Xunta e Estado desbloquean o primeiro traspaso de competencias en 16 anos para un litoral baixo o foco da UE

Construcións de todo tipo no litoral galego e competencias transferidas a Galicia por ano CC-BY-NC-SA Imaxe: Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia | Montaxe: Praza Pública

O 30 de xullo de 2008, hai máis de 16 anos, o BOE e o DOG publicaban o ata agora último real decreto de traspaso de competencias do Estado á Xunta, as de homologación e convalidación de estudos estranxeiros no ensino non universitario, negociadas entre o Goberno de Zapatero en Madrid e o de Touriño e Quintana en Galicia. Nos 13 anos de Feijóo á fronte da Xunta non houbo ningunha nova transferencia, pero agora será cuestión de semanas a publicación dun novo real decreto que transfira a Galicia a xestión do litoral. 

Obrigado polo Constitucional, o Goberno de España cede a Galicia entre outras cuestións a xestión das concesións costeiras pero lembra a "herdanza negativa" deixada polo PP coa prórroga de Ence, "cuestionada por Europa"

A competencia de Galicia sobre a xestión do litoral foi sentenciada polo Tribunal Constitucional o pasado abril, ao avalar a lei do litoral impulsada ao efecto polo Goberno de Alfonso Rueda en confrontación co Estado, que a recorreu. 

Pero tras varios meses de negociacións foi aínda este martes, oito meses despois, cando Xunta e Estado acadaron un acordo sobre o xeito de cumprir a sentenza do Constitucional. Un acordo que chega a remolque do proceso paralelo de negociación para o traspaso da mesma competencia a Euskadi, pechado este luns.

Malia ser avalada polo Constitucional en abril, a transferencia do litoral a Galicia chega agora a remolque da negociación con Euskadi para a mesma cesión

Á espera de que se concrete o texto para Galicia, no caso de Euskadi o Goberno de España sinala que se traspasan, con efectos desde o vindeiro 1 de abril, "determinadas funcións e servizos que, no ámbito da administración, a inspección e a potestada sancionadora, vén desempeñando a Administración Xeral do Estado" en relación "coa xestión dos títulos de ocupación e uso do dominio público marítimo-terrestre" no litoral da comunidade autónoma. Isto é, a titularidade do dominio público litoral seguirá sendo estatal pero a xestión do seu uso e concesións pasará á Xunta.

Desde o Goberno galego o seu presidente, ao tempo que informaba do acordo co Estado para a xestión galega do litoral, dicíase expectante por "contar canto antes cos medios necesarios para exercer esta competencia tan importante para a nosa comunidade". 

Reunión entre o Ministeiro de Política Territorial e Euskadi que desbloqueou este luns o traspaso das competencias do litoral a esa comunidade, seguido este martes dun acordo similar coa Xunta © Ministerio de Política Territorial

O acordo Xunta-Estado, obrigado polo Constitucional, chega un día despois de que a Comisión Europea veña de poñer novamente o foco en como se están a conceder ou prorrogar algunhas concesións costeiras como a de Ence na ría de Pontevedra. O Goberno de Mariano Rajoy prorrogouna en 2016 co apoio da Xunta do PP e o aval hai dous anos do Tribunal Supremo fronte ao intento do Goberno de Pedro Sánchez de revogar esa autorización. A Comisión Europea considera que ese tipo de prórrogas sen un concurso público vulneran a normativa comunitaria e vén de dar dous meses a España para que as xustifique ou levará o caso ao Tribunal de Xustiza da UE.

O traspaso do litoral chega ao tempo que a UE pon o foco en como se outorgaron prórrogas de concesións como a de Ence, que o Goberno de España e o Concello de Pontevedra seguen a criticar ao PP

Neste contexto, e ao tempo que Estado e Xunta pechaban o acordo para transferir a xestión do litoral, este martes o delegado do Goberno de España en Pontevedra, Abel Losada, lembraba as consecuencias "negativas" da prórroga de Ence e relacionábaa directamente co procedemento sancionador aberto por Bruxelas. Segundo Losada, a decisión do PP de prorrogar a concesión da celulosa "ademais de prexudicar a cidadanía, crea unha indubidable inseguridade xurídica, é dicir, a peor herdanza que un goberno pode deixar ao seguinte". 

Fábrica de Ence na ría de Pontevedra © Ence

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lóres, cuxo goberno local recorreu a sentenza do Supremo e confía en última instancia na Unión Europea, insiste en que "a de Ence foi unha prórroga fraudulenta, unha falcatruada, e seguiremos utilizando todos os mecanismos existentes á hora de recuperar a ría de Pontevedra para a súa veciñanza". O rexedor di ver os seus argumentos contra a prórroga de Ence avalados polo pronunciamento da Comisión Europea e reitera que a decisión do PP de ampliar a concesión foi "unha falcatruada, un trato de favor a unha empresa determinada e desde logo un agravio comparativo para outras empresas". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.