0,1% a teren unha marxe de déficit do -0,1%, dúas décimas que no caso galego equivalen a aredor de 167 e 175 millóns, respectivamente
Deste xeito, o que se votaba no Congreso era permitir que as comunidades autónomas pasasen de ter que ter en 2025 un superávit do 0,1% -ingresar máis do que gastasen polo equivalente a un 0,1% do seu PIB- a permitirlles un déficit do -0,1%. E o mesmo en 2026. Dúas décimas de marxe que agora quedan bloqueadas polo "non" do PP, Vox e Junts e que os orzamentos da Xunta comezarán a pagar decontado.
O efecto é semellante ao que tivo o pasado marzo o veto do PP no Senado ao obxectivo de déficit que Facenda formulaba para 2024. Daquela, como agora, o Ministerio propuña dar unha marxe do -0,1% ás comunidades autónomas e, para o caso galego, estimaba que isto supuña permitir gastar uns 75 millóns máis dos ingresados -cubertos mediante débeda-, segundo as estimacións provisionais do PIB de 2023.
O decaemento obrigou ao equilibrio orzamentario e o Ministerio, agora xa con datos máis precisos, estima que o prexuízo para Galicia foi mesmo un chisco maior. Ata a contorna dos 80 millóns de euros.
O Ministerio interpreta o "non" do PP como unha "irresponsabilidade" que "prexudica as comunidades onde gobernan e á cidadanía"
Pero cara a 2025 e 2026 a situación será aínda máis prexudicial. Co veto á senda de déficit desaparecen as dúas décimas de marxe que concedía o Estado, que agora pasa de permitir un -0,1% de déficit a obrigar a finalizar o exercicio do ano vindeiro cun superávit do 0,1%. Os cálculos que actualmente manexa o Ministerio sitúan o axuste que terá que facer a Xunta cara a 2025 nuns 167 millóns e para 2026, en arredor de 175 millóns, dadas as previsións económicas xerais.
"Feijóo e Rueda sáennos caros"
Neste contexto, o Goberno de España interpreta, especialmente, no caso do PP, como unha "irresponsabilidade" o freo á senda de déficit, toda vez que prexudica directamente a elaboración dos orzamentos autonómicos, onde os gobernos populares son maioría. "Prexudica os intereses das comunidades nas que goberna e de toda a cidadanía", resumen.
Esta interpretación compártea en Galicia o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, que suma todas as devanditas cantidades anuais para concluír que, en cifras redondas, Galicia perde a posibilidade de contar con "máis de 400 millóns" adicionais "entre 2024 e 2026". "Unha vez máis, Feijóo e Rueda sáennos caros aos galegos", considera o líder socialista, xa que esta "perda de fondos" vai "directamente contra os servizos públicos" por mor do afán dos conservadores de "opoñerse a todo o que fai o Goberno de España".