A análise do Consello de Contas sobre a "resposta" dos gobernos urbanos á pandemia reflicte que case o 75% das achegas extraordinarias que obtiveron foi a través do Estado para compensar as perdas dos autobuses urbanos
"Sentímonos sós; os concellos fixémoslle fronte á pandemia sen axuda da Xunta". En xullo de 2021 a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, expresábase deste xeito en entrevista con Praza.gal para facer balance do xeito en que os gobernos locais tiveran que abordar o peor da COVID. Os comentarios da rexedora socialista coruñesa non eran moi diferentes aos expresados en público e en privado polos seus homólogos noutros municipios, especialmente nas principais cidades.
Catro anos despois do estoupido da pandemia e cando os tempos das restricións e as medidas extraordinarias polo coronavirus semellan soterradas na memoria colectiva, o Consello de Contas continúa divulgando os traballos de fiscalización que ten encomendados sobre a vertente financeira do acontecido. O máis recente, publicado o pasado día 12, analiza a "resposta" á crise sanitaria por parte dos Concellos das sete principais cidades do punto de vista económico.
Entre as cifras que ofrece o ente fiscalizador destaca algunha que non pasou desapercibida nos gobernos urbanos galegos, especialmente nos dirixidos pola esquerda, malia chegar en pleno verán. Apenas un de cada dez euros extra que as cidades galegas recibiron en 2020 e 2021 para afrontar a COVID chegaron dende Xunta.
Cinco das sete cidades galegas sumaron case 14 millóns de achega estatal
Segundo o balance elaborado por Contas, o montante total de "recursos adicionais vinculados a mecanismos extraordinarios de financiamento" pola COVID-19 que chegaron ás cidades galegas neses dous anos ascendeu a 18,66 millóns de euros. Practicamente tres cuartas partes (case 14 millóns) desas inxeccións extra procedían do Goberno de España, algo máis dun 15% (case 3 millóns) das Deputacións e un 10% (algo menos de 2 millóns), do Goberno galego.
Os autobuses, clave nas achegas estatais
A explicación para o forte peso do Estado nestas achegas hai que atopala nos autobuses urbanos. Entre as medidas ditadas polo Goberno de España para compensar as consecuencias económicas da pandemia figurou, a mediados de 2021, unha liña de subvencións para concellos que prestan servizos de transporte público co obxectivo de compensar as empresas concesionarias polos cartos que deixaran de ingresar por mor do virus e as consecuentes restricións de movementos.
Estas subvencións equivalían ao 40% do que ingresaran as compañías de transporte público no ano 2019 e implicaron 13,8 millóns para cinco das sete principais cidades, todas agás Pontevedra e Ferrol. As dúas máis poboadas, Vigo e A Coruña, recibiron por esta vía máis de cinco millóns e medio cada unha. Ourense e Santiago obtiveron máis dun millón e Lugo, case 400.000 euros.
Os algo menos de 2 millóns de achegas da Xunta centráronse nun plan para reforzar a atención a domicilio de persoas vulnerables
No caso da Xunta, sempre atendendo ao avaliado por Contas, pódense contabilizar como "subvencións e axudas" extraordinarias aos concellos das cidades vencelladas á COVID as do "plan social de continxencia habilitado pola Consellería de Política Social" con orzamentos adicionais para os servizos de atención domiciliaria. Estas achegas subvencionaron "atencións na contorna familiar para persoas que o precisaron como consecuencia da pandemia" e sumaron 1,6 millóns de euros.
Os maiores importes por esta vía chegaron a Lugo (algo máis de 394.000 euros) a Vigo (algo máis de 350.000) e mais á Coruña, que superou os 320.000. A maior distancia estiveron os fondos que obtiveron Santiago (183.000 euros), Ourense (149.000), Pontevedra (108.000) e Ferrol (algo menos de 70.000).
A ese plan de Política Social o Consello de Contas engade outros dous pagamentos da Xunta ao Concello de Vigo. Foron 256.105 euros dun plan para atención a persoas sen fogar e 84.240 para financiar axudas municipais de emerxencia en materia de inserción social. A suma obtida por Vigo da Xunta chegaría así a 691.000 euros.
A alcaldesa de Lugo subliña que os fondos achegados pola Xunta ás cidades equivalen a apenas 0,13% dos fondos COVID que o Goberno galego recibiu do Estado
Estas discretas cifras das achegas da Xunta ás cidades foron comparadas por diversas análises e tamén dende algúns dos actuais gobernos urbanos galegos cos orzamentos extra que o Goberno galego recibiu a través dos fondos COVID do Estado. Foran un total de 1.563 millóns de euros, segundo datos do propio Consello de Contas.
Así, por exemplo, a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarelos, subliñaba que os algo menos de 2 millóns que a Xunta achegou ás cidades equivale a apenas ao 0,13% do que o Goberno galego obtivo do Estado aínda que nas sete urbes "viva case a metade da poboación galega". "Un dato importante: ningunha das sete cidades estaba gobernada polo PP nos anos 2020 e 2021, cando a Xunta de Galicia recibiu do Estado ese financiamento adicional", agregaba a rexedora lucense.
A Deputación da Coruña, con máis achega que a Xunta
Deste xeito, as achegas extraordinarias da Xunta ás cidades ficarían mesmo por baixo do total que as respectivas deputacións transferiron para afrontar a pandemia. Mesmo tendo en conta que tres das sete cidades (Vigo, Ourense e Lugo) non tiveron financiamento provincial para este fin.
A Deputación coruñesa financiou nas cidades da provincia programas de gasto social extraordinario e apoios o tecido empresarial
No caso das deputacións, a principal responsable de que acabasen transferindo máis recursos pola COVID ás cidades que a propia Xunta é a da Coruña. Non en van, os fondos que achegou ás tres principais cidades da súa provincia (2,4 millóns) é xa máis do que o Goberno galego remitiu ás sete cidades do país.
Durante os peores anos da pandemia a Deputación da Coruña financiou o Concello da capital da provincia con 1,2 millóns para o seu plan de apoio a gastos correntes de empresas da cidade (PRESCO) e mais con 95.000 euros para afrontar "gastos sociais extraordinarios". Ao Concello de Ferrol remitiulle 800.000 euros que inseriu como unha liña de axuda adicional ao seu Plan de Emprego Local (PEL), e algo máis de 200.000 para gastos sociais extraordinarios. A Santiago destinou algo máis de 90.000 euros tamén cos gastos sociais extraordinarios como fin.
No que atinxe á Deputación de Pontevedra, o Consello de Contas reflicte algo máis de medio millón de euros transferidos ao Concello da capital provincial. Foron investidos "nas obras de adaptación do edificio administrativo municipal da rúa Michelena ás necesidades provocadas pola crise sanitaria", destaca o informe.