A Comisión Europea avanza a unha seguinte fase no procedemento de infracción aberto en febreiro de 2023 e advirte da súa remisión ao Tribunal de Xustiza da UE se España non corrixe as súas actuacións
O 7 de febreiro de 2023 o Tribunal Supremo fixo pública a súa decisión de avalar a prórroga da concesión de Ence na ría de Pontevedra outorgada en 2016 polo Goberno de Mariano Rajoy ata 2073. O tribunal concluíu que así o permitía a "confusa" reforma da Lei de Costas impulsada en 2013 por aquel mesmo Goberno.
Pouco máis dunha semana despois daquela decisión do Supremo, o 16 de febreiro de 2023, a Comisión Europea abría unha investigación a España por permitir concesións costeiras e prórrogas das mesmas a "por exemplo, empresas papeleiras" sen concurso público, algo non permitido pola directiva europea de servizos (2006/123/C).
Aquel procedemento de infracción (4121/2022), iniciado cunha carta de emprazamento, vén de dar agora un paso máis, coa decisión da Comisión Europea de emitir este luns un ditamen motivado no que censura que a lexislación española en materia de costas incumpre a normativa europea porque, entre outras cuestións, as prórrogas outorgan un "dereito preferente" a quen xa tiña unha concesión en lugar de garantir un concurso público aberto a calquera operador interesado. España ten agora dous meses para responder ou a Comisión Europea podería enviar o caso ao Tribunal de Xustiza da UE.
Cando a Comisión abriu este procedemento de infracción puxo como exemplos "empresas papeleiras", das que Ence é o único caso en España cun conflito en materia de concesións costeiras
Cando a Comisión Europea abriu en febreiro de 2023 o actual procedemento de infracción contra España "por non garantir un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras" xa avanzara que "a posibilidade de prorrogar as concesións existentes por un período de ata setenta e cinco anos sen xustificación é contraria ás normas da UE". Fixérao nun comunicado no que, sen sinalar ningún caso concreto, puña como exemplo de concesións costeiras irregulares "restaurantes, agrogranxas, empresas papeleiras ou químicas, etc." No caso das papeleiras, a de Ence en Ponotevedra é a única instalación de España cun conflito en materia de concesións costeiras.
A investigación da Comisión Europea a España abriuse despois de que en 2021 o actual Goberno de Pedro Sánchez reformase parcialmente a Lei de Costas para reducir prazos das concesións costeiras pero non o seu procedemento de solicitude ou prórroga agora posto en dúbida. Ese procedemento sen posibilidade de concorrencia doutras empresas foi o empregado polo Goberno de Rajoy para prorrogar a concesión de Ence na ría de Pontevedra.
Antes de abrir a investigación a España a Comisión xa lembrara ao PP, en resposta a unha pregunta expresa sobre Ence, que as concesións deben respectar a Directiva de servizos, cun "procedemento de selección entre varios posibles candidatos" e un límite da súa duración
Por outra banda, dous anos antes de abrir o procedemento de infracción a Comisión Europea xa lembrara, ante unha pregunta do eurodeputado pontevedrés do PP Francisco Millán Mon que se interesaba polo caso concreto de Ence, que as concesións no litoral non poden ser ilimitadas. Naquela resposta oficial adiantada por Praza.gal a Comisión Europea xa avanzaba que de acordo coa súa Directiva de servizos que ve vulnerada para o outorgamento de concesións no litoral "debe adoptarse un procedemento de selección entre varios posibles candidatos e debe limitarse debidamente a duración da autorización concedida". Tamén dicía que a renovación ou prórroga das concesións "pode non estar aberta á renovación automática, a fin de garantir a igualdade de trato dos provedores de servizos, e de promover a innovación e a competencia leal".
Similares argumentos repetiu este luns a Comisión Europea ao anunciar o seu ditamen motivado. Segundo indica, a normativa española é insuficiente cando establece que se poidan outorgar concesións no litoral sen concurso público "simplemente cunha solicitude previa seguida dunha fase de información pública con prazo de vinte días". Tamén di que "prorrogar a duración destas concesións segundo a lexislación nacional, que nalgúns casos é de ata setenta e cinco anos, infrinxe a mesma disposición na medida en que supón un dereito preferente en favor dos operadores establecidos".
En 2023 o Tribunal da UE, co que agora ameaza a Comisión Europea, xa se pronunciou sobre un caso similar en Italia censurando normativa estatal que permitía prórrogas de concesións automáticas e sen concurso, como a de Ence
Con este ditamen motivado España "dispón agora de dous meses para responder e adoptar as medidas necesarias". De non facelo, sinala a Comisión, esta "podería optar por remitir o asunto ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea".
Un tribunal que en 2023 xa se pronunciou sobre un caso similar que afectaba a Italia, ditaminando que a normativa europea é clara e non permite prórrogas de concesións costeiras sen "un procedemento de selección imparcial e transparente" entre "posibles candidatos", ademais de "prohibir renovar automaticamente" as autorizacións.