1. Pasar da Lei azul e verde publicada no DOG á realidade da súa execución
Xa hai data. A Xunta de Galicia asumirá as competencias executivas sobre o dominio público marítimo-terrestre (DPM-T) o vindeiro 1 de xullo.
Tras a negociación do Real Decreto de traspaso dos medios materiais e humanos e o acordo acadado o 9 de abril na Comisión Mixta de Transferencias, a publicación deste acordo será o punto de partida para que a Xunta poda asumir a íntegra aplicación da Lei 4/2023, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia (LOXILGA) no territorio litoral.
Dispomos xa dalgúns indicios expresivos de como vai ser a aplicación real dese feixe virtuoso de competencias, técnicas e instrumentos contemplados para ordenar integralmente o litoral.Como non pode sorprender ninguén, alíñanse coas políticas neoliberais sobre o territorio que vimos padecendo nos últimos 16 anos
Alén do efecto bandeira creado arredor desta Lei, ese será o momento clave a partir do cal pasemos da abstracción normativa, da ideoloxía e o efecto simbólico do Diario Oficial de Galicia, aos feitos concretos de aplicación da Lei na zona máis sensible do litoral: a zona de DPM-T. A propia STC 68/2024 salvagardou frecuentemente a constitucionalidade da Lei 4/2023 mediante “interpretacións conforme”, co argumento de que o xuízo de constitucionalidade da norma faise en abstracto, isto é, sen introducir xuízos sobre as posibles formas de aplicación da Lei. Agora é o momento de contemplar como a retórica ambientalista se disolve discretamente no ar, á calor da desamortización selectiva do territorio litoral para facilitar os negocios privados
O que resta de 2025 será, pois, a “proba do algodón” das verdadeiras razóns e intereses económicos e electorais que agochan as ansias de autogoberno do litoral que, de súpeto, se apoderaron do Partido Popular de Galicia, tras 15 anos durante os cales Alberto Núñez Feijoo teimou por manter conxelado o ámbito do noso autogoberno. A propia conselleira levou ao Consello da Xunta do 14 de abril pasado un “informe” triunfalista sobre o desenvolvemento da Lei (en realidade, a nota de prensa do Presidente Rueda) que, non obstante, merece xa unha crítica.

2. Os catro indicadores do neoliberalismo que ven
Para superar o triunfalismo da Feliz Gobernación, convén lembrar que a Lei 4/2023 –xuridicamente, unha lei de arte e ensaio, máis propia dun país escandinavo– vai camiño dos dous anos de vida desde que entrou a vigorar, o 2 de agosto do 2023. Os seus contidos, moi ambiciosos, novidosos e complexos, trascenden a simple execución da Lei de Costas.
Por tanto, dispomos xa de algúns indicios expresivos de como vai ser a aplicacion real dese feixe virtuoso de competencias, técnicas e instrumentos contemplados para ordenar integralmente o litoral. Indicadores que, como non pode sorprender ninguén, se aliñan coas políticas neoliberais sobre o territorio que vimos padecendo nos últimos 16 anos. Repasémolos.
a) A dinámica de competición político-electoral coa AXE.
O primeiro indicio ten a ver coa retórica da lealdade institucional, a coordenación e colaboración interadministrativa da Lei (artigos 4, 5 e 6).
Malia que o propio Estatuto de Autonomía (artigo 29.4) e a Lei recoñece a competencia autonómica sobre a protección do litoral (artigo 11.3.a), canalizada a través do Plan territorial de continxencias por contaminación mariña accidental da Comunidade Autónoma de Galicia (aprobado polo Decreto 135/2016, do 6 de outubro), o episodio dos pellets de plástico do buque Toconao a finais de 2023 2024 permitiulle ensaiar ao PP a política de “externalización” das propias responsabilidades cara a Administración xeral do Estado á que logo se aferraría Mazón tras a súa inacción durante a dina do 29 de outubro do 2024.
b) O control gubernativo dos órganos de participación, asesoramento e consulta.
O segundo indicio, tamén no plano da lealdade institucional e a colaboración interadministrativa, está na concreción da composición do Foro do Litoral de Galicia (artigo 16 da Lei), “máximo órgano colexiado de participación, asesoramento e consulta en materia de ordenación do litoral”. O proxecto de Decreto polo que se regula a composición do Foro, actualmente en tramitación, exclúe a participación da Administración xeral do Estado (titular constitucional do DPM-T), e comprime a representación apenas a 14 persoas, das cales 8 son designadas pola propia Xunta de Galicia.
c) O baixo desenvolvemento da Lei e a ampla discrecionalidade que provoca na súa aplicación.
O terceiro indicio, relacionado co anterior, é o ritmo cansino de desenvolvemento da Lei: desde a súa aprobación en xullo do 2023, apenas se aprobou, en setembro do 2024, o Decreto polo que se regula a Comisión Interdepartamental de Coordinación da Ordenación do Litoral.
A adaptación do Plan de Ordenación do Litoral (agora denominado Plan de Ordenación Costeira de Galicia) non se fixo no prazo previsto (dous anos). Tampouco se fixeron as directrices de ordenación do litoral (dous anos). A Estratexia de Economía Azul, que tiña un ano de prazo, rematouse en novembro do 2024. O seu resultado, un PDF non publicado no DOG e, por tanto, sen máis eficacia normativa que, poñamos por caso, o Plan de Normalización da Lingua Galega do 2004. A Xunta comezará a aplicar a Lei coas mans libres de plans que aten ese radiante porvir para o litoral galego que vende o Partido Popular.
Tampouco se aprobou o Catálogo de Bens de Valor Cultural do Litoral. Un elemento crucial para que podamos ver cal vai ser o futuro da transformación turística do litoral (pois esa, e non outra, é a finalidade da rede de establecementos turísticos do litoral do artigo 57 e as actuacións estratéxicas recollidas no artigo 58 da Lei) en zonas tan sensibles como a Illa de San Simón (cuxa concesión terá que renovar a propia Xunta en 2027), Sálvora, Ons, Corrubedo.
A conselleira de Medio Ambiente adiantou xa que está traballando nun inventario previo do ano 2019 “no cal se recollen 459 bens, elementos etnográficos e edificacións de carácter público e privado (muíños, antigas salazóns, conserveiras...) que serán agora analizados desde a perspectiva da Loxilga e logo de informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”. Ese inventario non foi publicado, e non ten eficacia xurídica ningunha, pero existe. Mais non está claro se se limita apenas aos elementos do litoral engadidos polo Plan Básico Autonómico a partir dos BIC e bens do catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. En todo caso, ainda non se abriu o procedemento de aprobación deste catálogo, polo que haberá que estar á espreita para que esta catalogación non se convirta nun xogo de trileros respecto dos posibles niveis de protección e usos de cada elemento patrimonial nunha zona con tanta presión turística. Por iso, os Consellos Territoriais de Patrimonio Cultural das tres provincias litorais deberían informar sobre este catálogo e as intervencións que se pretendan realizar nestes bens. Aquí estaremos persoalmente á espreita.
d) Finalmente, a xestión business friendly dos títulos habilitantes para a ocupación e uso da zona DPM-T e a zona de servidume do DPM-T.
Aquí, anúnciase que no eido do desenvolvemento normativo o Goberno galego regulará un novo procedemento integrado e único para todas as autorizacións administrativas e os títulos habilitantes do litoral, ao tempo que modificará o decreto que xa regula as autorizacións na zona de servidume de protección co fin de adaptalo ao contido da norma. De novo, a clásica retórica da “simplificación administrativa” (eses recortes de garantías e cautelas que tanto levamos escoitado en materia industrial e eólica) aplicarase para atacar prezados obxectivos.
Como reforzo da “simplificación” procedimental, temos a simplificación orgánica: a estrutura orgánica da Consellaría introduciu un servizo de xestión do litoral baixo a dependencia da mesma Dirección Xeral que leva as autorizacións de proxectos eólicos: a de enerxías renovables e cambio climático; este servizo modificouse en decembro do 2024 para crear tres servizos nas delegacións territoriais na Coruña, Lugo e Pontevedra.
Sen embargo, na vixente relación de postos de traballo da Consellaría ainda non se adaptaron os cambios necesarios para dotar estas estruturas. Eses cambios están ainda a negociarse. E o que coñecemos da proposta é que o posto deberá ser cuberto por un arquitecto ou arquitecto técnico que, por suposto, asumirá as súas funcións en comisión de servizo, libremente revocable en caso de “desobediencia”.
Os servizos humanos e materiais traspasados polo Estado mediante o acordo da Comisión Mixta do 9 de abril incluirá o persoal destinado a integrarse neste servizo de xestión do litoral para asumir as funcións de xestión das concesións demaniais do artigo 64 da Lei de Costas de 1988 (non as concesións compensatorias da disposición transitoria primeira; para entendernos, as de Eva Cárdenas), isto é, o outorgamento, renovación, prórroga, modificación e extinción de:
- Concesións de verquidos ao DPM-T e de ocupación do DPM-T para explotacións de acuicultura.
- Concesións de usos especialmente intensos, rentables ou perigosos, así como os privativos, con obras ou instalacións desmontables cun prazo de ocupacion superior a catro anos, ou non desmontables.
- Concesións amparadas por outras concesións de explotación de recursos mineiros ou enerxéticos.
- A potestade sancionadora polo incumprimento das condicións de outorgamento destas concesións demaniais.
É certo, sen embargo, que a Administración Xeral do Estado, retén a potestade de informar preceptivamente estes procedementos administrativos, para garantir a integridade física e o uso público do DPM-T, e que en caso de discrepancias, deberá activarse unha comisión de seguimento bilateral Xunta-AXE. Esta comisión será decisiva para velar pola aplicación do principio de non regresión ambiental (STC 233/2015 do 5 de novembro, STC 25/2024, do 13 de febreiro,) nas nosas costas.
Por certo, é interesante sinalar a este respecto que a sección da Sala do Contenciosoadministrativo do TSXG competente para xulgar a aplicación da lei será a sección segunda; para entendernos, a sección na que non está ese maxistrado maldito no que vostede, seguramente, está a pensar.
Remato sinalando que, ao meu xuízo, todo este conxunto de elementos descritos encamiñan a execución da Lei 4/2023 cara un escenario de conflito moi similar ao que atravesa na actualidade o neodesenvolvimentismo industrial e eólico: complexidade normativa, crecente sensibilidade ambiental da sociedade, pluralidade de actores político-administrativos e xudiciais…Seguir con moita atención os acontecementos será o noso deber e salvación respecto dunha parte esencial da identidade do país.