O Supremo anula o regulamento da Lei de Costas por insuficiente consulta pública e non analiza o límite ás concesións que criticaba a Xunta

Construcións de todo tipo no litoral galego CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

A restrición das concesións incluída na Lei de Costas foi avalada polo Constitucional fronte a un recurso da Xunta que quería amplialas, e agora o Supremo tomba o decreto que desenvolvía a lei por un defecto de forma pero sen entrar a xulgar os prazos

O Tribunal Supremo vén de facer pública unha sentenza que anula o decreto co que o Goberno de España aprobou en 2022 un novo regulamento da Lei de Costas reformada un ano antes. A sentenza anula ese decreto por un defecto de forma, ao entender que non contou coa suficiente consulta pública, e xa non entra a analizar a limitación de prazos nas concesións no litoral que se regulaban no texto. Uns límites ás concesións derivados da propia Lei de Costas, avalada previamente polo Tribunal Constitucional fronte a un recurso da Xunta, que pedía aumentar os prazos de ocupación privada do litoral.

O debate arredor dos prazos das concesións privadas de terreos públicos do litoral vén de lonxe. En 2013 o Goberno de Mariano Rajoy reformou a Lei de Costas para facilitar uns prazos máis amplos de ocupación do litoral. Ao amparo daquela lei, por exemplo, Ence viu ampliada a súa concesión na ría de Pontevedra, avalada hai uns meses polo Supremo nunha sentenza que cualificou como "confusa" a reforma legal de 2013.

Edificacións no litoral galego CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

En 2021, a través da Lei de Cambio Climático, o Goberno de Pedro Sánchez reformou de novo a Lei de Costas para limitar os prazos das concesións no litoral pero sen poñer en dúbida as xa existentes. Aínda así a Xunta recorreu a lei ao Tribunal Constitucional e en xullo de 2022 este deu a razón ao Estado. O Constitucional lembrou ao Goberno galego que as leis poden mudar e desbotou que a nova reforma fose confusa.

O Supremno di que ao anularse a norma por completo pola súa incorrecta tramitación é "innecesario" analizar os restantes motivos de recurso, como os prazos das concesións

Tras a reforma da lei, o Goberno de España impulsou unha reforma tamén do regulamento que a desenvolve para adaptalo ás novas previsións legais, reforma que aprobou en 2022 a través dun decreto. Nese momento, e malia o aval previo á lei por parte do Constitucional, a Xunta, a través do propio presidente, daquela aínda Alberto Núñez Feijóo, cargou tamén contra o decreto por recortar os prazos das concesións.

Ese decreto foi recorrido por distintas partes e agora o Supremo vén de emitir unha sentenza que o anula por defecto de forma na súa tramitación. E aínda que nos recursos había varios que se dirixían contra os artigos que regulan os prazos das concesións, o tribunal xa non entra a analizar esas cuestións. Faino co argumento de que, ao anularse a norma por completo, é "innecesario" examinar "os restantes motivos aducidos en contra da legalidade da disposición xeral impugnada".

Sede do Tribunal Supremo © Tribunal Supremo

O Supremo anula o decreto porque non foi sometido a un trámite de consulta pública previa co argumento por parte do Goberno de España de que non era necesario porque a norma cumpría requisitos para a súa excepción como que non tiña natureza orzamentaria ou organizativa ou que os seus efectos serían menores. O tribunal considera o contrario e di que ademais terían que darse os dous requisitos á vez para que a norma non se tivese que someter a consulta previa, polo que anula por completo a súa tramitación. 

A sentenza conta cun voto particular emitido por dous dos cinco maxistrados que consideran que non hai que anular toda a norma porque si tivo "intensa participación cidadá", incluída a Xunta e entidades galegas

Contra esa sentenza, emitida por un tribunal formado por cinco maxistrados, formularon voto particular dous deles. Argumentan que a omisión desa consulta non pode anular toda a norma porque na súa tramitación si houbo participación con alegacións de numerosas entidades públicas e privadas. Entre elas cita, como organismos da Xunta, a Secretaría Xeral e a Dirección Xeral de Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Dirección Xeral de Pesca e Portos de Galicia da Consellería do Mar, así como entidades privadas como a Confederación de Empresarios de Galicia ou asociacións sectoriais. 

"Ante esta intensa participación cidadá e das organizacións representativas dos intereses afectados, aínda certamente producida nun momento posterior á elaboración do proxecto, parécenos desproporcionado outorgar á omisión do trámite de consulta previa a consecuencia de nulidade absoluta do regulamento", din os maxistrados discrepantes.

Esta anulación do regulamento non afecta á Lei de Costas e os seus prazos limitados de concesións, norma que segue en vigor e avalada polo Constitucional, polo que o Goberno de España pode tramitar un novo regulamento agora de xeito adecuado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.