A Consellería de Economía gastará 123.000 euros en reformar parte da súa sede

Estado actual dos espazos que Economía vai renovar segundo as imaxes incluídas na licitación Dominio Público Xunta de Galicia

A Consellería de Economía vén de sacar a concurso a reforma de parte da súa sede central no complexo administrativo de San Caetano. Cun orzamento máximo de 123.000 euros e un prazo de dous meses e medio, remodelará máis de 550 metros cadrados, algo máis da metade da planta que ocupan os seus servizos centrais, para dotar de novos espazos de traballo aos membros do gabinete do conselleiro así como á Secretaría Xeral Técnica e a Intervención Delegada da consellería. Fóra desta remodelación quedan os despachos persoais do conselleiro, Francisco Conde, e do secretario xeral, Borja Verea, así como unha ampla sala de xuntas intermedia, que xa foron remodelados hai poucos anos. As obras encárganse dúas semanas despois de que o Goberno galego veña de certificar que a prometida ampliación do complexo de San Caetano cara o espazo que agora ocupa a estación de autobuses nin sequera se iniciará nesta lexislatura.

Economía renovará máis da metade da planta que ocupa en San Caetano, incluídos despachos de asesores, á espera da prometida ampliación do complexo que xa non se iniciará nesta lexislatura

Segundo a licitación que vén de facer pública a Consellería de Economía, a obra consistirá en demoler os tabiques actuais e levantar uns novos así como en renovar a instalación eléctrica e de telecomunicacións e instalar pavimento laminado. Habilitaranse así 15 despachos pechados, dúas salas de reunión e outros tres espazos de almacenaxe. Os espazos afectados pola remodelación inclúen o despacho do xefe de gabinete do conselleiro, catro asesores, o xefe de comunicación e o persoal do gabinete de prensa.

O pasado decembro o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou ao Parlamento da intención do Goberno galego de realizar obras no complexo administrativo de San Caetano por 6,4 millóns de euros. Rueda xustificou que “desde 1985 non se facía nada” nel e é necesario “adecentalo”. Unha afirmación que realizou sete anos despois de que o PP centrase boa parte da súa campaña electoral, dirixida por el mesmo, nas obras supostamente suntuosas realizadas polo bipartito de PSdeG e BNG nese mesmo complexo, e que incluíron, ademais da remodelación do despacho do presidente da Xunta, outras actuacións de mellora dos espazos de traballo dos funcionarios.

O proxecto para transformar a estación de autobuses en oficinas non estará rematado ata mediados de 2020, e despois aínda habería que iniciar uns traballos que o Goberno galego prevé que se acheguen aos 30 millóns de euros

Estas obras en San Caetano chegan cando o Goberno galego ten pendente de realizar unha gran remodelación do complexo coa súa ampliación ao espazo que agora ocupa a veciña estación de autobuses de Santiago. A operación depende da construción por parte da propia Xunta, de Fomento e do Concello de Santiago dunha nova terminal intermodal xunto á estación de tren que libere o espazo que agora ocupan os autobuses xunto a San Caetano. Ese espazo será ocupado por un edificio de nova construción ao que se trasladarán servizos aínda por concretar, o que podería obrigar a novas obras ou reordenacións nas instalacións actuais. Porén, ese proxecto avanza lentamente.

O concurso de ideas para converter en oficinas administrativas a estación de autobuses foi lanzado en marzo do ano pasado e resolto catro meses despois coa selección da proposta realizada polos arquitectos Jorge Salgado e Celso López. Porén, pasou máis dun ano ata que o pasado 18 de agosto a Xunta deu o seguinte paso coa publicación no Diario Oficial de Galicia do concurso para redactar o proxecto construtivo definitivo sobre a base do bosquexo gañador por 586.000 euros. Unha redacción que inclúe a modificación do planeamento urbanístico da cidade e para a que a Xunta se dá un prazo de 33 meses, o que sitúa o seu remate na metade de 2020, cando rematará a actual lexislatura se o presidente Feijóo non adianta eleccións. Despois aínda habería que licitar e iniciar unha obra material que o Goberno galego prevé que se achegará aos 30 millóns de euros.

Outro dos espazos da súa sede que a Consellería de Economía quere renovar Dominio Público Xunta de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.